as tortillas do bar brillante

Despois de moito escoitar as súas bondades, sentía certa vergoña por non coñecer as tortillas variadas da cafetería Brillante. Hoxe remediámolo grazas a un recomendable menú do día de 9,5€.

Café Brillante 6 2

O menú consta de entrante, prato, bebida e sobremesa ou café, e o prezo é de9,5€; nós, que non tomamos nin café nin postre, pagamos 8,5 cada un.
Entre os entrantes sempre están as grandes iconas do local: as empanadillas e, sobre todo, as tortillas variadas; ademais, croquetas de xamón, ensaladilla, empanada… O prato principal entra máis no campo do culler, o xamón asado, se hai sorte callos ou fabada, etc.

Café Brillante 10 2Café Brillante 14 2

Nesta primeira ocasión quixemos probar un pouco de todo e tiramos polo variado de tortillas para os tres, unhas croquetas, ensaladilla e, xa que non quedaban empanadillas, empanada de carne.
Quen non coñeza as tortillas do Brillante ten que probalas; con e sen cebola, con chourizo, con espinacas, con tetilla, con champiñóns, con queixo e xamón york, etc., con variacións, ata sete especialidades diferentes. Cada unha no seu estilo e co seu encanto, todas coa pataca en dadiños e o ovo callado pero ben zumenta, para que pingue no pan.
A empanada tamén moi boa, de carne, masa moi finiña, ben cocida, cos bordes triscantes… As croquetas de xamón moi ricas, caseiras, coa bechamel moi delicada, cremosiña…, e tamén saborosa.
Algo máis normal, a ensaladilla; boa pero sen grandes alardes.

Café Brillante 16 2

O Brillante é toda unha institución en Vigo; durante moitos anos estivo na rúa Pontevedra e logo viaxou ata a rúa Barcelona.
Se o ves por fóra non entras; é deses bares pequeneiros, de feitura desleixada, apenas catro ou cinco mesas e, se hai sorte e o tempo acompaña, outras tantas na terraza. Por momentos, ateigado de xente que se apiña na barra cun viño e unha tapa de tortilla (ou a empanadilla).

Café Brillante 7 2

A cociña e o trato son sinxelos, clásicos, caseiros, de moita calor e aínda máis calidade.
Paga a pena pasarse polo Brillante para tomar unhas tapas ou para o menú do día; para mesturar as dúas ideas, xa non tanto. Nós comemos a base de primeiros (como quen di, de tapas), e deste xeito o menú do día faise algo máis caro pois rende menos. Pero isto, xa digo, foi culpa nosa.
Co variado de tortillas de primeiro e, poñamos por caso, un xamón asado con patacas fritas de segundo, os 8,5€ son un prezo excepcional. Moi recomendable.

Cafetería Brillante
Rúa Barcelona 80
36211 Vigo (Pontevedra)
691 507 962
GPS:
Cociña: caseira, tortillas, empanadillas
Prezo: menú do día 9,5€
Peche: domingo