bar peitieiros

Bar Peitieiros. Rúa Perigos, 1, Vigo. 699410119. Bar de toda a vida no Casco Vello. Boa cociña caseira para un menú do día moi solicitado ao prezo de 11.50€ persoa.

Bar Peitieiros Tarxeta

Estamos ante un clásico de Vigo, case unha icona da restauración local.
Nace cando o primeiro bum de bares no Casco Vello (daquela para todo o mundo era, simplemente, ‘viños’) alá por finais dos setenta e principios dos oitenta.
Un auténtico superviviente co valor engadido de manter toda a esencia de cando foi nacido. Como quedan poucos.
Polo camiño quedaron clásicos como O galo do vento, o Tumba, o Porrón, en fin, un listado que medra día a día deixando como legado a nostalxia de todo un monte de lembranzas e bos momentos. Entre os que sobreviven (o Porco, Fai Bistés, o renacido Ovo…), nun lugar de honra e fiel á súa estética e esencia, figura o Bar Peitieiros.

Bar Peitieiros Menú do día

Entrar no Peitieiros é espertar as sensacións dos bares de sempre. A cor da madeira, a visión tentadora dos estantes con licores por riba do mostrador, o chan sementado de cabichas e serraduras aínda na imaxinación, os manteis de hule debuxado aos cadradiños de vivas cores, a formica, o penetrante e inevitable aroma a eau de fritanga.
O Peitieiros é o que é e que ninguén procure alí calquera outra cousa. Non a vai atopar. Pero da súa esencia, da súa razón de ser, autenticidade a mancheas. E isto é precisamente o que buscamos moitos dos que nos achegamos por alí.
Horario de unha do mediodía a catro e media da tarde e domingos pechado; só menú do día; cociña caseira co toque final no momento; rapidez, eficiencia, bo humor, sempre unha palabra amable e un sorriso.

O menú do día, anunciado na porta a base de taboleiro e xiz, como ten que ser, consta de primeiro prato con tres ou catro opcións a elixir, prato principal (nova secuencia de alternativas máis que suficientes), pan, bebida e café ou sobremesa. Nun momento no que a media dos menús do día en Vigo se sitúa entre os 13 e os 15 euros, o Peitieiros aguanta o tipo (e a calidade, e a cantidade) sen chegar a ese límite dos 12 euros.
Será o prezo, será a calidade, pero hoxe está practicamente cheo e comeza da dobrar mesas. Moitos traballadores e traballadoras que operan pola zona, un par de parellas da nosa quinta (ou sexa, ociosas nun mércores coma hoxe grazas á xubilación) e algún que outro turista. A oferta do día, por eses 11.50 euros, concrétase en catro primeiros (ensalada completa, sopa de cocido, chícharos con xamón e lentellas), e seis segundos (carne recheada (roti), albóndigas caseiras, polo ao forno, milanesa de tenreira, lombo á mazá ou a fritura de peixe).

Bar Peitieiros Lentellas
Bar Peitieiros Chícharos con xamón

Para o primeiro pedimos as lentellas e os chícharos para constatar de primeira man que estamos ante unha cociña cen por cen caseira. Calquera dos dous pratos están riquísimos; quentiños e moi, moi saborosos. A anécdota arredor dos primeiros pratos chega da mesa da nosa dereita; parella de turistas, feitura de mochileiros, idioma estranxeiro que non chego a concretar, lustro arriba, lustro abaixo, arredor dos 35. A base de xestos, voces máis altas do habitual e boa predisposición por ambos lados, ela pide a sopa de cocido; el renuncia ao primeiro. Cando traen a sopa, el colle a culler e proba; inmediatamente pide para el outra do mesmo.

Bar Peitieiros Fritada Peixes

De segundo coincidimos coa fritura de peixiños. A que vedes na foto, na súa fonte, é a miña ración: carioca, rapante de tamaño medio (pola metade, a parte da cola), castañeta, cococha de peixe sapo, e unha boa dose de patacas fritas. Destacar que todo vén acabado de saír da tixola, moi ben fritiño e no punto xusto de sal; moi, moi rico. Seica é a estrela do día.

Para beber, o viño tinto da casa; coa gaseosa de rigor entra moi ben gorxa abaixo. Unha tarta xeada (podería ser iogur, froita, natillas ou flan) e un café, e non hai sorpresas á hora de pagar: os 23 euros esperados.
Por todo (pola cantidade, pola autenticidade, pola cociña, polo servizo, polo ambiente, e todo apoiado no prezo), dicía que se mire por onde se mire me parece un menú absolutamente recomendable.

Bar Peitieiros
  • Rúa Perigos, 1
  • 36202, Vigo (Pontevedra)
  • 699 41 01 19
  • GPS: 42.237866N, 8.727892O
  • Cociña: caseira
  • Prezo: 11.50 euros, menú do día
  • Peche: só abre ao mediodía, de luns a sábado
  • Puntuación destacada tanto en Google (4.6/5) como en TripAdvisor (4.5/5)