a taberna de cancela

A taberna de Cancela. Broullón, 14 (Capela Das Angustias), Xil-Meaño, 986747449. Decoración rústica para un local centrado en ricas tapas e racións ao estilo furancho. Servizo excelente e prezos asequibles.

A Taberna de Cancela Cadro

Por segunda vez “deixámonos enganar” polas recomendacións do libro Sitios de toda la vida, de Eusebio Pérez-Pastor (ver entrada anterior: Casa Tomé.
Neste caso xa serve de confirmación de que se trata dun libro-guía de recomendacións moi fiables.
Por certo, que nunha primeira toma de contacto con Abel (Cancela), descubrimos que descoñecía en absoluto a presenza do seu local na mencionada publicación. A nosa revelación axuda a descubrir a un tipo falangueiro e afable, namorado ata a medula da súa profesión e da cultura e lingua galegas.

En efecto. O comedor ocupa a vella cociña dunha casa rural fronte á Capela das Angustias; malia estar a pasar por unhas incómodas obras na estrada que pasa pola porta, o recuncho (incluída a casa) é un bo exemplo de rehabilitación de espazos públicos.
Xa dentro, a decoración mantén a esencia do espazo orixinal; aí está, ante todo, a gran lareira, fóra de uso, pero mandando sobre o resto do decorado. Logo están os apeiros labregos, coa base dun gran carro de bois colgado literalmente do teito, e, xa por fin, a amalgama de carteis e cadros que colgan das paredes. Hai, desde o cadro que vedes arriba, ata o texto Alba de Groria, o discurso que pronunciou Castelao o día da Patria Galega de 1948 no Centro Galego de Bos Aires (Amigos e irmás: Hoxe o meu discurso sería extenso, e duro de roer para certos monifates…) (discurso que á fin sería o derradeiro pronunciado por Castelao e que quedaría inmortalizado ao ser publicado por A nosa terra ao ano seguinte).
Polo medio, o cartel da I Feria do viño albariño de autor en Meaño; ou o anuncio (coa entrada correspondente) do partido da selección galega de fútbol contra a selección uruguaia celebrado en san Lázaro; e, por poñer un terceiro exemplo, o cartel da XXX semana de filosofía (Pontevedra 2013) baixo o título xenérico de Filosofía e Memoria.

A oferta gastronómica pasa por viños de colleita (aínda que tamén embotellados) e unha interesante selección de tapas e racións plasmadas nun encerado que, por triplicado, tamén embelece as paredes. Ibéricos, chacina, queixos, terra e mar, zamburiñas, navallas, luras, eco-ensalda, polbo, polbo con tetilla, croquetas, tortilla, xamón asado, raxo…

A Taberna de Cancela Tortilla

Pedimos o Barrantes da casa e, con el, e para tapar as cuncas contra as moscas, traen un pincho de tortilla. O viño especialmente rico (quizá porque ten un punto de acedume moi tolerable); a tortilla, cun aire de chourizo, tamén está moi boa: zumenta pero totalmente callada, sen ovo cru que amargue a comensais máis tiquis.

A Taberna de Cancela Lacón

Para empezar pedimos o lacón e, con el, empezamos a descubrir que estamos nun local marcado por características singulares.
A vaixela, inglesa, de barro, basta de formas pero de feitura radicalmente moderna; formas e cores conxúganse cun atractivo especial.
O lacón está cortado a man; nada deses lonchas de máquina que se perden entre os dentes e non chegan ao padal; espolvoreado con pemento picante e unhas pingas de aceite resulta espléndido.

A Taberna de Cancela Ovos con pan de millo
Os ovos con pan de millo
A Taberna de Cancela Ovos con pan de millo
Os ovos despois de mesturados co millo

Os ovos con pan de millo son un clásico da zona. A receita é variable pero é primeira vez que atopamos os ovos cubertos coa miga crúa. Moi ricos. A clave (en boca do propio Albel), reside en que o pan ten que estar algo reseso para permitir esmigallalo a conciencia, case, case coma se fose fariña. O resultado achégase moito ás mellores receitas nas que o pan se revolve cos ovos na propia sartén fritindo un punto para ligar o conxunto. Xa ao primeiro bocado atopo a mestura exquisita do pan de millo cun anaco de puntilla do ovo frito.

A Taberna de Cancela Ovos con chourizo

Os ovos con chourizo, perfectos. Perfecto o ovo, moi ricas as patacas, e excelente o chourizo. Un clásico, que con bo material e ben feito, nunca pasará de moda; e neste caso todo é de primeira calidade e está cociñado con meco e acerto.

A Taberna de Cancela Queixo con marmelo

De novo inclinámonos polo clásico furancheiro do queixo con marmelo; pero neste caso con valor engadido: o queixo non está comprado en vulgar hipermercado senón que vén dunha pequena tenda en Salceda. O resultado, un bocado especialmente substancioso que deixa atrás aos habituais da zona.

A taberna de Cancela vén definido por eses pequenos toques que Son toques que afectan á propia idiosincrasia do local e que se estenden tanto á decoración como á materia prima e á oferta gastronómica. Citar, xa para rematar, eses floreiros que adornan o centro das mesas do comedor: trátase de botellas de diferente feitura aliñadas con pólas de toxo en flor.
Vexo que A taberna de Cancela aparece en varias publicaións como furancho; poida que na súa esencia estea preto dos seus veciños de Cobas, pero persoalmente se me antolla que, grazas aos detalles, vai un puntiño máis alá.

Pagamos pola comida, incluído café, 17.50€ por persoa. O prezo resulta razoable e achégase ao que adoitamos pagar nun furancho en condicións similares. Dentro da miña particular guía de valoración, diría que se trata dun local totalmente recomendable. Seguro que volveremos.

La taberna de Cancela
  • Broullón, 14 (Capela Das Angustias)
  • Xil, Meaño, 36968 (Pontevedra)
  • 986747449 / 690 34 70 75
  • GPS: 42.466469N, 8.781644
  • Facebook
  • Cociña: tapas e racións, tradicional
  • Prezo: 15-20€
  • Peche: luns