Quen máis quen menos todos temos ese par de locais especiais que gardamos como se do mellor tesouro se tratase.
Adoitan ser bares remotos, sinxelos, familiares, perdidos en algures e que ou ben son herdanza de pais a fillos ou ben funcionan grazas a radio macuto.
Onte estivemos en A Fonte, Armenteira, con Luz e Luis.
A eles faláranlle Flora e Luis, e a estes, uns amigos, e aos amigos outros coñecidos, nestes cuartos ou quintos coñecidos xa perdemos a pista, pero así seguimos ata atoparnos neste sábado de entroido cun local totalmente cheo.
Falamos do mosteiro de Armenteira, a uns metros do arco, dun restaurante-café-bar que semella deses que levan aí toda a vida.
O comedor, ao que pasamos a través do bar, resulta dificilmente acolledor.
Pequeno, oito ou nove mesas, non máis; moi, moi branco, limpo, pulcro, case aséptico; mobiliario novo e impersonal; moitísima luz, intensa, branca, cálida en contra de toda lóxica; as mesas cos seus pratos, coas cuncas, con ese orixinal letreiro de mesa reservada. Todo moi preto, pero ao mesmo tempo extraordinariamente afastado do café-bar-tasca ao que quen máis quen menos estamos afeitos.
Hai carta, pero o auténtico mérito, a elección case obrigatoria é a que escoitas de viva voz, a cociña caseira do día de hoxe. Sopa, callos, ovos con chourizo (estandarte da casa), galo de curral, carne estufada e cocido de entroido.
Facemos unha elección variada que cubre todas as frontes. Luis vaise pola sopa e o cocido. Os demais abrimos cuns calliños que completamos, Carmen cos ovos e o chourizo fritidos, Luz co galo e eu coa carne estufada, nos tres casos cunhas marabillosas patacas fritidas no momento.
Os primeiros son a fartar. Directamente na pota; quen di na pota di na sopeira, pero tanto ten, cantidade abondo para engordar a outros tantos como os que hoxe somos á mesa.
Os callos, de libro. Como a min me gustan: moita chicha, os garabanzos ben tenriños, un leve toque de picante, suficiente para alegrar o bocado e xusto para non espantar a lingua.
Os callos, a carne, o galo… todo son sabores que lembran á avoa.
O tinto barrantes no meu caso regado con gasosa. Todo cen por cen caseiro, tan sinxelo como elaborado, sen artificios innecesarios, produto da sabedoría de séculos, de cociña de leña a arder toda a mañá, dunha conxunción aprendida da experiencia, do facer de cada día, de produtos acabados de coller na horta.
Do cocido só podo dicir que o aspecto é dos que directamente abren o apetito, que recibe o beneplácito cum laude do comellón de Luis, e que os demais opinamos que haberá que vir probalo antes de que remate a tempada do mellor cocido.
As sobremesas, algo frouxas: piña, melocotón, xelados, queixo con marmelo… e unhas orellas oferta da casa que veñen co café de pota, as pingas e os chupitos.
E, claro, o mellor broche posible: 15 euros por comensal.
E logo, se cadra, unha visita ao mosteiro, ou unha pequena camiñada pola ruta da pedra e da auga, ou a ruta BTT das Fontes… E todo isto tomando como centro e punto de partida este restaurante A Fonte ao que seguro volveremos.
Restaurante A Fonte
Vilar, 5 – Armenteira
36192 Meis Pontevedra
Teléfono: 986 710 003
GPS: 42.464673N 8.741278W
Localización en Mapas de Google