Unha visita a Casa Barqueiro é obrigada. Sen dúbida polas carnes, pero tamén por unha chea de motivos complementarios. Prezo xusto consonte á cociña e méritos que colgan das paredes.
A presenza de Juan Mari Arzak, amigo da casa, é unha constante.
Despois de atravesar o bar (no que se serven tapas diferentes á carta do restaurante), a sala recíbenos cunha declaración de intencións do mestre donostiarra asinada a man alzada: “Vino divino, Sano alimento… Que coño haces fuera? Pasa pa’dentro!!”. Logo, xa dentro, unha decoración difícil de interpretar; por momentos o comedor semella dividido en dúas zonas, unha de clara influenza dos anos 60, e a outra máis adaptada aos gustos burgueses de finais dos noventa; tamén un pequeno reservado con ambiente propio. A protagonista, sen dúbida, unha enorme panorámica que ocupa por completo unha das paredes: fotografía da veciña Ponte Maceira; ademais, dous bodegóns do mestre Barreiro e, na zona máis pop, vellas fotografías da zona. A outra parede dominante, ao fondo, resaltando sobre o conxunto, é unha gran viñoteca. Ao principio, non hai ninguén na sala, óese demaisado vivo o balbordo do bar; logo, a medida que van chegando xentes ao comedor, o ambiente faise ruidoso desde dentro. Pero non está mal, faise un comedor agradable.
Os camareiros son da vella escola, aprendices da experiencia con todas as súas vantaxes e o exceso de eivas; globalmente non me gustaron moito.
A carta é tradicional, centrada no produto e cun certo toque, como o comedor, burgués. Destacada proposta de viños entre os que nos quedamos coa recomendación da casa: unha botella pequena de Rioja Altanza, reserva de 2014; moi rico, axeitado ás características da comida.
Entrantes: Ensalada Barqueiro (6.95€), Salteado de calabaciña con gambas (8.50€), Ensalada de atún vermello e anchoas (19.30€), Polbo en diferentes presentacións (sobre os 15€), Setas na prancha, Anchoa do Cantábrico, Xamón Ibérico de landra 5J (20.60€)…
Mariscos: Navallas da ría (14.50€), Gambón na prancha (15.90€), Ameixas da ría á mariñeira (350 gr. / 15€), Ameixas da ría á prancha (medio quilogramo / 19.50€), Berberechos (13.50€) ou mexillóns (8.80€) ao vapor… E algún outro marisco de mercado fóra de carta.
Especialidades: Polbo na grella, Arroz de lumbrigante, Costela de boi ou vaca.
Carnes: Costela de vaca á pedra (30.60€ o quilogramo), Costela de vaca suprema á pedra (35.90 o quilogramo), Croca de tenreira na grella (13.90€), Segredo de porco Ibérico 5J (16€), Lagarto de porco Ibérico 5J (16€), Hamburguesa de vaca suprema (14€)… As carnes con salsa española, de pementa ou ao roquefort.
Peixes: Bacallau ao forno (16.30€), Robaliza da ría á espalda con pataca cocida (17.50€), outros peixes do día segundo o mercado.
Vaia por diante que a valoración global da comida en Casa Barqueiro acada esa puntuación alfonsina de OK. Ben, sen máis, sen outros espaventos, correcta, cero reproches pero tampouco nada que destacar pola súa excepcionalidade.
Empanada de xoubas e croquetas de xamón. Mellor as croquetas. A empanada, para o noso gusto, un chisco seca; a masa finísima, papel de fumar, o compango, delicioso, moi ben resolto…, e o conxunto, o dito, algo seco. Pola contra, as croquetas conxugan á perfección a untuosidade do interior coa presenza do rebozado.
Non hai ningún problema en compartir os segundos servidos primeiro o un e logo o outro para que estean no seu punto e non arrefríen.
O peixe sapo na prancha con arroz caldoso e cogomelos mantén o nivel. O peixe moi ben traballado na grella, no seu punto; o arroz algo pasado de sabor e sal rouba protagonismo ao peixe sapo; o lagostino, extraordinario, reforza a sensación de sabor que enmascara ao peixe.
As costeliñas de cordeiro de leite na grella si que están boas. Había moito tempo que non as comiamos. As patacas tamén. Sóbrame esa especie de escalivada quente que volve estar forte e salgada. Claro que tampouco hai que ser un Arzak para presentar unhas costeliñas de cordeiro no seu punto; só hai que coidar de non estragalas, elas válense por si mesmas.
Xeado caseiro (chocolate e mandarina moi ricos por separado e tamén en conxunto) e queixo con marmelo que non pasa de ser correcto; non son malos, nin moito menos, pero tampouco resultan excepcionais.
Trátase dun local moi frecuentado por grandes cociñeiros de toda España que peregrinan a Barqueiro detrás das carnes de boi e vaca galega criadas alí mesmo polos propietarios do restaurante.
Conto con que as carnes son as que dan ese plus de excepcionalidade ao restaurante.
O feito de ter sido recoñecido pola Guía Michelín (Bib Gourmand) e figurar nas recomendacións da Guía Repsol para o Camiño de Santiago (camiño de Fisterra), tamén son valores engadidos.
Todo podía apuntar a un restaurante de prezos prohibitivos pero non, creo que resultan moi, moi axustados a esa mestura de recoñecementos externos, cualiade da materia prima e acerto na cociña; ademais, as racións en xeral son moi abundantes e é fácil pedir en exceso.
Con augas e cafés pagamos 40€ por persoa.
Malia algunhas das cousas escritas, un gourmet galego debe pasar, antes ou despois, por Casa Barqueiro.
E probar as súas carnes.
Por certo, nesta moda de traer a pedra ou calquera outro artefacto á mesa para grellar a carne, habería que ir pensando en solucionar os fumes que produce, que non sempre son agradables para o resto das mesas.
Casa Barqueiro
Mari Carmen Carril
Avenida de Santiago 13
15830 Negreira (A Coruña)
981 81 82 34
GPS: 42.909569, 8.735306O
Facebook
Instagram
Cociña: tradicional, galega
Prezo: 40€
Peche: martes
Guía Repsol
Guía Michelín