casa consejo. redondela

Redondela é boa praza para os comellóns.
Aínda lembro cando iamos ao bar da Estación onde o gran Manolo facía das súas. Creo que foi o caso máis extremo de incongruencia que coñecín: xamais un cociñeiro da súa valía traballou nun local máis gris.

Casa Consejo 04     Casa Consejo 03

Casa Consejo, na estrada de Negros, a que sube de Redondela a Peinador, presume de peixes e mariscos da ría.
Alejandro, o xefe do negocio en segunda xeración, lembraba hoxe para nós cando, moi noviño, a nai mandábao de volta porque o peixe que traía do mercado non era do seu agrado; falaba dos chipiróns e dos mil e un detalles aos que hai que atender para que sexan fresco e de primeira.

Casa Consejo 01

Luz e Luis, os veteranos do Consejo, din que ao que hai que botarse de cabeza, se os hai, é aos bruños.
A cociña é de mercado e hoxe a recomendación apostaba por unhas cigaliñas.

Casa Consejo 08          Casa Consejo 10

Supremas.
Non son tan ‘cigaliñas’ senón que teñen un tamaño bastante xeitoso. Unha ducia de cigalas carnosas, compactas, coa cabeza toda corais, no punto exacto de cocción e sal. Superiores.

Casa Consejo 11Casa Consejo 13Casa Consejo 16

De peixe pedimos unha de rodaballo, dúas de rape (un e outro na prancha, sen disimulos innecesarios) e unha fonte ben comprida de chipiróns en cebola.
Non sei por onde tirar…
Aínda que si, nótase que estamos en Redondela, creo que poucas veces probei uns chipiróns tan ricos.
É á nosa pregunta da clave para estes fantásticos chipiróns que Alejandro nos conta como aprendeu a comprar o peixe da man da nai, dous anos seguidos, cada día; logo empezou a ir el so… e era cando moitos días tiña que ir de volta…
Non hai máis segredo que a materia prima.

Casa Consejo 17     Casa Consejo 18

De sobremesa, doces da casa para compartir: dúas de torta de piña e unha de torta de flan. As dúas deliciosamente empalagosas.

Bebemos unha botella de mencía da casa e auga. Café con pingas para tres.
Somos catro e saímos a 28€ por barba.
Unha moi boa opción na zona de Redondela.

Casa Consejo
Estrada de Negros 26
36814 Redondela
Teléfono: 986 401 194
Web
GPS: 42º15’44”N 08º36’54”W
Localización en Mapas de Google