a salga

A Salga, Restaurante Brasería. Paseo Naval, 7, A Illa de Arousa. 986551619. Restaurante clásico, de comida tradicional; especialidades do mar, incluíndo o seu peixe espada. Bo servizo e prezos medios.

Restaurante A Salga Logo

En moitos aspectos, A Salga é algo así coma un dos “tapados” da Illa de Arousa. Non se fala del, non aparece nas listas, non ten valoracións espectaculares…, pero mantense aí, coa cara ben alta, co paso dos anos.
Nestes últimos tempos fomos á Salga en varias ocasións; mesmo nunha delas, para agasallar a uns amigos de fóra coa súa grellada de peixes. Nunca saímos descontentos. A súa principal característica poida que sexa a regularidade nunha oferta que ano tras ano segue a ser ok, sen grandes espaventos pero tamén sen defraudar.
Por diversos motivos, talvez pola deixadez da que falaba uns días atrás, nunca incluíra A Salga nos meus comentarios.
Pero, despois do menú do día de onte, xa non queda outra.

A Salga ten catro espazos; unha pequena terraza con vistas ao Xufre e á ría, o bar, un restaurante clásico e un gran local para celebracións.
O normal é o comedor. Partindo de que é un espazo sen maiores pretensións, non resulta nada desagradable; é cómodo, luminoso e dá certa sensación de confortabilidade.

A carta apenas ten segredos. Entrantes: Croquetas de marisco (9€), Empanada (6.5€), Espárragos brancos de Navarra (9.5€), Luras á prancha (10€), Ensalada simple (6€), etc.
Mariscos: Ameixas á mariñeira (17€), Espetada de lagostinos e luras (17€), Lagostinos á prancha (14€), Mariscada para dúas persoas (67€), Mexillóns ao vapor (9€), en salsa (9.5€), Polbo á Illa (19.5€), etc.
Peixes e arroces: Arroz mariscado para dúas persoas (40€), Arroz de verduras (14€), Grellada de peixe marisco para dúas persoas (49€), Peixe espada á prancha (19€), Rodaballo (21€), Pescada (17€), etc.
Carnes: Solombo de tenreira (21€), Churrasco de porco con patacas (11€), Churrasco de tenreira (13€), Chourizo crioulo (3.5€), Pincho moruno con patacas (8€), etc.

Ademais, suxestións do día (Arroz con chocos, 30€, Segredo de Duroc (15€), Robaliza salvaxe (24€), Lacón cocido estilo feira (8€), Xoubiñas (10€), etc. Tamén un Menú infantil (fingers de polo, patacas, salchicha e croquetas, 11€). E, durante a semana, o menú do día.

Hoxe, mércores, vimos probar o menú do día.
De primeiro, a elixir entre empana e tortilla de patacas; de segundo, churrasco de porco ou raia no forno; sobremesa, bebida (viño tinto da casa con gasosa) e café, todo por 11 euros persoa.

Restaurante A Salga Empanada

Para comezar coincidimos na empanada. Semella caseira, de atún, i está moi boa; masa rica, bastante zaragllada e tamén rica, zumenta pero non graxenta.

Restaurante A Salga Raia no forno
Restaurante A Salga Churrasco

Para o prato principal si que nos dividimos entre as dúas opcións; o churrasco de porco é unha tira enteira; está moi ben braseado e ten un rico matiz ao fume. A raia ao forno resulta ser unha gran novidade; é unha moi boa ración; está zumenta e saborosa e as patacas, embebidas no mollo parécenme espectaculares.

Restaurante A Salga Sobremesa
Restaurante A Salga Sobremesa

Entre a carta de sobremesas decantámonos pola tarta de piña e pola de queixo (fría). As dúas a un moi bo nivel; moi ricas e abundantes.

Coa bebida (tinto da casa con gasosa) e café, o prezo final son 11 euros por persoa.
É o prezo o que acaba por rematar a faena e converter este menú do día da Salga nunha magnífica opción na Illa de Arousa.

A Salga
  • Paseo Naval, 7
  • 36626, A Illa de Arousa
  • 986 551 619
  • GPS: 42.565463N, 8.874092O
  • Facebook
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: 30-40€
  • Peche: (non ten día de peche)