a sorpresa do ano en vigo

Despois dun sólido período de formación e traballo (Pepe Vieira, Culler de Pau, Casa Marcial…) Adrián () inaugura Abisal, Vigo, para sintetizar e expresar de xeito particular todo o aprendido.

Restaurante Abisal 07Restaurante Abisal 08

Estamos na avenida da Hispanidade, en Vigo, nun local fermoso, especialmente coidado, cunha decoración, como a cociña, á vez ecléctica e moi harmoniosa. Equilibrada e sen excesos.
Servicio correcto aínda en rodaxe.

A carta marca a filosofía do local: “Cociña de mercado: inspiración e improvisación. Na nosa carta non constan os pratos, xa que o mercado nos sorprende cada día, nós tamén tentaremos sorprendelos. Coa nosa cociña ofrecémoslles produtos frescos de tempada e locais. Pretendemos acadar a exaltación dos sabores rexionais no seu momento óptimo, e potenciar o gusto, as texturas… e a memoria”.
Deste xeito as propostas son: Menú exprés (Petisco, entrada a compartir, peixe ou carne, sobremesa, pan e auga; de martes a venres ao mediodía, 12 euros); Menú curto (Petisco, dúas entradas a compartir, peixe ou carne, pre-postre, postre, pan auga e bebida; 18 euros); Menú Abisal (Petisco, dúas entradas a compartir, peixe, carne, pre-postre, postre, pan auga e bebida; 26 euros).

Restaurante Abisal 09Restaurante Abisal 10Restaurante Abisal 11

No menú curto, que é o que pedimos, o petisco convértese, en realidade, en tres: unhas tostas acabadas de facer acompañadas de manteiga de cítricos, un bocado de pastel de cabracho con crema de olivas negras e unha croqueta de lacón. O comezo é inmellorable e marca a tendencia de todo o menú, a irmandade Galicia-Asturias con eses toques de fusión con cociña asiática que están tan de moda e sen perder de vista os particulares toques de innovación.

Restaurante Abisal 12Restaurante Abisal 13

Os entrantes: unha sardiña na brasa e un atún listado marinado. Comezan a asomar as técnicas, o coidado no tratamento do produto, o esmero na conxunción de sabores… Perfecto. En especial (e por querencia persoal) o atún marinado co seu zume.

Restaurante Abisal 14

Como facemos habitualmente nestes casos, pedimos un peixe e unha carne e compartimos. O peixe é unha pescada cunha emulsión (non lembro moi ben de que) con chícharos e un aire de algas. Moi rico. A textura da pescada, perfecta. Non acabo de entrar pola intensidade do sabor da maioría das algas; non é o caso, pois coa pescada a conxunción estaba moi medida, pero as algas poden marcar en exceso un prato.

Restaurante Abisal 16Restaurante Abisal 15

A carne son uns canelóns de pata de porco de landras; a clave do prato está na masa, elaborada a base de arroz, moito máis fina e lixeira e, dando unidade ao bocado, non resulta tan dominante como unha pasta clásica de fariña. Magnífica a textura da carne do recheo. Un gran prato.

Restaurante Abisal 17Restaurante Abisal 18

Pre-postre: xeado de mango con froitos silvestres. Postre: crema de Cabrales sobre galleta, con mermelada e virutas de mazá aceda. As sobremesas, se cabe, aínda subiron máis o xa de por si alto nivel da comida. Moi, moi boas as dúas, aínda que a crema de Cabrales coa acedume da mazá e o toque da galleta resulta dificilmente igualable.

Restaurante Abisal 20

Xunto co café, un bocadiño de chocolate para poñer o broche de ouro.

E todo (con auga, unha caña e unha copa de Rioxa) polos 18€ por cabeza que marca a carta. Si, ledes ben, non se trata dun erro, todo o que vides de ler e ver nas fotos, ten un prezo de 18 euros por persoa.
E a cuestión básica, máis alá do número de pratos, das ‘delicadezas’ que ofrecen ou o propio prezo, é que estamos ante unha cociña dun moi alto nivel, moi pensada, elaborada, coidada nos detalles, cuns estilos, técnicas e tratamentos do produto que levan detrás anos e anos de preparación, formación, e romper pratos noutras cociñas.

Simplemente espectacular. Creo que nunca antes gozara dun comida cunha relación calidade-prezo como esta de onte no Abisal.

Só un pequeno detalle: o equipo de cociña debería mellorar os tempos; non sei se estamos ante un mal día ou se trata dun vicio xa consolidado (espero que non!) pero hai un par de momentos en que os tempos de espera son algo excesivos e rompen co ritmo xeral dunha comida que, mesmo sen considerar o prezo, podería estar ao nivel do sobresaliente.

Cun mínimo de sorte, e limando os pequenos detalles, auguro un futuro de moitos éxitos a este Abisal.

Restaurante Abisal
Avenida da Hispanidade 83
36203 Vigo
986 17 45 47
Facebook
GPS: 42.226829N  8.727217O
Cociña: mercado
Prezo: menús entre 12 e 26 euros
Peche: domingo e luns