casa isolina

Casa Isolina. Campo de Pasos, 4, Taragoña. 981861960. Un local de toda a vida. Produto de mercado para receitas tradicionais locais e galegas. Ambiente entrañable, servizo familiar e prezos comedidos.

Casa Isolina

A placa, en pedra, que loce na fachada, fala ás claras: casa fundada en 1878.
Así, hoxe asoma en calquera listado que se pretenda sobre os locais máis tradicionais de Galicia. É o caso, por exemplo, do artigo 10 templos da cociña tradicional en Galicia (Jorge Guitián en Traveler). A reseña é curta pero contundente: un segredo ben gardado entre os amantes dos mellores peixes das rías; hai que probar as súas empanadas de pan de millo.

O local exsuda toda a esencia dos seus 145 anos de vida (145!!!). O propietario actual, José Manuel Otero, leva á fronte de casa Isolina cerca de cincuenta anos, desde principios da década dos setenta; José Manuel é bisneto dos fundadores, Rosa e Manuel, e neto de Isolina, que actualizou o vello nome, A Cochera, á sona actual. Pedra, madeira e moitos cadros polas paredes.
O servizo é familiar e resulta habitual ver ao propietario percorrendo as mesas cunha palabra amable para cada unha delas.

A carta non admite interpretacións, mar e tradición.
Entrantes: Anchoas Casa Isolina (16€), Empanada de Millo (16€), Croquetas Caseiras (15€), Polbo cociñado de diversos xeitos (20€). Entre os mariscos están a Delicia da casa (15€), as Zamburiñas fritas con salsa especial Isolina (16€) ou os camaróns (segundo mercardo).
Segundos pratos: Bacallau á Isolina (22€), Peixe sapo á targoñesa (20€), Pescada ao forno (16€) ou Raxo con ovos fritos (16€).
Ademais, un apartado especial “fóra de carta”: Robaliza (segundo mercado), Linguado (35€), Raia á galega (16€), e, entre as carnes, unhas Faceiras con mollo de Porto (16€) ou o Entrecosto Angus (35€ os 400 gramos).

Casa Isolina Empanada de millo

Somos catro e pedimos de xeito conxunto. Comezamos pola empanada de millo, hoxe de berberechos, e coincidimos en que a sona é merecida; o millo tenro e triscante, moi zumento, e a zaragallada, na que, ademais dos berberechos, destacan os taquiños de xamón e a cebola; moi, moi rica.
Na mesa, algúns aínda lembramos cando esta mesma empanada a facían cos berberechos dentro das súas cunchas…
De empanada pedimos dúas racións.

Casa Isolina Delicia da casa

Para min, a Delicia da casa é o único prato evitable de toda a comida. Anacos de marisco pochados con cebola que me resultan un tanto eslamiados. Non podo dicir que estaba malo, pero é un invento ao que lle faltaba chispa. Pedimos unha e resulta suficiente para probar.

Casa Isolina Zamburiñas

As zamburiñas fritas con salsa especial Isolina, pola contra, están moi, moi boas. A “salsa especial” resulta substanciosa e acáelle moi ben ás zamburiñas.
Unha ración de oito zamburiñas.

Casa Isolina Choquiños

Os choquiños de bou de Rianxo (dúas racións) están excepcionais. Apenas fritidos cun aire do mollo de cebola de freír e patacas cocidas. O tamaño é perfecto; algúns, quizá pequenos de máis e me gusta moito a preparación.

Casa Isolina Cocochas

As cocochas de pescada, igual que os choquiños, forman parte das propostas “fóra de carta”.
E, como os chocos, están moi, moi boas. Feitas á bilbaína, con moito alliño e un aire de chile, están acompañadas de pataca cocida. Boa calidade, ben elaboradas, mollo na salsa coma se non houbese un mañá.

Casa Isolina Tarta de mazá
Casa Isolina Filloas

De sobremesa unha tarta de mazá (disque moi rica, de feitura caseira) e unha de filloas (son dúas filloas); as filloas poden ser con mel, nata, azucre… Tomo a miña só con azucre e así, sen máis, dá boa conta da súa calidade: está moi boa.

Bebemos auga, unha botella de As Chas (Godello) e cafés, e pagamos 41 euros por cabeza.
Coincidimos en que se trata dun prezo axustado á materia prima, ás cantidades dos pratos, á cociña, e, sobre todo, á historia do local. Pareceunos un local recomendable e ao que hai que ir antes de que desapareza.

Casa Isolina
  • Praza Campo de Pasos, 4, Taragoña
  • Rianxo, A Coruña (15985)
  • 981 86 19 60 / 660 401 766
  • GPS: 42.674335N, 8.824903O
  • Web
  • Facebook
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: 35-40€
  • Peche: luns; noites de domingo, martes, mércores e xoves