Casa Cándida, Viveiró 7, Muras, Lugo. 982188168. A casa dos sete pratos. Unha das mecas da xenerosa cociña lucense. Pratos caseiros, saborosos, moi, moi abundantes e a prezos sen competencia.

Se buscas “Casa Cándida Viveiró” en Internet, os titulares son innumerables pero cun fondo común. “Unha aventura pantagruélica” (El Progreso de Lugo); “Galicia 100%” (El banquete galo); “Un mito: Casa Cándida en Muras” (El trotamantel.es); “Casa Cándida: onde te pos as botas e rebentas o estómago por apenas 22€” (La voz de Galicia); “Estandarte do menú do día lucense por calidade e cantidade” (Guía Repsol)…
Pero se hai unha expresión que destaca sobre as demais é a referida ao alcume de Casa Cándida: A casa dos sete pratos (por exemplo, en Baresymaslugares).
A min, coñecedor dende hai tempo das bondades anunciadas sobre Casa Cándida, a iluminación definitiva chegoume grazas a Eusebio Pérez-Pastor. Como un murciano pode chegar ao máis profundo da provincia de Lugo, aos pés da serra Gañidoira, para recomendar un restaurante?
Pois iso é o que fai Eusebio no seu libro “Sitios de toda la vida“, do que xa vos falei nalgunha que outra ocasión. Subtitulado “Tascas, mesones, posadas, ventas, cantinas, tabernas y bares de toda la vida”, o libro dá unha volta por máis de 600 locais que se poden acoller a tal definición.

E non esaxero cando escribo que, se non o que máis, o apartado dedicado a Casa Cándida é un dos que máis espazo ocupa no libro.
Vexamos algunhas das ‘lindezas’ que Eusebio Pérez-Pastor lle dedica a Casa Cándida:
Para a xente recia e tragaldabas converteuse nunha das mecas da cociña contundente primixenia do norte de Galicia.
Tamén coñecida como “A casa dos sete pratos”; e con iso sobran as presentacións, non?
Sete son os pratos que compoñen o menú único que se sirve neste mesón.
Un menú que é dos poucos que son quen de poñer difícil chegarlle ata o final.
De primeiro, o ‘engaño’, para que nos confiemos e pensemos que se trata dun menú normal: un sinxelos tacos de chourizo, xamón, queixo… (todos caseiros)
O primeiro round véncese con facilidade, pois se trata dunhas ameixas á mariñeira cun mollo delicioso (acompañadas de pan, auténtico pan galego para chupetear).
A segunda entrega é unha trampa: un caldo galego en toda regla que anima a repetir e mesmo a tripitir (non deixarse levar polo entusiasmo).
E chega o ‘intermedio’, un arroz de polo buenísimo, quen de xustificar por si mesmo a viaxe ata aquí para probalo.
Cando os menos bravos xa comezan a curarse en saúde, vén o inevitable compañeiro dun bo caldo: o mellor cocido que lle deu vida. Chega en fontes desbordantes en perfecto punto de cocción: lacón, chourizo, costela, touciño, cacheira, patacas, repolo.
Pero o certo é que o máis duro está por chegar. O lance final é apto só para xente con bríos e moi curtida no xantar copioso. O novo enimigo é un espectacular asado de tenreira, tenrísima, acompañada dun monte de patacas fritas.
E o caso é que aínda faltan por desfilar a tarta, o brazo de xitano, o requeixo con mel, o café de pota e os chupitos.


Difícil, por non dicir imposible, mellorar a descrición das bondades de Casa Cándida.
Así que vou limitarme a algunhas matizacións.
Nunha das ventás, non a máis visible, hai un folio escrito a man e envolto nun arquivador de plástico que resume ás claras a esencia do local. Podemos ler: Prezos comidas. Menú do día (luns a venres) 1º prato, 2º prato, sobremesa, café, bebida, prezo=11 euros. Sábados e festivos, Menú especial: entremeses, ameixas, paella, caldo, cocido (lacón, cacheira…), tenreira asada, sobremesa (tartas e requeixo), café. Prezo: 22 euros por persoa adulta. Nota: este menú non se elixe, servimos todos estes pratos. Horarios: luns a venres: de 13h15′ a 16:00 h. Sábados e festivos: a partir das 14:00 h. Nota: non dispoñemos de pago con TPV.
As cousas claras e o chocolate espeso.
Estamos a xoves, hai algúns menús do día, pero a maioría estamos ao que estamos (que aínda que non é fin de semana, tamén ten o seu aquel).

Había tempo que non escoitaba esta expresión de “entremeses”; antes era un fixo en moitos restaurantes. Neste caso todos caseiros e moi ricos. A pelo, sen pan, sen empapuzarse.

Quen manda, manda. En casa Cándida cómese o que hai, o que che serven, e hoxe, no lugar das ameixas, toca este guiso mariñeiro; bautízano como ‘sopa’, pero eu diría que se achega máis a un guiso de pasta… con tropezóns de mexillóns, ameixas (coa súa cuncha), pequenos lagostinos (con casca), etc.

O caldo. Simplemente sensacional. Aproveito o momento para escribir que nós somos dous, pero traen os pratos en sopeiras enormes cheas ata o bordo, suficientes para media ducia e mesmo máis comensais; e ofrecen repetición.

Xa vedes o cocido. Un chourizo por cabeza, unha boa tira de lacón, unha tira de costela…, e un cuarto de cacheira (inferior) cortado lonxitudinalmente. Por suposto a pregunta obrigada é se queremos máis de algo. Patacas abundantes pero hoxe non hai verdura: outra das servidumes de vir en día de semana. Todos o bocados, todos, están de primeira. Un cocido polo que ben movería o cu a través dunha chea de quilómetros.

A tenreira asada, co seu mollo, a ceboliña, a cenoira…, todo como manda a tradición galega. Nesta ocasión -de novo as consecuencias de vir en día equivocado- sen patacas. Pero probamos a carne e está realmente moi, moi boa. (Tampouco teño claro que, de habelas, quedase un anaquiño de espazo para as patacas).

As sobremesas prometidas: o requeixo, o mel, o brazo e a tarta. Centreime no requeixo. Gustoume moito. Claro que tamén podería haber tirado polo queixo, ou polo xeado, que tamén nos ofreceron.
Dado que o menú é ‘especial’, de semana, e que hai cambios e algunha ausencia, o prezo que pagamos é de 18 euros por cabeza (os nosos veciños da mesa de ao lado, que se saltaron a carne asada, pagan 17 euros).
Teño para min que, en breve, faremos unha nova visita de sábado e, a ser posible, con compañía, moita compañía; vento que con estas dúas premisas a experiencia sería aínda moito máis completa. E recalco ‘aínda’, por que esta visita xa foi moi, moi satisfactoria.
Casa Cándida
Antía Bello
- Viveiró, 7, Igrexa
- 27837 Muras (Lugo)
- 982 18 81 68
- Cociña: tradicional
- Prezo: – de 30€
- Peche: domingo
- Solete Repsol