amor de madre

Rúa Camilo José Cela 9, Vilagarcía de Arousa. 611791937. Receitas variadas e de calidade baseadas nunha cociña tradicional galega fusionada coas últimas tendencias gastronómicas internacionais a un prezo moi suxestivo.

Amor de madre negro

Malia opinións -e intentos de subversión da realidade por parte de moitos medios-, e se nos centramos na poderosa guía Vermella, ninguén pode dubidar que o auténtico epicentro da gastronomía galega está nas Rías Baixas.
Isto, claro está, con permiso da cidade de Ourense que, como cidade, é a líder indiscutible con tres restaurantes estrela Michelín: Nova, Miguel González e Ceibe. Ou sexa, unha estrela para cada 35000 habitantes. Se trasladamos esta ratio ao resto de grandes cidades galegas atopamos que a máis beneficiada é Pontevedra, con dúas estrelas (Eirado e Solla) e que para estar ao nivel de Ourense debería estar máis cerca das tres que das dúas (2.4); a continuación, e moi de cerca, está Santiago (A Tafona, Marcelo), que atendendo á proporción ourensá debería estar nas 2.7 estrelas para os seus 96000 habitantes. No extremos contrario está Lugo que, con 98000 habitantes non ten ningunha estrela. E, xa por fin, aí aí, están A Coruña e Vigo que, por poboación e en comparación con Ourense deberían ter respectivamente 7 e 8.4 estrelas; A Coruña cunha única estrela (Árbore de Veira), é a irmá pobre da familia, e Vigo, con dúas (Maruja Limón e Silabario) e 294000 habitantes
Un caso absolutamente excepcional é Poio, que, cos seus 17000 habitantes, conta con tres estrelas Michelín, (Pepe Vieira 2 estrelas, e Solla).
Logo están as poboacións menores que, coa lóxica dos datos de poboación non deberían ter estrelas e aí están, todas elas, entre as privilexiadas; por orde de menor a maior poboación falamos de Fisterra con 4700 habitantes (Terra), Malpica 5400 (As Garzas), Padrón, 8300 (O Pazo), Santa Comba 9500 (Retiro da Costiña), O Grove 10700 (Culler de Pau, 2 estrelas) e Cambados, 13 500 habitantes (Yayo Daporta)
A comarca natural das Rías Baixas acapara practicamente o cincuenta por cento (9 de 19) de todas as estrelas Michelín de Galicia.

Vén todo isto a conto de Vilagarcía. Desde que viviu os gloriosos tempos de Chocolate (estrela Michelín durante 14 anos seguidos, entre 1980 e 1993, e coa salvidade de Loliña, que chegou para recoller a testemuña de Chocolate (11 anos con estrela, entre 1994 e 2004; lembremos que Loliña estaba en Carril e que Carril pertence a Vilagacía, pero, gastronomicamente, Carril considérase case unha república independente), desde Chocolate, Vilagarcía atravesa un inacabable período de seca no mapa gastronómico galego. A día de hoxe apenas está representado polo Loxe Mareiro, que, casualmente!, tamén está en Carril.

Neste contexto, en xaneiro de 2023 aparecía en La voz de Galicia un artigo cun título contundente: A sorpresa culinaria do ano que se goza con calma no Piñeiriño. E a sorpresa, a un mes escaso da súa apertura, era o Amor de Madre. Pola mesma época, o Faro de Vigo utilizaba un titular algo máis comedido, O Amor de madre faise querer no Piñeiriño, e o treintayseis matizaba: Amor de madre: unha oda á cociña caseira de Vilagarcía de Arousa.
Un ano despois, xa podemos falar dun local consolidado en Vilagarcía; poida que non chegue a facerse un lugar na elite gastronómica galega, pero non existe dúbida que a aceptación popular fai comprido eco do entusiasmo mediático creado nun principio.

Amor de madre Destacada

Así de entrada, o Amor de madre é un local amplo, moderno, luminoso, no que prevalece o mobiliario nórdico. Con dous espazos diferenzados pola altura (bar á entrada, e restaurante baixando unhas escaleiras), resulta moi agradable. Reservado por completo na parte baixa, comemos na parte teoricamente dedicada a bar, un espazo que, ao longo da comida tamén acabou totalmente ocupado.
O persoal resulta moi especialmente atento, alegre, próximo e, sobre todo, eficiente, óptimo para a configuración do local.
Dende a dirección falan máis dun local de tapas moderno que dun restaurante; na páxina web descríbense como “Fusionamos o máis tradicional coas últimas técnicas culinarias. Tan saudable como saborosa. Para que gozar do mellor cada día sexa xenial. Con todo o cariño dunha nai que cociña para os seus seres queridos. Cociña tradicional revisada e moderna”.
Así, a carta resulta moi ampla e, efectivamente, aporta propostas curisosas. Ademais da sección de “Hamburguesas Gourmet” (arredor dos 14€), atopamos pratos como: Churrasco coreano afumado con olivo (16€), Steak Tartar, con rábano picante, cabaza e xel de coco, arroz salvaxe e micro brotes de mandarina (15€), Médula de vaca vella ao forno, con boletus, emulsión de trufa afumada e berenxena glaseada (21€), Tartar de salmón con alga nori, mango, aguacate, wasabi e sésamo negro (16€), Lombo de gamba xigante con allo, aceite de crustáceos e cítricos (15€), Gambas marinadas en kimchi, xenxibre e aceite de sésamo tempurizado con salsa kimutxi (15€), Tortilla española con ovos de galiña e trufa (12€), Gyozas de cocido de vaca vella, curry vermello con manteiga de cacahuete (12€), Ensalada con brotes tenros, garavanzos tostados, aguacate e rodajas de améndoa (10.5€), Edamame con katsoubushi, cun punto picante (9,5€), e un longo etcétera.
Pero o protagonista entre semana e ao mediodía e o menú do día. Consta de primeiro, segundo, pan, bebida e sobremesa caseira ou café; a oferta cambia cada dous ou tres días e o prezo é de 13 euros.
Hoxe, en concreto, entre os primeiros atopamos uns Callos á madrileña con garavanzos, Ensalada de amorodos con polo marinado, queixo fresco de cabra, millo tostado e vinagreta doce, ou os Penne rigate á xenovesa con ricotta e noces; os pratos principais son: Wok de polo campeiro coa súa verdura e pataca panadeira, Lombos de bacallau confeitados con parmentier e Costillar de porco asado a baixa temperatura con bbq Jack Daniel’s e mel coas súas patacas.

Amor de madre Ensalada
Amor de madre Pasta

De primeiro tomamos a ensalada e a pasta; calquera dos dous estaban moi saborosos e equilibrados, cun tratamento pouco habitual para tratarse dun menú do día.

Amor de madre Churrasco
Amor de madre Bacallau

De segundos, o churrasco a baixa temperatura e o bacallau confeitado. Tamén os dous están bos; a costela, quizá, necesitaba un bocado máis de forno pois estaba un pouco lonxe dese punto en que a carne ten que separarse de óso.

Amor de madre Sobremesa
Amor de madre Sobremesa

De sobresa, un de cada unha das dúas que ofrecía o menú: o tiramisú e a tarta de galleta; en ambos casos caseiras e dentro da moda dos tarros de cristal. Sen ser fan deste tipo de doces (máis que nada polas texturas, que acaban sendo todas homoxéneas e iguais) o tiramisú resultoume especialmente rico.

Comemos con caña e viño Mencía, tomo café, e pagamos os 13 euros do menú cun suplemento de 1.40 polo café.
Saímos moi satisfeitos da comida e pensando en volver para probar algunhas das propostas da carta.
O único é que entre a sona (Amor de madre) e as intencións recoñecidas (cociña caseira), poden levar a un certo grao de confusión; entendendo que o nome pode facer alusión ao agarimo co que cociñan as mamás, creo que a oferta dista moito do que eu chamo cociña ‘caseira’ ou familiar.
Moi recomendable.

Amor de madre
  • Rúa Camilo José Cela, 9
  • 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
  • 611 79 19 37
  • GPS: 42.588286N, 8.771975O
  • amordemadre.com
  • Instagram
  • Cociña: fusión
  • Prezo: menú do día 13 euros
  • Peche: domingo noite, luns.