clásico entre os clásicos de a coruña

Despois de case vinte anos, se unha palabra define ao restaurante Artabria (A Coruña), é a fiabilidade. Cociña tradicional con concesións ao mercado e ás tendencias actuais. Boa relación calidade-prezo.

Restaurante Artabria 2

Segundo entras en Artabria atopas unha pequena barra e inmediatamente o comedor. O ambiente é agradábel; na decoración manda unha cor granate que confire ao espazo un certo aire de requinte, ás veces un chisco cargante; os cadros de artistas galegos actuais nas paredes apenas conseguen suavizar esa incerta sensación de exceso; ás ventás á cociña si que marcan as características do comedor.
Ten bastantes mesas, como para uns 60 comensais, con espazo suficiente arredor (boa sonoridade, apenas notas o murmurio), mesas que, hoxe, mércores de finais de xaneiro, están case todas ocupadas.

O servizo é atento e profesional na xusta medida.

Carta. Un detalle a ter en conta é que especifica, un por un en cada prato, os alérxenos e as intolerancias.
Para comezar… Croquetas caseiras de xamón ibérico con patacas palla (9.5€), Carpaccio de reno afumado con ensalada de queixo Idiazábal (13.5€), Roliños de salmón afumado con tártara de lagostinos (10.5€), Tempura de polbo sobre puré de pataca (13.6€)…
Arroces e pastas. Arroz caldoso de carabineiros (especialidade)(22€), arroz con lumbrigante (23€), cintas frescas salteadas con nata e carpaccio de lagostinos (9.5€).
Nos peixes ofrecemos… Sanmartiño con vinagreta de lagostinos e espárragos verdes (21€), Bacallau á prancha con pisto e vinagreta de froitos secos (17.5€)…
Nas carnes ofrecemos… Foie de pato con puré de orellóns (16.4€), Solombo de tenreira con foie ao Porto (21€), Costela de Black Angus con salsa barbacoa e pataca de luxe (16€)…
Ademais da carta, o Artabria celebra ao longo do ano, e por tempada, diversas xornadas gastronómicas: lamprea (na que estamos), caza, arroz, bonito, bacallau, atún vermello…)

Artabria conta cun exitoso menú de degustación que consta de dúas entradas, prato de peixe, prato de carne e sobremesa, por un prezo de 34 euros. Pareceunos unha boa opción e un prezo razoábel (ao final converteríase nunha magnífica decisión). Para mollalo pedimos un mencía Guímaro.

Restaurante Artabria 3

Comezamos cun aperitivo: Escuma de allo porro con chistorra. Bo bocado; axuda a entrar en calor da humidade de fóra.

Restaurante Artabria 4Restaurante Artabria 7

Os entrantes, xunto coas cestiñas crocantes de zamburiñas con crema de nécoras (12.6€), seica son dous clásicos imprescindíbeis no local: as Colas de lagostinos crocantes, aguacate e emulsión de allo e os Bombóns caseiros de foie con salsa de frambuesa e pistacho. Os dous son excelentes opcións; pratos ben ensamblados, ben traballados, moi ben presentados…, e, por riba de todo, moi ricos.

Restaurante Artabria 8Restaurante Artabria 9

O peixe volve ser marca da casa: o Peixe sapo con queixo do país, salsa de pemento e arroz cremoso de setas. Eu, que non son moito do pixín, quedei encantado; o peixe moi ben traballado e a conxunción co queixo e co arroz é perfecta. Gustoume moito.
Tamén a carne estivo a un moi alto nivel: Bacoriño  con pataca panadeira e puré de mazá.
As cantidades son perfectas; a carne non chega a aburrir como pasa en demasiadas ocasións; tampouco botas de menos un bocado máis; menú moi equilibrado.

Restaurante Artabria 11

A sobremesa volve ser outro momento estelar. Semifrío de queixo, escuma de mango e xeado de framboesa. Tamén, sen ser un incondicional destas sobremesas de culler, en bote, pareceume unha moi boa conxunción de sabores e texturas. Outras opcións na carta son os Bombóns de chocolate branco recheados de froita da paixón, a Milfollas crocante de vainilla con xeado, o Leite fritido con xeado doce de leite e crema Bayleys, ou a celebrada Torta quente de abelás.

Pagamos 42€ cada un, con cafés e viño. Paréceme un prezo razoábel para un menú de degustación tan completo coma o que ofrecen en Artabria. Seguindo a carta, penso que se pode comer moi ben por trinta ou trinta e cinco euros, prezo que considero moi axustado para a suma de características destacábeis do local (produto, cociña, servizo, coidado dos detalles, etc.)

Moi boa experiencia, altamente recomendábel
Non en van é un restaurante Big Gurmand Michelín, está na guía Repsol, e, a día de hoxe, está de terceiro entre os máis de seiscentos restaurantes de A Coruña en TripAdvisor, con moitas opinións na liña do comezo da entrada: ‘sempre perfecto’, ‘nunca falla’, ‘fantástico, coma sempre’, ‘un clásico’, etc.

Artabria
Juan Mato

R Fernando Macías 28
15004 A Coruña
+34 981 26 96 46
restauranteartabria.com
Facebook
GPS: 43.366403N,  8.413233O
Cociña: galega (burguesa) con toques actuais
Prezo: 34€
Peche: domingo noite; luns noite