un cocido no ribeiro… e moito máis

Falo dun cocido no Café Bar Restaurante Caracas, en Ribadavia. Non lle falta de nada. Café, bar e restaurante… E un cocido colectivo a un nivel moito máis que digno.

OUR-Ribadavia-Caracas

A cuestión foi unha saída histórico-eno-eco-etno-gastronómica ao Ribeiro organizada polo Ateneo Atlántico de Vigo (Facebook). Eramos 51 persoas e non faltou de nada.
Nin sequera unha pequena-gran aventura final cun can que se nos coou no autobús e que resultou case imposible descabalgalo; houbemos de esperar máis dunha hora, un par de mordedelas ao chou, e que o propio can decidise baixar ao escoitar o son do chimpín do dono…

DSC_3140DSC_3160DSC_3172

O día comezou cun roteiro histórico-etnóloxico polas igrexas, castelo e ruelas de Rivadavia, da man de Antonio Míguez, encargado da oficina municipal de turismo. Unha gozada. A visita incluía unha primeira toma de contacto coa gastronomía (doces tradicionais da cultura semita) e coa enoloxía (cata dun típico tostado do Ribeiro para empurrar polas pastas), como non podía ser menos, na tafona da Herminia, coa propia Herminia de anfitrioa.
Dubidaría entre as bondades das pastas e a redondez do viño pero non hai lugar, a clave estivo na suave e doce conxunción de ambos (e tamén a hora que era).

DSC_3213DSC_3229DSC_3247

O seguinte paso foi cen por cen enolóxico: adentrámonos no Ribeiro seguindo o Avia ata chegar ao mesmísimo val de Gomariz para visitar a adega Vilerma de Arsenio Paz, un abogado que alá polos setenta revolucionou o ribeiro para devolvelo ás orixes, e que hoxe está considerado coma un auténtico clásico.
Explicacións sobre a historia, o clima, as terras, as vides… do Ribeiro, breve paseo polos campos, visita á adega propiamente dita, e, claro, cata. Do branco e do tinto, acompañados dunha boa selección de bocados. As catas dirixidas con mestría polo propio Arsenio, por Quino e polo noso guía particular, Jorge Vila (Galicia Wine).

20190223_15052220190223_15064620190223_15071120190223_15082620190223_15094220190223_151120

De regreso en Ribadavia, e como xa queda dito, cocido no Caracas.
Non pode haber mellor definición: café, bar, restaurante. O local é de batalla, pero, visto o visto, o espazo físico é o único que raia na vulgaridade. O servizo e o trato foron excelentes, moi rápidos e amables (e iso que dar de comer ao tempo a cincuenta e un comellóns famentos non che resulta nada doado).
O contratado (15€ comensal) era o cocido, sobremesa, bebidas, cafés e chupitos.
Gustoume o cocido. Servido en catro fontes (a de patacas e verdura, a de chourizos –de cebola e de carne–, a de carnes non porcinas, e dúas de variados bocados do noso rei e amigo o porquiño), estaba rico e moi, moi abundante. Eu, persoalmente, deille ben ao lacón, ao chourizo, ao fociño, á pata, ao touciño, á orella (alta, con bos anacos de cacheira)… En fin, un festín.

20190223_15425720190223_155250

De sobremesa, unhas orellas para todo o mundo (ricas) e outro doce a elixir entre unha importante oferta (torta de queixo, de chocolate, flan, torta xeada…).
E o resto, o prometido. Viño a rodar (branco e tinto, loxicamente, do Ribeiro –bastante discretos–), cafés e chupitos.
Creo que para quince euros non se podía pedir máis.
Por certo, unha das miñas veciñas de mesa chívame que, en tempada, paga a pena achegarse ao Caracas a catar as súas anguías…; co que me gustan a min unhas anguías ben fritidas xa me tarda o tempo de voltar! Ademais ten sona pola súa comida caseira, na que non faltan un bos callos, as croquetas, a carne estufada, o caldo…

DSC_3364 DSC_3339 DSC_3403

Para queimar as graxas, a tarde estaba reservada para unha pequena andaina polo bosque Ridimoas.
Ridimoas é unha asociación cultural e ecolóxica para a defensa e estudo dos bosques autóctonos; conta no Ribeiro, no concello de Beade, cun bosque enteiro en propiedade que van comprando aos poucos entre os propios asociados, que son os propietarios, e no que levan á práctica as súas ideas de recuperación do bosque autóctono galego.
Marabilloso paseo da man de Pablo Oitabén pola flora e fauna dun anaco de Galicia que, grazas á súa asociación, volve a ser da Galiza.

Xornada completiña que haberá que reeditar con novos rumbos e novas experiencias gastronómico-enolóxicas da man do Ateneo.

Café Bar Restaurante Caracas
Rúa do Ribeiro 6-8
32400 Ribadavia (Ourense)
988 47 01 10
GPS: 42.291007N,  8.143325O
Cociña: caseira, tradicional
Prezo: 15€