a voltas con furanchos e loureiros (de novo)

Semella unha sorte de marea vermella que afecta aos círculos da restauración galega dun xeito cíclico. (Algo arredor dos furanchos).

Hoxe, coa tempada de furanchos en plena efervescencia, cómpre entrar de novo no miolo da cuestión. Disque a colleita do ano foi considerada como de histórica nas Rías Baixas e o bo viño pide consumidores.

Loureiro 8

E resulta que a cuestión non é nada fácil.
Se nos limitamos á regulación legal dos loureiros vemos que esta sofre os mesmos viavéns que na opinión pública ou no gremio de hostaleiros (ou será ao revés?).
A primeira referencia (aínda que moi, moi indirecta) aos ‘furanchos’ nun texto lexislativo, é na Lei 9/97 de 21 de agosto de ‘ordenación e promoción do turismo en Galicia’. Esta lei definía as diferentes caracterizacións das empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares); non mencionaba os furanchos pero si abría as portas a definir ‘novos grupos’ e categorías de establecementos de restauranción.

Ao abeiro da Lei 9/97 publícase o Decreto 116/2008 de 8 de maio, que inclúe e regula a normativa que debe cumprir unha nova categoría de establecementos de restauración; e aquí si, aquí ‘furancho’ e ‘loureiro’ reciben primeiras augas legais coa súa incorporación ao DOG. O Decreto céntrase en pór por escrito as características do que vén sendo o modelo tradicional de furancho: local para vender excedentes de viño caseiro, non embotellado, que non se pode acompañar con ningún tipo de alimento elaborado no propio local. Os furanchos, para poder abrir, deberían rexistrarse e cumprir os lóxicos requisitos sanitarios.

O 27 de outubro de 2011 ábrese un novo capítulo coa aprobación da Lei 7/2011 de Turismo de Galicia que chegaba para derogar e substituír a todos os regulamentos anteriores en materia de turismo. Nesta lei, e como por arte de birlibirloque, o modelo de local denominado ‘furancho’ pasa, de novo, ao limbo das inxustizas; agora os establecementos de restauración recoñecidos en Galicia volven a ser, unicamente, as cafetarías, os restaurantes e os bares. 
A lei, na súa declaración de intencións, entende que os furanchos non son ‘locais de restauración’ e polo tanto non deben ter presenza nunha norma que regula o turismo en Galicia. Para poder continuar coa súa actividade os locais denominados furanchos ou loureiros deberían reconverterse a algunha das tres categorías establecidas.