amaranto

Amaranto. Rúa Picavia 12, A Coruña, 981021964. Un paraíso sen gluten. Panadería variada, pastelería apetecible e cociña casual aceptable a prezos razoables (para o que é o desproporcionado mercado SG).

Amaranto Tarxeta

Vaia por diante que Amaranto non é un paraíso gourmet. Todo o contrario. Se cadra estamos ante a antítese dos comellóns máis refinados.
Pero é un local necesario.
Todo, e insisto, todo o que se ofrece en Amaranto é comida sen gluten e, polo tanto con risco cero de contaminación.
E o que se ofrece é a típica carta de comida casual (aquí te pillo, aquí te como): tostas, bocatas, bowls, pizzas, etc. Ou sexa, o menú soñado por calquera neno, adolescente ou moza e do que, normalmente, as persoas celíacas quedaban fóra de xogo.

“En Amaranto sabemos que unha cousa non ten nada que ver coa outra: pódese facer un pan 100% artesanal, sen glute, e que sexa delicioso e nada aburrido. Conseguímolo con métodos e ingredientes naturais, con fermentacións longas e elaborados con masa madre, sen aditivos nin conservantes artificiais. E facémolo sempre innovando, reinventándonos con cada preparación, só con produtos naturais, sostibles, ricos e orixinais”.
Seica é unha declaración de principios utópica, que peca de optimista e cargada de marketing, pero a útopia está na semente dos grandes proxectos.
Fixen un menú para probar o comportamento das masas en diferentes situacións e quedei bastante contento.
Destacaría o nivel do pan: oferta xenerosa e variada e, ata onde probei, con resultados de perfecta feitura, sabor e, o máis complicado, con texturas moi destacables. Teñen desde a Fogaza (a base de trigo sarraceno, o produto máis versátil e vendido; probeino cru e tamén tostado e en ambos casos cun resultado excelente), ata os picos, pasando pola Baguete de millo (especial para bocatas, tenro e brandiño), a Chapatita, o Chusco de quinoa, a Fogaza con sementes, o Pan de molde, ou o de hamburguesa, picos.
Na parte doce, o roll de canela e noces, o queique de chocolate e o de froitos vermellos, as napolitanas, palmeiras, cookies, magdalenas, croissants (sen bañar ou con chocolate branco ou negro), etc. Tomei o café cun croissant mollado e gustoume.

Distintivo Ambiental 0

Todos os produtos da panadería-pastelería (incluídas algunhas das fariñas das elaboracións) poden comprarse na tenda online: amaranto tenda.

O local é moderno e funcional e un chisco incómodo; insisto en que non estamos ante un restaurante ao uso no que ir a darse unha homenaxe.
Para as persoas non celíacas non se trata, nin moito menos, do local ideal: na enorme oferta que hai, atopamos moitos moito mellores. Para os que temos intolerancia ao gluten, é un local indespensable: podemos comer o comen todos os demais mentres esperamos pola panacea da fariña de trigo que aglutine sen gluten.
Hoxe é sábado e está a tope nos seus tres espazos; iamos con reserva e non tivemos problemas.
A carta salgada está formada por bowls (poke salmón, con wakame, edame, millo doce, cebola encurtida, aguacate, pepino e salmón, 12,95 €), poke eura (vegano, con wakame, edamame, millo doce, cebola encurtida, aguacate, pepino e eura rallado, 13,50 €) ou o Poke de polo teriyaki (wakame, edamame, millo doce, cebola encurtida, aguacate, pepino e polo con salsa teriyaki, 13,50€).
Logo están as tostas: Amaranto (ovo poché sobre torrada con aguacate e sésamo, 5,90 €), Eggs Royale (ovo poché sobre torrada con salmón afumado, rúcula e servido coa nosa salsa holandesa, 4,95 €) ou a Torrada de froitas (base de queixo crema con froita de tempada).
Pizzas: Vexetariana (queixo vegano, cogomelos, cenoria, berenxena, cabaciña e pemento vermello, 13,95 €), Serrana (queixo, xamón serrano, tomates cherry, rúcula e ourego, 11,95 €), a Margarita (mozzarella, tomate cherry e ourego, 14,95 €), Capresa, ou a opción “crea a túa pizza”.
Ensaladas: Atún (Mezclun de leituga, atún, ovo, cebola vermella, millo, salsa de tomate e mostaza mel, 11,95€), Cabra (Mezclum de leituga, cereixas, noces, arandos e queixo de cabra, 12,95 €), Amaranto (Mezclum de leituga, tomate, aguacate, cebola, noces e sementes de amaranto, 12,95 €), etc.
Para picar: Verduras salteadas (11.95€), Croquetas de espinacas e queixo azul (13,50€) ou de xamón (12,95€), Fingers de polo (13,95 €), etc.
Tapas: Tortilla 2.50, Ensaladilla 2.90, Empanadillas…
Pratos: Polo ao pesto (Arroz con pesto de polo, espárragos bravos e tomates cherry confitados, 11,95 €), Polo ao curry (Arroz con polo ao curry, 11,95 €), Bol de amaranto Buddah (arroz, amaranto salteado con sementes, aguacate, pepino, cenoria e polo teriyaki, 12,95 €), Noodles de arroz (12,95 €), Lasaña (13.95€), Raxo ao Amaranto, etc.

Amaranto Ensaladilla

Como se trataba do que se trataba, comezamos pola ensaladilla; ben; acompañada do pan de bóla que así, a pelo, está moi rico e ten unha textura excelente.

Amaranto Empanadilla

A empandilla. O único prato fallido. Exceso dunha masa pouco favorecida e un recheo un tanto artificial. Non me gustou.

Amaranto Sandwich

O sandwich mixto con bechamel por riba e ao forno. Moi rico. O pan de molde, así, tostado, especialmente bo; ese puntiño de sequidade que ás veces ten o pan sen gluten queda compensado pola bechamel que leva por riba: un acerto.

Amaranto Tosta Ovo
Amaranto Tosta atún

As tostas. a de ovo benedicto (ovo poché sobre torrada con touciño, rúcula, ceboliño e salsa holandesa) e a de queixo (con atún, queixo e oliva negra).
Calquera das dúas están ricas. O pan, de novo a fogaza normal, torradiña, mantén o tipo de xeito especial.

Con caña, copa de Mencía, café e croissant pagamos 15 euros cada un.
Non está nada mal.

Amaranto
  • Rúa Picavia 12
  • A Coruña, 15004
  • 981 02 19 64
  • GPS: 43.365628N, 8.405662O
  • amarantobakery
  • Facebook
  • Cociña: casual sen gluten
  • Prezo: 15 euros
  • Peche: domingo
Helmut Newton

Nesta ocasión a visita a Coruña era para visitar a exposición de fotografías de Helmut Newton organizada pola Fundación Marta Ortega nos espazos do Porto de A Coruña.
A instalación, cada vez máis bonita. Espectacular.
As fotos, fermosas, moi técnicas, rompedoras, transgresoras.
Gustoume tanto que lle dedico unha galería propia noutra entrada.