alborés en noia: moito máis que empanada

Noia pasa por ser unha das capitais da empanada galega.
De bacallau, de xoubas, de raxo, de zamburiñas, de lombo adobado, de polo… mesmo de cocido. Calquera compango vale para inventar unha boa empanada; a cuestión está, sobre todo, en acertar coas proporcións: a cantidade e o punto de fritido da cebola, por unha banda, e por outra o aceite, que unido ao mollo que poida suar o propio compango, debe ser quen de dar vida pero sen chegar a empapuzar a masa.
E, claro, non hai empanada sen masa e, para moitos, esta é a auténtica clave do éxito. De costa ou interior, máis fina ou ben gordecha, de millo, trigo, mesturas…

Bar Alborés Noia 04

Disque a empanada máis tradicional de Noia é a de millo con berberechos dos arenais da ría. E os máis vellos do lugar afirman que a clave que deu sona á súa empanada foi o feito de que, durante a cocción, se lle dá unha volta non forno como se de tortilla se tratase.

Noia-Alborés

Casa Alborés pasa por ser un dos templos da empanada de Noia e este mediodía comprobamos que si, que sen menosprezar outras ofertas da vila, que non coñecemos, a empanada de Alborés resulta absolutamente excepcional.

Bar Alborés Noia 05

Hoxe, venres santo, coceran, cando menos, unha de bacallau con mexillóns, outra de luras e unha terceira de peixe sapo.
Cando nos chegou a quenda, soamente chegamos á de luras. A masa, incriblemente fina, está crocante e, ao tempo, zumenta e saborosísima; o guiso de luras, fantástico. O conxunto, unha das mellores empanadas de toda unha vida de procura da perfección nun dos nosos pratos preferidos.

Bar Alborés Noia 02

Alborés nace como bar e como bar mantén boa parte da súa esencia: un espazo non moi grande para tomar uns viños cunhas tapas que hoxe, por certo, ás dúas da tarde, está a rebentar, polo que semella, de noieses. Logo, ao fondo, un pequenísimo comedor con tres mesas –non máis dunha ducia de lugares– e un esmero na decoración que se agradece (a pesar dalgunha que outra disonancia nos complementos e no exceso de celo no adorno das mesas). Por sorte iamos con reserva, porque, senón, teríamos quedado a velas vir.

A carta, en xeral, é tradicional pero adozada cun par de peixes e un par de carnes de corte máis internacional (e moi sorprendente para a contorna onde nos movemos). Ademais das empanadas do día (un lotería na que unha vez que xogas non acertas a adiviñar canto, pero que podes xurar que che vai tocar), polbo, navallas, luras da ría, diversos peixes na prancha, costelas de cordeiro… e as dúas propostas polas que al final nos decidimos: o Peixe sapo á Lorena e o Bacallau á Rosalía.

Bar Alborés Noia 06 Bar Alborés Noia 09

O bacallau, como ben nos define a patroa cando nos canta o menú, é un preparado agridoce: con cebola confeitada salteada con froitos secos e un puntiño –case inapreciable pero que lle dá un toque viveza– de vinagre. O bacallao, de primeira, no punto de desalgado e cocción. Conxunto equilibrado e delicioso.

O peixe sapo, con lagostinos e rebozado nunha cobertura memorable.
De acompañamento, unha ensalada variada e unhas pataquiñas tipo chip acabadas de fritir.

Bar Alborés Noia 13 Bar Alborés Noia 16

Algúns doces caseiros, pero sobre todo xelados. Carmen tira polo de turrón (cunha leve cama de Porto) e eu polo clásico de vainilla con chocolate quente.

Non tomamos café –por certo de pota– pero si nos traen un chupito de dixestivo a base de kiwi acompañado dun par de bombóns. (Outro pequeno detalle que axuda a que Alborés sexa un sitio distinto, inesperado).

Bar Alborés Noia 11

Con auga, unha caña e un vaso de Ribera do Douro normal, sen pretensións, pagamos 31€ por cabeza.
Dado o nivel do produto e a elaboración, o tamaño das racións, a arte no empratado, o coidado na atención, a sucesión de pequenos detalles… coincidimos en que se trata dun prezo axustado que nos anima a volver a comer outro día só a base de empanadas. (Para curiosos, a ración de empanda vai a 6 euros).

Restaurante Bar Alborés
R Escultor Ferreiro, 28
Noia. 15200 A Coruña
Tlfno: 981 820 152
GPS 42.782864N,  08.886232W