asomámonos ao menú da xanela

A Xanela gastronómica ofrece un apetecible menú do día semanal. Primeiro prato, segundo, sobremesa, bebida e pan, 15€. Todo, coa delicadeza e boa man de Ángel Martínez e Víctor Otero.

A Xanela gastronomica 3

Coñecín A Xanela alá por novembro de 2016, e escribín as miñas sensacións en A Xanela Gastronómica.
Daquela era un segredo ben gardado polos ponteareáns; de feito, se chegamos, foi grazas a un deles.
Entón escribín que se trataba dunha agradable sorpresa e que había que seguir á Xanela moi de preto, que a nada que pulisen algúns pequenos detalles, converteríase, de certo, nun local de longo percorrido.

Choveron todas as augas de cinco outonos, e aí está, empoleirado nun lugar de privilexio na cada vez máis esixente restauración galega.
A recomendación da Michelín e o destacadísimo cuarto lugar de toda a provincia de Pontevedra en TripAdvisor, upan á Xanela a un merecido 29 lugar na lista de mellores restaurantes galegos de 2021 segundo as guías (ver o cadro de honra completo). Está ao nivel Paprica, Pacífico ou a celebrada Taberna Meloxeira que visitamos hai apenas un mes, e supera a grandes clásicos como España, Artabria ou o Asador Coto Real, por citar só algúns exemplos.

A xanela Gastronomica

Un éxito importante que se apoia nun traballo serio, na aposta por unha cociña clásica actualizada con moito fundamento, nun local moi agradable, e nun servizo que sabe o que ten entre mans.
Ah!, claro, en nuns prezos que animan a volver.

Hoxe iamos ao menú do día, un menú que enche a diario e para o que hai que reservar.
Trátase dunha proposta semanal para elixir entre tres primeiros pratos, tres segundos pratos e tres sobremesas que, xunto co pan e a bebida, chega aos 15€. Ademais, en cada un dos momentos existe un prato cun pequeno sobreprezo que, no peor dos casos, pode facer chegar o menú completo aos 22€.

Non se trata dun menú do día barato.
Pero tampouco creo que se poida falar dun ‘menú do día’ ao uso.
Hai locais que, para salvar a vulgaridade da diária –que dirían os irmáns portugueses–, e para xustificar un prezo algo máis elevado, utilizan expresións como a recorrente do ‘menú executivo’.
En fin, postos a este nivel, o por dicilo dun xeito claro, o da Xanela estaría máis cerca dun menú de executivo que dun menú do día.

Velaí, senón, a proposta de hoxe:

Primeiro prato: Ensalada de endivias, touciño entrefebrado, noces e roquefort; Croquetas de xamón e alioli suave de allo asado; Zamburiñas “ó godello” (+3€).
Segundo prato: Roliños de robaliza, crema de plátano e pementos; Segredo de Ibérico e salsa Périgueux (+3€); Ragout de vaca e pataca kartoffel.
Sobremesa: Empanada follada de mazá; Biscoito fluído de castañas, escuma de augardente, chocolate branco e violetas (2€); Arroz con leite e esponxa-M de améndoa amarga.

A Xanela gastronomica 5

Antes de comezar, xa queda perfectamente delimitado o terreo no que nos movemos.
E isto, grazas a un aperitivo, cos saúdos do chef, marca da casa.
Estamos ante un nigiri de salmón afumado coroado por un ovo de paspallás fritido.
Un bocado saboroso e rebuldeiro que degusto con moita satisfacción e que fala dese espírito de fusión tan presente na cabeza dos cociñeiros.

A Xanela gastronomica 7   A Xanela gastronomica 9

Para os primeiros decidimos compartir as croquetas e a ensalada.
Como adoita ocorrer nestes casos, a cada quen gústalle máis o prato que elixiu.
A miña ensalada pareceume un conxunto delicioso; a destacar os tropezóns de queixo e ese mollo de soia (fresca, intensa, non excesivamente forte) que dá unidade ao prato.
As croquetas, perfectas na execución, tamén moi ricas…, pero é que a ensalada está riquísima.

A Xanela gastronomica 11   A Xanela gastronomica 15

De segundo, os rolos de robaliza e o ragout.
En contra da norma (pero consonte á evolución do meu padal), gústame máis o peixe que a carne (se pedimos un de cada foi máis por probar de todo que por ten preferencia pola carne; deste xeito, acabamos compartindo –é un falar– un pequeno menú de degustación: dous medios entrantes, media de peixe, media de carne e dúas medias sobremesas).
A robaliza, co seu recheo de verduriñas e o mollo de pemento, cociñada nun punto que mantiña todo o sabor e a textura de peixe, pareceume un bocado de primeira.
Pola contra, o ragout (tenro e saboroso, integrado nunha salsa espesa e potente) pecaba un chisco de exceso de sal; non entendín moi ben o acompañamento: pataca cocida, esmagada co garfo e lixeiramente aromatizada; non entendo o significado de pataca kartoffel (pataca-pataca?).

A Xanela gastronomica 18    A Xanela gastronomica 19

Na primeira visita destacaba o especial punto de atención que prestan ás sobremesas na Xanela.
Hoxe confirmei aquela primeira impresión.
Probamos a empanada follada de mazá e o biscoito fluído de castañas.

A Xanela gastronomica 17    A Xanela gastronomica 20

Se en todos os pratos a presentación é moi esmerada (ollade para os roliños), cando chegamos ás sobremesas o empratado rompe moldes.
O doce outonal a base de castañas, ademais de ser un xogo perfecto de cores, sabores e texturas, ten unha estética realmente fermosa.
Neste caso hai un empate técnico: imposible destacar unha sobremesa sobre a outra; se unha é unha conxunción moi traballada de diferentes elementos tomando como base a castaña, a empanada, dentro do seu clasicismo, ten un acabado excepcional.

Con copa de tinto Ribera, caña de cervexa e café, pagamos 16,60€ (a sobremesa de castaña era dos pratos que tiñan suplemento).

Teño un vello amigo, psiquiatra el, que mantén que o nivel de vida dun país ou cidade, ou máis ben o custo da vida, mídese polo prezo do café.
Polo café cobran 1.10€, prezo que axuda a comprender o nivel do que pode ser unha factura media fóra do menú semanal..

Xa non se trata de descubrir, tampouco de seguir de cerca.
A cuestión é que A xanela gastronómica é unha realidade que hai que revisitar periodicamente.

A xanela gastronómica
Ángel Martínez e Víctor Otero

Rúa Real 62
36860 Ponteareas (Pontevedra)
886 216 997
Facebook
www.axanelagastro.com
Instagram
GPS: 42.176244N, 8.500062O
Cociña: tradicional actualizada
Peche: luns
Prezo: 15-35€
Prato Michelín
Posto 4 da provincia de Pontevedra en TripAdvisor
Posto 29 do listado xeral de restaurantes de Galicia de C,LE