casa d’oro

A pé do río Douro, na Marginal, o restaurante Casa D’Oro é toda unha institución en Porto. Especialidades italianas, diferentes ambientes, prezos axustados… e unha situación e unhas vistas incomparábeis.

POR-Porto-CasaDOro

Contigua ao arranque dos arcos da ponte da Arrábida, na marxe dereita do río Douro, sobreviviu a caseta, moitos anos abandonada, que albergaba a dirección de obra e o control topográfico da construción da ponte.
En 2005, Maria Paola Purru quixo darlle unha segunda vida a unha edificación que daquela atopábase en ruínas; despois dunha acertada rehabilitación logrou converter o local nun referente da cociña italiana en Porto e o espazo nun lugar de indubidábel beleza e encanto, literalmente, sobre o río Douro.
O conxunto (casa, ponte e entorno) foi declarado Patrimonio Nacional en 2013 a proposta dun equipo de arquitectos e enxeñeiros que se opuñan á construción dun bloque de vivendas, xusto ao pé da ponte, na parte de Afurada, que tería destruído boa parte do atractivo da zona.

Restaurante Casa d'Oro Porto 01

A ponte da Arrábida, no momento da súa construción, supuxo un enorme esforzo e foi unha obra extremadamente complexa. Daquela sería a terceira ponte para salvar o río Douro entre Porto e Gaia. Anteriormente só existían a ponte de D. Maria Pia, que foi proxectada en ferro polo equipo de Eiffel, e construída entre 1876 e 1877 para o paso do ferrocarril, e a ponte Luís I, que entra en servizo en 1888, tamén metálica, tamén deseñada polo enxeñeiro Théophile Seyrig, xa separado de Eiffel, tamén de arco, pero con dous niveis para poder unir tanto a parte alta como a baixa de Porto e Vila Nova de Gaia.
O deseño da ponte da Arrábida corresponde ao enxeñeiro Edgar Cardoso, que contou coa colaboración do tamén enxeñeiro José Francisco de Azevedo e Silva e do arquitecto Ignacio Fernandes Peres.
En 1963, os seus 614 metros de lonxitude, os 270 de luz e os 70 metros de altura sobre o nivel do río, converteron a da Arrábida na maior ponte de formigón armado do momento en todo o mundo.
Dadas as condicións da ubicación, e rexeitando outras opcións máis fáciles e menos custosas, e para substituír a vella ponte colgante, Edgar Cardoso optou por unha ponte de arco para así manter a unidade coas outras dúas pontes existentes, só que cambiando o material clásico do modernismo, o metal, polo que se impuña con forza no racionalismo dos cincuenta e sensenta, o formigón armado.
No tocante ao deseño, tanto a edificación como a ponte amosan atractivos e evidentes riscos desta arquitectura racionalista.

Restaurante Casa d'Oro Porto 04       Restaurante Casa d'Oro Porto 06

Restaurante Casa d'Oro Porto 25       Restaurante Casa d'Oro Porto 26

Non sabería dicir de xeito rotundo onde está o encanto da Casa D’Oro; se dentro, cos seus detalles, coa ambiente dos sesenta, co acollemento, ou fóra, no deseño do propio edificio e as vistas coas que almorzas.
A Casa ten catro alturas. A principal, de acceso, con bar e zona de espera, a inferior, que é o restaurante propiamente dito, un primeiro andar, espazo de comida informal cunha varanda arredor de tres dos seus lados, os que dan ao río, e a terraza superior.
O día non se presta a moitas terrazas así que comemos no espazo máis informal, con mesas corridas perpendiculares á liña do río. Chegamos de primeiros e escollemos un recuncho ao lado das ventás, desde onde fago as fotos que vedes.
O servizo é rápido e atento, adecuado ao local.
Hai unha carta formal, para o restaurante do soto, con pratos do día (Carpaccio al tartufo nero 13€, Orecchiette con speck e zucchine 10€, Salmone con arancia e senape 15€, Parioli al gorgonzola 17.5€ e Sorbetto di maracuja con chocolate derretido 3.5€). Ademais, unha ampla oferta de Antipasti (Carciofi alla romana 6.5€, Caprese 8.5€, Uovo fritto con tartufo nero 10€, Gamberetti al Ricard 11€, Carpaccio di carne 12€, etc.). Primeiros pratos (Canelloni di carni 11€, Ravioli di baccalá 12.5€, Sapghetti ai gamberini e rucola 12.5€, Penne alla marinara 13.5€, Orecchiette alle cime di rape 9.5€, etc.). Peixes (Baccalé in agro-dolce 14.5€, Salmone in crosta di salmone 15.5€, Calamari ripieni ai Gambri e basilico 15.5€, etc.). Carne (Lingua in fricassé 11€, Salsiccia e polenta 12€, Filetto al gorgonzola 16€, Tournedos ai porcini 20€, Ossobucco alla milanese 16€, etc.).
Por outra banda está a carta do local superior na que entran unha gran variedade de pizzas (conto máis de trinta e van desde o 8 aos 14€), crostini, bruschette e crostone (entre 2 e 4.5€), Calzoni (9,5-12€), Focacce (3.5-4€)… Tamén entrantes (Burrata di puglia 8€, Bresaola, rucola e parmigiano 10€, Saltimbocca 8€, etc.). Os primeiros pratos, nos que se centran as pastas (entre 4.5 e 10€), verduras e ensaladas, etc.

Restaurante Casa d'Oro Porto 08Restaurante Casa d'Oro Porto 10

Pedimos un entrante para compartir: Misto di formaggi al miele (13€). Unha moi boa ración de nove queixos diferentes acompañados de mel. Tanto ten o nome; pode ser un simple requeixo, o mascarpone, un parmesán, a mozarela, gorgonzola, ou o afumado scamorza, é igual, dentro do seu estilo, están todos moi bos.

Restaurante Casa d'Oro Porto 11Restaurante Casa d'Oro Porto 14

De prato pedimos a pizza do día (12.5€) a base de mozarela, tomates cherry desecados e rúcula; dentro da súa sinxeleza está fantástica; a masa é mínima, ben torradiña, triscante, e o compango resulta zumento e saboroso, moi equilibrado, moi rico. É desas pizzas que resultan especiais.

Restaurante Casa d'Oro Porto 22     Restaurante Casa d'Oro Porto 05

Un xeado caseiro de dúas bólas, unha de amorodos e a outra de nutella (este especialmente rico, moi, moi cremoso, acariña o padal con esa mestura de chocolate e abelá), e o café.
Xunto coa xerra de medio litro de viño rosso da casa (‘suficiente’, sen moitos alardes) pagamos 16€ cada un.

Gustounos, moito, esta Casa d’Oro. Moi boa alternativa italiana na cidade de Porto; boa cociña, situación e vistas inigualábeis, ambiente moi agradábel, atractiva mestura de xentes (desde estudantes a garavatas, moitas familias con nenos, turistas, parellas de idade, etc…)… Absolutamente recomendábel.

Casa D’Oro
Rua do Ouro 797
4150-555, Porto
351 22 610 6012
casadoro.pt
Facebook
GPS: 41.147929N,  8.642761O
Cociña: italiana
Prezo: desde 12€