alium

Alium. Rúa Ecuador 80, Vigo. 697883367. Restaurante e tapería cen por cen sen gluten sen renunciar a técnicas nin sabores. Trato amable e familiar. Interesante e asequible menú do día.

Logo Gluten Free

Desde hai uns meses ando a fedellar sobre o tema da oferta gastronómica sen gluten.
Vai por diante que todo o que escribo se centra na celiaquía, problemática que coñezo moi directamente, pero que é xeneralizable a outras intolerancias (lactosa), e ás alerxias alimentarias (tantas que é absurdo citar algunhas delas).
As intolerancias e as alerxias son disfuncións claramente diferentes; se ben ambas están relacionadas co sistema inmunolóxico, unha alerxia pode matar a moi curto prazo a través dun shock anafiláctico; a intolerancia, a curto prazo, produce síntomas moi desagradables (gastrointestinales, neurolóxicos, dermatolóxicos…) pero non son motivo de perigo vital inmediato; pola contra, a medio prazo, o consumo de gluten produce unha degradación progresiva do sistema dixestivo que pode desembocar en numerosas patoloxías, moitas delas, con risco evidente para a vida (malabsorción con déficit nutricional grave, linfoma intestinal u outros cánceres gastrointestinales, insuficiencia pancreática, etc.).

Distintivo Ambiental B

Imaxino un sistema que clasifique os bares e restaurantes en función da súa atención a persoas con celiaquía. Algo así como a etiqueta medioambiental dos coches.
Habería un primeiro grupo (digámoslle B, máxima contaminación, en vías de extinción) que son aqueles restaurantes que se limitan a cumprir a lei de información alimentaria, ou sexa, a marcar na carta as substancias e produtos que poden producir alerxias ou intolerancias en cada prato da oferta. A norma e extensible a bares, supermercados e, en xeral, a calquera establecemento que teña á venda produtos alimentarios sexan envasados ou non.
Neste grupo están aqueles locais, por certo unha maioría, que, e por dicilo así, ‘pasan’ das alerxias e intolerancias, ou sexa, non lle prestan máis atención que aquela que resulta da obriga legal. E un erro importante sobre a lei: desenvolve o listado daqueles ‘alérxenos’ que hai que especificar nas cartas e envasados [cereais que conteñen glute (trigo, centeo, cebada, avea, etc., crustáceos, ovos, peixe, cacahuete e outros froitos secos (améndoas, abelás, noces, etc.), soia, leite e os seus derivados, apio, mostaza, sementes de sésamo, dióxido de xofre e sulfitos, chícharos bravos e/ou moluscos, ademais de todos os produtos derivados dos anteriores].

Distintivo Ambiental C

Nun segundo, grupo, o C, están aqueles vehículos con alto nivel de contaminación pero sen chegar ao máximo. Imaxino bares e restaurantes que se promocionan como gluten free e que se limitan a ter unha tostada ou pan conxelado para satisfacer aos clientes celíacos. Do resto, pouco ou nada. Aquelas elaboracións que normalmente conteñen gluten seguen a telo, e as receitas que por norma non levan gluten pois son ‘sen gluten’, aptas para celíacos.

Distintivo Ambiental Eco
Distintivo Ambiental Eco

Coa etiqueta ECO asoman os primeiros esforzos reais para reducir a contaminación ambiental: os coches híbridos. Estamos ante un puño de restaurantes -non moitos- que se esmeran á hora de presentar pans e sobremesas sen gluten e que teñen unha proposta específica de pratos que non implican risco para os celíacos. O maior problema deste tipo de locais está na contaminación cruzada.

Distintivo Ambiental 0

E xa para rematar están os vehículos coa etiqueta azul de 0 emisións: eléctricos e eléctricos-híbridos enchufables. A día de hoxe, son a excepción. Son os restaurantes, moi pouquiños, que teñen unha oferta cen por cen sen gluten, ou, o que é o mesmo, aqueles nos que non entra nin un gran de gluten, e polo tanto, poden garantir de xeito absoluto a seguridade.

Alium Tarxeta

Alium, en Vigo sería unha desas rara avis do grupo de 0 emisións: restaurantes nos que non entra o gluten.
Na páxina web (aliumglutenfree.com) está a clave do que para min é a gran aportación de ALium: “Contamos con gran variedade de produtos frescos de hortas ecolóxicas, carnes da mellor calidade, sempre procurando utilizar produtos galegos. Temos opcións veganas, vexetarianas e sen lactosa. Ademais, estamos moi orgullosos de informar que o 100% dos nosos pratos están sen gluten”.
En contra da tendencia habitual (restaurantes veganos ou mesmo vexetarianos que se apuntan á moda do ‘sen gluten’ como moda ou opción persoal, non como necesidade vital; non esquezamos que con todas as connotacións que queiramos ou queiran ver, a vida vegana ou a alimentación vexetariana son unha opción persoal, non unha obriga por mor da saúde). Dicía que Alium parte como restaurante cen por cen libre de gluten que, ademais, ofrece opcións vexetarianas e veganas.
O veganismo non se impón como obriga ás persoas celíacas.

O local é moderno e agradable e a atención exquisita. Estamos en día de semana ao mediodía e o nivel de ocupación é bastante máis que respetable.
A carta é ampla e moi ben especificada: o símbolo ‘sen gluten’ figura en todos os pratos e, nalgúns deles, establece a diferencia entre “pratos vexetarianos con opción vegana” e “pratos cen por cen veganos”.
Os entrantes están divididos, metade e metade, entre os vexetarianos (Ensalada Cebreiro ou Berenxena miso) e os veganos (Allos porros confeitados ou Buñuelos de iuca e boletus).
O resto da oferta sería a base de carnes (Confit de parrulo ou Costela de tenreira galega con BBQ) ou peixes (Canelón de lura e setas ou Polbo á brasa), e sempre sen gluten.
Os entrantes están entre os 8 e os 14 euros (algúns deles poden pasar por pratos principais), e os de carne ou peixe van dos 10 aos 19 euros.

Unha opción moi interesante e a de menú do día (‘Crea o teu menú: consiste en elixir como prato principal unha das nosas suxestións do día ou calquera prato da carta, e engadiremos 4,5€ ao prezo dese prato para incluír entrante, auga, café ou sobremesa”.)
Hoxe, como entrantes do día están uns Garavanzos con panceta afumada e a Crema de cabaciño e mazá (esta segunda é a opción vegana), e como suxestións do día para o prato principal: Codillo de porco con pataca rioxana, Fish and Chips con salsa tártara ou Milanesa de berenxena con tartar de champiñons, todos eles a 10 euros.

Alium Garavanzos

Coincidimos con este potaxe de garavanzos con touciño entrefebrado; realmente rico; á vella usanza das especias dos callos; se hai que pór un pero, sería que se trata dunha ración un tanto excesiva para ser entrante. Pero, claro, sempre podes deixar unha parte (ou non!).

Alium Fish and Chips

Fish and Chips con mollo tártaro. O peixe é arcea (‘gallineta‘), e a súa mellor virtude está no rebozado: envolvente, crocante, esponxoso…, moi, moi logrado para ser unha receita sen fariña de trigo, posiblemente, a base de fariña de arroz. As pataquiñas, caseiras e fritidas no momento, moi ricas; e a salsa acompaña ben ao peixe e aporta frescura.

Alium Codillo

O codillo de porco con patacas á rioxana. Por separado, as dúas preparacións están moi logradas; a min, persoalmente, non me pegan moito xuntas; trátase de dous sabores dominantes, presentados en moita cantidade, que para min non suman. Comín basicamente o codillo con bocados de pataca; de cando en vez, un mollo na salsa e bocado de chourizo. Como ocorría co entrante, a ración é inmensa, diría que, presentando por separado patacas e codillo, unha magnífica comida.

Alium Sobremesa

A sobremesa é un destes preparados de thermomix que están tan de moda e que aguanta sen fisuras o nivel xeral da comida.
Compartimos un doce e eu tomo café e pagamos 17.50€ por persoa. Lembramos que o menú é con auga e que polo tanto a caña e a copa de Mencía son a maiores.
En todo caso, un menú do día á medida que non está nada, nada mal.

Alium
  • Rúa Ecuador 80
  • Vigo 36204 (Pontevedra)
  • 697 88 33 67
  • GPS:
  • aliumgutenfree
  • Facebook
  • Cociña: sen gluten
  • Prezo: 25 euros
  • Peche: luns, martes
  • Puntuación en Google: 4.7
  • Puntuación en Tripadvisor: 4.5