a maceta

A Maceta, de Jorge Gago. Rúa de San Pedro 120, Santiago. 981589600. Cociña actual, sen complexos, a cabalo entre a tradición galega e a fusión. Prezos que animan a repetir.

Restaurante A Maceta Mantel

Primeiro elemento diferenciador que outorga un valor engadido á experiencia: o mantel desbotable da Maceta é unha iniciativa de ‘Cultura e Mantel’ que ten como resultado unha especie de carteleira mensual de eventos culturais que se celebran na cidade de Compostela. Rock Café, Casa das Crechas, Revera Vinum, Sala Malatesta ou Modus Vivendi son algúns dos locais que participan desta interesantísima iniciativa.

A cociña de A Maceta fusiona ingredientes, sabores e texturas de todo o mundo. Amantes da cociña de tradición, ofrecemos pratos sinxelos e honestos. Traballamos con produtos de tempada procedentes de proveedores locais, como os que están no mercado de Abastos, polo que son habituais os cambios puntuais nalgunhas das nosas cartas”. (Declaración de principios na web de A Maceta).

O local dispón de diversos ocos nunha vella casa da rúa de San Pedro sometida a unha brillante rehabilitación. Unha mesa a carón da barra, na entrada; o espazo principal, no que se abre unha porta que leva a un, previsiblemente, agradable patio interior; leva, tamén, á cociña e a un comedor que, polo número de persoas que pasan, se intúe grande.
O espazo que supoño principal ten catro mesas e barras con asentos altos; hoxe, venres de marzo, a iso das dúas e media todos os ocos están ocupados e algún deles xa dobrou.
A decoración é bonita e agradable pero o espazo non resulta especialmente cómodo; mesa pequena ao lado da porta que conduce ao patio e á cociña, queda sometida a un trasfego constante. En todo caso, e como veremos, en palabras do amigo Pepe, perdonámoslle o mal que nos fai polo ben que nos sabe.

A carta equilibrada e creativa, con propostas para todos os gustos, dá fe contrastada da declaración de intencións.
Croquetas de pecorino e trufa (10€), Mexillóns rabiosos (9.50€), Sogi-Giri de robaliza con cremoso de chipotle-coco (19€), Usuzukuri de xarda con aliño cítrico (12.50€), Sashimi de xurelo (12.50€), Tomates feos (10€), Polbo con fabas de Lourenzá (18,50€), Bacallau, cebola i emulsión de pemento asado (19.50€), Rossejat de choco da ría con ali-oli (19.50€), Xarrete de vaca, chips de boniato e crema de apionabo (17€), Steak Tartar (18€), Fazula de tenreira, castaña e berros &17€)…
Non dispón de menú de degustación pero si se prestan, e mesmo aconsellan, a elaborar un menú compartido; podemos elixir ou deixar que nos sorprendan; optamos por esta segunda solución; para beber, auga, caña e copa de mencía.
Cómpre destacar que na Maceta prestan especial atención á carta de viños, con propostas semanais de viños locais, nacionais e mesmo internacionais. A carta, no lugar da clásica división por D.O., vén clasificada por catas; brancos: frescos, lixeiros e aforitados ou maduros, aromáticos e con máis corpo; tintos: lixeiros e afroitados; frescos i expresando terreo; especiados e con máis corpo.
Por último, e antes de entrar en faena, destacar o servizo; o mozo que nos tocou condensaba nas proporcións exactas os ingredientes do camareiro perfecto; amable, próximo, correcto, falangueiro sen caer no lingoreteiro, atento, preocupado, cun sorriso permanente…, tanto que, algo moi pouco habitual, ao final pregunteille o nome para deixar constancia dunha das mellores atencións que temos recibido nun restaurante das características da Maceta. O problema é que as miñas carencias auditivas impedíronme discernir con claridade se o mozo era Álex ou Alexis. En todo caso, parabéns e grazas.

Restaurante A Maceta Pani-puri de sardiña
Pani-Puri de sardiña
Restaurante A Maceta Anchoa 00
Anchoa 00
Restaurante A Maceta Tartar de salmón
Tartar de salmón
Restaurante A Maceta Volandeiras
Volandeiras
Restaurante A Maceta Alcachofa frita
Alcachofas fritas
Restaurante A Maceta Pescada
Pescada con emulsión de pemento

Os comezos foron espectaculares; os bocadiños con crema de sardiñas, suaves e con texturas variadas; a anchoa, sobre brioche e con queixo e tomate seco, simplemente xenial, un bocado que, malia encher a boca, sabe a pouco pola súa conxunción perfecta de sabores estruturados arredor dunha magnífica anchoa. O snack de tartar de salmón con aguacate mantén amplamente o nivel, saboroso e moi agradable ao padal; as volandeiras da ría en vinagreta de lima e mazá, acompañadas dun bocadiño de laranxa, son o único bocado que me parece prescindible pois apenas aporta sabores ou matices a un exhibición que ía realmente ben. Recuperamos o nivel coa alcachofa frita e xema; cada vez gosto máis destas alcachofas triscantes adornadas cun mollo que aporta sabor e cremosidade a un bocado xa de por si moi saboroso. A pescada estaba un puntiño sosa (mérito ou demérito?), pero a conxunción das salsas servían de compensación: a emulsión de pemento e un suave, moi suave escabeche.

O ritmo cambia coas sobremesas. En vez de deixarnos “enganar” pedimos nós a partir da oferta da carta (que, ademais das elixidas, ofrece a Moka-Plátano, a Albahaca e cítricos e a Frambuesa e cereixa, todas elas a 6.5€).

Restaurante A Maceta Noz
Noz
Restaurante A Maceta Milfollas
Milfollas de abelá

A comida recupera todo o seu esplendor cos doces. A harmonía de sabores e a explosión de texturas da mestura de noz e chocolate resulta brutal; unha das mellores sobremesas (e máis completas) dos últimos tempos. Pero, como adoita ocorrer nestes casos, a min gustoume máis o meu prato: a milfollas está exquisita, e a crema de abelá con que está recheada dálle un sabor e unha consistencia que a converten nun bocado moi especial.
Na carta, cada sobremesa (6.50€) vén acompañada da recomendación dun viño doce: Carcavelos, Ochoa, Porto, Madeira, algún que outro galego (Para do Pe, Ouro moído), ou diversas propostas de Pedro Ximénez ou Xerez.
Decidimos compartir unha copa; dada a variedade, e ante as nosas preferencias (poño como exemplo un Moscatel da Mariña), Alexis recoméndanos probar un Pedro Ximénez Pandorga, moito menos denso e dulzón que o clásico; como finalmente nos decantamos por un Tokaji (Aszú 5 Puttonyos), e por su conta e risco, tráenos unha segunda copa con mencionado Pandorga PX para que probemos; en efecto, dista moito dese sabor pasificado que a min persoalmente me resulta excesivamente estoxadizo. Moi boa recomendación.

Sen lugar a dúbidas unha magnífica comida pola que pagamos 50€ cada un.
O prezo antóllasenos moi axustado; a cantidade global de comida é axeitada e a variedade significativa; se ben non hai botella de viño enteira, este detalle compénsase co viño doce.
Botando contas, e facendo as da leiteira, practicamente pola esencia da comida, á que lle restamos as volandeiras e o exceso do viño doce, e na que mantemos as dúas sobremesas completas, o prezo tería baixado dos corenta euros por cabeza.

Moi, moi recomendable.

A Maceta