a xestosa

Mesón Restaurante A Xestosa. Lugar de Cende 17, Covelo (Pontevedra). 659516496. Típico restaurante rural do interior galego, cociña caseira, variada, substanciosa, contundente. Menú de 12.30€ incluso en fin de semana.

Restaurante A Xestosa Cartel

A paisaxe resulta espectacular. Media montaña de transición entre as serras do Suído e Avión. Todo verde, moita auga (pola zona varias fervenzas menos coñecidas), animais ceibes en gandería extensiva, etc. Un recuncho máis do paraíso galego.
A Xestosa é un lugar da parroquia de san Salvador de Prado, no municipio de Covelo (Pontevedra), na estrada que vai dede Covelo a Avión.
E A Xestosa é a sona do único restaurante en varios quilómetros á redonda.

Nun entorno absolutamente rural, onde ves as vacas libres a pacer pola beira da estrada, atopamos este restaurante de sona que excede as propias fronteiras. O lugar non ten máis de dez casas e nunha desas casas esta o mesón restaurante A Xestosa.
Segundo entras, un espazo de bar coa barra á esquerda; á dereita, ao fondo, un primeiro comedor, non moi grande, que onde nos asentan; apenas dúas mesas de catro e outra que acolle ata oito persoas; desde o bar, unhas escaleiras que suben ao segundo comedor (algo máis amplo, pero non moito) e á cociña. Decoración sinxela, sen pretensións, pero tamén sen extravagancias. Tanto o comedor de arriba como o inferior, hoxe, domingo, están ateigados; no noso vemos dobrar a mesa grande.

Restaurante A Xestosa Pan

A carta, escrita a man, anuncia un menú de 12.30 euros no que entran un primeiro, un segundo, bebida, sobremesa e café.
Entre os primeiros atopamos o caldo, a sopa, os garavanzos con bacallau, as fabes con polbo e gambas, orella, lasaña, canelóns de espinacas, bacallau dourado, revolto de gulas, ensalada morna de alcachofas, ensalada caprese, empanada de choco, empanada de carne e boqueróns.
Para os segundos están o cordeiro en salsa de viño tinto e mazá, o entrecosto, a costela de tenreira, o churrasco de tenreira, o solombo de porco, segredo, peituga na brasa, peituga empanada e salmón.
Ademais, fóra do menú, gambas ao allo (9€), lagostinos na prancha (13€), croquetas (10€), costela de vaca (30€), faceira en mollo de castañas e o cocido (20€ con sopa ou caldo e sobremesa).

Restaurante A Xestosa Cocido

E, por suposto, nós achegámonos ata A Xestosa, neste último domingo de xaneiro, para o cocido. Somos catro e para beber apostamos polo viño mencía da casa, unha gasosa por un se acaso, e auga.

Restaurante A Xestosa Sopa
Restaurante A Xestosa Caldo

A sopa e o caldo anuncian un bo cocido. A sopa a partir da auga de cocer a carne e o polo; o caldo, con toda a esencia da verdura e as carnes de porco; ambos deliciosos.

Restaurante A Xestosa Cocido

O da Xesteira forma parte dun programa de posta en valor do cocido local posta en marcha polo concello de Covelo (aínda que non todos os restaurantes participantes forman parte deste concello). O sinal de identificación do cocido, e na procura de amosar a calidade da materia prima local, é a carne de vaca, seleccionada de vacas criadas na propia terra.
Ademais dos bos touros de vaca (realmente está excepcional, pero eu, habendo un bo porco, non me podo permitir ocupar espazo coa tenreira), esta o polo (tamén caseiro), a costela salgada, o rabo, ósos de soá co seu puntiño de touciño, e variedade e cantidade de bocados de cacheira.

Restaurante A Xestosa Cocido

As patacas e a verdura (repolo e berzas) tamén son locais e veñen cos seus garavanzos, o chourizo de carne e a morcilla.
Todo moi ben cocidiño, perfectamente impregnado do sabor e a graxiña do porco.

Globalmente o cocido entra no meu grupo dos bos; e escribo o de ‘meu’ pola miña querenza cara ao porco; boto de menos un bo touciño; algo de tallada magra (lacón) tampouco estaría de máis. Polo extremo contrario, os amantes do cocido ‘branco’, quizá incluirían este de A Xestosa dentro do grupo dos excepcionais, debido á calidade da vaca e o polo.

Restaurante A Xestosa Doce

O grupo das sobremesas queda no rango do ok. Cumpren a súa función sen máis. Pedimos o brazo de xitano (habería que empezar a buscarlle outro nome?) e tarta de mazá; ademais estaba o flan e pouco máis; nada dos doces típicos que acompañan o cocido.

Restaurante A Xestosa Cocido
Restaurante A Xestosa Cocido

O prezo, o pactado, os 20 euros por persoa incluíndo toda a oferta (o caldo, a bebida, pan, sobremesa e café).
Globalmente falamos dun cocido máis que recomendable; recompensa a hora de coche (mínimo) para os que imos desde Vigo; malia estar un pouco fóra das rutas habituais, a excursión paga a pena polo baño de natureza e ruralismo que acompaña á excursión.

A Xestosa
  • Lugar Cende de 17, Covelo
  • 36873, Pontevedra
  • 659 51 64 96
  • GPS: 42.292398N, 8.304974O
  • restauranteaxestosa
  • Cociña: caseira
  • Prezo: 12.30 euros menú do día
  • Peche: mércores
  • 4.7/5 en Google