a mesa e manteis

Por unha serie de felices casualidades, que agora non veñen a conto, cae nas miñas mans o libro A mesa e manteis: Historia da alimentación en Galicia, do escritor, historiador e profesor,  Xabier Castro. O libro publicouno este mesmo ano 2010 na editorial Biblos, dentro da súa colección Mandaio.
(Biblos, a nivel xenérico, vén sendo un Clube de Lectores galegos ao máis puro biblosestilo do clásico Club de Lectores, coa súa revista periódica, coas novidades, co seu modelo de compras, recomendacións, páxina web, etc., todo feito desde Galicia e para Galicia, todo en galego. Tamén coas súas publicacións propias, lugar no que entra en xogo A mesa e manteis de Xabier Castro. Unha moi feliz iniciativa que hai que apoiar con todos os sentidos como xeito de desenvolvemento e conservación da edición, da cultura e da mesma lingua galega).
Escoito a Xabier Castro nas súas colaboracións para o Come e Fala da Galega, unha saborosísima mestura de historia e gastronomía. Fiel á idea de que temos que saber de onde vimos para comprender onde estamos, a alimentación dun pobo non pode permanecer allea á súa propia historia xeral e á repercusión desta na evolución dos xeitos de se alimentar esa sociedade.

mesaemanteisxaviercastro

E isto é, precisamente, e dun xeito directo, claro e moi ameno, o que fai Xabier Castro neste libro.
Seguindo o esquema cronolóxico dos diferentes avatares que dan forma á historia de Galicia (primeiros habitantes, invasións, relacións con Castela etc.), o autor amósanos como esas interferencias van a modelar, aos poucos, os piares da gastronomía: a historia dos produtos (cales, como e cando entran a formar parte da cociña popular galega), os avances no xeito de conservar esas materias primas, evolución das maneiras básicas de cocción e tamén da elaboración e presentación final dos alimentos. (O tópico da castaña na alimentación galega, por que, como e cando da entrada da pataca ou do millo, a estreita relación do clero coa elaboración do viño, cando e como se incorporan as diferentes graxas vexetais e animais para fritir, etc.)
Un libro moi recomendable, case imprescindible, para os comellóns galegos que, ademais de papar e beber, queremos saber un pouco máis do que comemos e bebemos, dos que pretendemos existir máis alá do comer pero considerando o comer un dos piares do existir.