O restaurante Campos, en Lugo, e despois de setenta anos de vida, segue tan en forma e fresco coma o primeiro día. Requinte e calidade a prezos dentro do razoable.
Non hai moito lía unha fermosa reportaxe de Jorge Guitián para a revista Traveler. Ruta polos restaurantes centenarios de Galicia era o seu título e podedes acceder a ela aquí.
Atoparás desde Paz Nogueira (1840, Santiago, A Coruña) a Casa Inés (1918, Cotobade, Pontevedra), pasando, por orde de antigüidade, por A Centoleira (1884, Beluso, Pontevedra), Casa Ramallo (1898, Rois, A Coruña), Casa Teodora (1910, Arzúa, A Coruña), Galicia (1916, Bahamonde, Lugo) e Casa Lestón (1917, Sardiñeiro, A Coruña). Unha colección de iconas dificilmente igualable.
Campos non é centenario pero vai camiño de selo.
Todas as delicatessen que Guitián lles dedica aos que están no seu listado son perfectamente aplicables ao Restaurante Campos. “Convén volver aos clásicos… E convén darlles a importancia histórica que teñen… Forman parte do noso patrimonio cultural, nun lugar que se dedica á cociña, pero no que tamén habita a nosa memoria… Defenden receitas que son xa parte do noso legado, do noso ADN… Eses muros son historia viva das nosas cidades e dos nosos pobos… E son, tamén, parte dos nosos recordos…”
Pois si, parte das miñas lembranzas.
Tiven a sorte de nacer nunha familia viaxeira que non reparaba en gastos á hora de brindar experiencias aos seus fillos, a min e aos meus irmáns.
As escapadas a Lugo eran habituais e as comidas repartíanse entre o Mesón de Alberto, uns anos, e o Campos, o ano seguinte.
Pasa dos cincuenta anos que no ía ao Campos.
Nesa teima polo moderno, pola novidade, normalmente buscamos restaurantes actuais; a última visita a Lugo foi, valga como exemplo, para coñecer Paprica.
Non renego desta teima, pero concordo con Jorge Guitián en que, de cando en vez, hai que volver aos clásicos.
E hai que volver aos clásicos para saborear esas receitas que xa forman parte do noso ADN.
Neste caso, a perdiz.
Sorprendeume o lo local; a casona do século XVIII, en tres andares, condensa toda a historia do restaurante nun estado de conservación envexable; as sucesivas reformas respectaron a esencia nobre e requintada sen dar as costas á modernidade, a un certo toque de cosmopolitismo.
Tócanos en sorte o comedor Amparo, branco, moi luminoso, confortable; mandan as madeiras, pintadas e tamén ao natural; esa lámpada central que busca, desde o deseño máis actual, evocar as vellas arañas de cristal.
E, sobre todo, as paredes cubertas de debuxos nos que numerosos comensais renden a súa homenaxe a Manolo Campos, patriarca do establecemento.
A carta é moi ampla: para compartir, arroces, carnes, peixes, de culler, mariscos, tapas curtas e racións…, e hoxe, ademais, as 52 xornadas de caza.
Cociña española, con atención especial ao produto e dominancia diso que se deu en chamar cociña burguesa.
Espectacular (en cantidade pero sobre todo en claridade e explicacións) a carta de viños. Despois de comer e da media horiña de repouso aínda hai que conducir ata Vigo, así que toca unha botella pequena, un Viña Pomal Crianza Centenario (14.5€), que cumpre á perfección.
Agradécense os saúdos do xefe con esta crema de cabaza con aceite de chourizo. Vai un día de cans e serve para abrir boca e entrar en calor.
Un clásico fixo nas nosas celebracións, o Mi-Cuit de parrulo (caseiro) con tostas de pan de aldea e compota de froita de estación y sementes de ajonjoli con redución de amandi (21.90€). Non defrauda. Está no seu punto. Non me gusta moito a combinación coa compota de amorodo e prescindo dela.
As luras da ría, fritas, coma sempre (22.90€). Acompañadas dun alioli moi lixeiro. Espectaculares.
E, como non, o obxecto da nosa visita, a Perdiz á cazadora (elaborada coa mesma receita desde 1952) (Unha perdiz enteira, 15.90€). O dito. Unha desas elaboracións que hai que conservar como patrimonio da nosa gastronomía.
A perdiz, terna e tersa ao tempo, moi saborosa; as patacas cortadas moi finas e ben fritidas, embebidas no mollo; e ese mollo gordo, saboroso, perfectamente ligado, que é quen de acabar con todo o pan da mesa.
Marabilloso peche de menú con este Capuchino: Milfollas de mousse de café, pasta filo e profiterois de nata (8.90€). Explosión de dozura, texturas e temperaturas na boca. Unha sobremesa moi, moi lograda. Das que deixan pegada por moito tempo.
Dous entrantes, un principal, unha sobremesa, auga, viño e café, 46€ por persoa.
Ben; son cartos, pero ben. Pagas a materia prima, as receitas clásicas, o requinte, a historia…
Perfecto para, como era o caso, unha celebración especial.
Restaurante Campos
Esteban Cortinas
Rúa Nova, 2-4
27001 Lugo
982 229 743
GPS:
restaurantecampos.es
Facebook
Instagram
Cociña: española, de mercado
Peche: domingo noite; luns
Prezo: 30-100€
Guía Repsol: Recomendado
TripAdvisor: Posto 8 da provincia de Lugo
Mellores restaurantes de Galicia C,LE: Posto 44