as estrelas michelín non pinchan

Semella está a ser motivo de reflexión na escaseza informativa (!?) deste agosto.
Se o pasado 6 escribía de como ‘Os chefs deben adaptarse á crise ou morrer’, titular que foi do The New York Times de 23 de xullo, onte 26 de agosto, era El País quen nas súas páxinas dominicais dedicadas aos Negocios presentaba unha reportaxe sobre o tema que deu en titular ‘As estrelas Michelín non pinchan’.

elpais

Malia diferenza de enfoque dos titulares, Miguel Ángel García Vega mantén unha tese semellante á formulada polo NYTimes: os grandes nomes da gastronomía española están a capear a crise aínda que moitos deles, para conseguilo, deben diversificar a súa actividade.
Logo está a letra pequena, os matices: a ocupación dos grandes restaurantes mantense grazas á clientela estranxeira; desde o seu máximo en 2008 (232.000), 12.000 locais de restauranción ‘populares’ (‘bares, restaurantes e locais de copas’) houberon de pechar por mor da crise, volvendo así a niveis anteriores a 1999; e a caída libre continúa.
Andoni Luis Aduriz afirma que a caída de facturación nos restaurantes do seu grupo, fóra o mascarón de proa, o Mugaritz, vai polo 30%.

estrelamichelin

A reportaxe de El País céntrase nos restaurantes con tres estrelas Michelín.
E cuantifica no 80% a porcentaxe de ocupación por parte de clientes estranxeiros, e analiza, un por un, os xeitos de diversificación profesional que adoptaron os Arzak, Berasategui, Subijana, Ruscalleda, Roca, Aduriz ou Arola para adecuarse á crise.
Locais de tapas, espazos para celebracións, restaurantes no estranxeiro… e, sobre todo, o asesoramento, en especial para os restaurantes de cadenas hosteleiras.

CasaFermin

Casa Fermín. Oviedo

Non posúe ningunha estrela vermella, pero si dous soles Repsol, e tamén o recoñecemento maioritario da crítica nacional (leo no blog de Carlos Mariona en ABC unha crítica na que xustamente se queixa do xeito de ‘ningunear’ a este tipo de establecementos (en concreto esta Casa Fermín de Oviedo) por parte do cuase-monopolio Michelín.

IMG_1220

Estivemos en Casa Fermín un venres de agosto pola noite. Oviedo estaba exultante, moreas de xentes locais e moito turista nas terrazas de tardiña, a maioría dos restaurantes recomendados pechados… Deixámonos orientar polo TripAdvisor…
O nivel de ocupación de Casa Fermín era medio-baixo, digamos sete ou oito mesas a maioría con dúas persoas; todas, e repito, todas as mesas agás a nosa eran de estranxeiros… e para iso na nosa era Alfonso quen pagaba (lembro, en dólares).

IMG_1223 IMG_1227 IMG_1230

Unha mágoa, porque a cea resultou especial.
Local coidado, actualizado con criterio nunha historia que vén desde 1924, transmitindo sensacións de confortabilidade e acollemento; servizo no punto exacto, correcto pero asequible; carta baseada no produto e nun logrado equilibrio entre innovación e tradición.
Sopa fría de tomate con xelado de aceite de oliva virxe extra (deliciosa delicadeza da casa), As anchoas especiais do Cantábrico con crema de queixo Afuega’l pitu, Sardiña en escabeche con guacamole e aceite de oliva Daura. As sardiñas, simplemente excepcionais.

IMG_1234 IMG_1239

As cocochas de pescada en salsa verde (unha para os dous) moi ricas.
O chocolate xelado con sopa de iogurt e froitas, no que coincidimos de sobremesa, recupera o nivel que raia na perfección.
Ceamos con cava, un Brut Nature Gran Reserva de Privat (Opus Evolutium) e a conta foise a algo máis dos 60 euros cada un.
Totalmente recomendable. Para repetir.

Casa Fermín
Luis Alberto Martínez
San Francisco 8
Oviedo (33003)
Tlfn: 985 216 452 / 985 216 497
E-Electrónico
Web
GPS: 43° 21′ 43.06″N,  5° 50′ 49.48″W
Localización en Mapas de Google
Repsol: 2 soles
Michelín: Mencionado
Verema: 7,2 (10 opinións)
Tripadvisor: Lugar 7 (214) de Oviedo en base a 39 opinións.