a faragulla, en chantada

Co paso dos anos Toño Lorenzo mantén a Faragulla, fiel aos principios fundacionais, nun excelente estado de forma. Cociña galega, local, con leves aires actuais a un prezo moi competitivo.

A Faragulla Queixos

Lendo opinións en Internet, foi cando atopei as dúbidas de Jorge Guitián sobre se incluír ou non A Faragulla no fenómeno “bistronomía” (ver entrada anterior).

Se analizamos punto por punto as características que definen a bistronomía (segundo o propio Jorge Guitián), aplicadas á Faragulla, observamos máis dunha coincidencia.

Para comezar, coincidimos en que un restaurante bistronómico ofrece unha “proposta gastronómica de calidade”.
Sen lugar a dúbidas, A Faragulla ten unha proposta gastronómica destacable, propia, que poderiamos definir como de cociña galega con chispas de actualidade.
Vaian como exemplo algunhas propostas da carta actual.
Entrantes: Steak tartar de vaca rubia galega, aliño clásico e crocantes de pan de trigo (18€), Dente (de porco) crocante con grelos e crema de garvanzo (12€), Filloa recheada de gamba e grelos com emulsión de allada e perlas de chile (12€), Berberecho extra da ría aberto na brasa con aceite de arbequina virxe extra (16€), Espárrago branco extra confeitado, braseado con salsa holandesa e xamón (14€), ou a Empanada artesana de chocos da ría na súa tinta (12€).
Peixes: Peixe de lonxa braseado e acompañado de puré de pataca con calabacín e berenxenas baby (prezo por quilogramo segundo o mercado); Pescada do pincho asada na brasa con trinchado de pataca, repolo e panceta e cenoira baby (22€) ou o Bacallau asado con noso allo-arrieiro e puré cremoso de pataca (27€).
Carnes: Costela de Leitón de porco celta, á brasa, con pemento, portobelo, mini-porro, cenoria e pataca (20€), Xarrete de tenreira galega asado tradicional en ola de ferro fundido (22€), Cordeiro: Paleta asada con patacas, pementos, portobelos e ensalada (30€), Costillar asado con patacas, pementos, portobelos e ensala (para tres persoas, 60€), etc.

Fóra a variedade e orixinalidade da proposta, e pola parte que nos tocou, as elaboracións responden as expectativas creadas polas propostas.

A prezos reducidos”. Ou, cando menos, prezos que están lonxe desdes cen, douscentos ou trescentos euros por comensal. Tamén cumpre con este requisito. Nunha comida comedida pero redonda pagamos 26 euros cada un.

Prezos que se conseguen a costa, en moitas ocasións, de renuncias a case todo o que adorna a un local de alta cociña, como a ubicación céntrica.  Aquí si que poderían comezar as dúbidas. A Faragulla está no centro peonil de Chantada. Claro que a localización céntrica debe referirse máis ao número de clientes potenciais que ao puramente físico. Creo que, neste senso, e contando con que A Faragulla está nunha rúa céntrica dunha localidade de oito mil habitantes, pode axustarse á condición.

…Como aos equipos humanos amplos. A Faragulla, en sala, e sen excesos, conta co persoal suficiente; trátase dun servizo próximo e asequible aínda que non sexa tan especializado (tan “amanerado”, no senso de manierista) coma os locais que xogan en ligas superiores. O que non se perciben son eses equipos numerosos que pululan polas cociñas dos restaurantes máis sofisticados. Entendo que si, que tamén se axusta ao modelo.

…Como as cociñas grandes e ben equipadas. Polo que vexo, A Faragulla pode ter máis dun espazo para cociñar; un pequeno, que se axusta á condición, a cociña principal, á vista do comedor Lareira, de dimensións considerables, e a zona específica para preparar grellados. Por esta banda quedaría fóra.

…Como o espazo na sala. Tampouco aquí se axusta á definición de restaurante bistronómico. Pequeno espazo, a viñoteca orixinal, na entrada; amplo comedor principal de nome Lareira, e a chamada brasería, zona para disfrutar da cociña en directo e do lume en vivo. Non, tampouco cumpre co requisito. Comemos no comedor principal, un espazo amplo, con dominio da madeira clara, moderno, luminoso, que resulta moi agradable.
Claro que, nisto dos espazos, e na cuestión que nos afecta, todo se reduce a inversión por metro cadrado; e non é o mesmo o prezo do metro cadrado nesa “ubicación céntrica”, que en Chantada.

Ou sexa que, globalmente, si poderiamos arrimar A Faragulla ao fenómeno bistronomía.

Gozamos dunha comida moi completiña, de calidade e elaboración, ben servida, nun local amplo e agradable e pagamos, como xa dixen, 26 euros por persoa, prezo que valoro coma moi, moi axustado.

A Faragulla 5

Aperitivo: rollo de carne sobre mollo de mostaza moi suaviño. Rico.

A Faragulla 7

De primeiro compartimos a Cacheira e Lacón prensados ao xeito antigo e aliñados con aceite de arbequina. Sendo un fan das elaboracións das carnes de porco prensadas, este lacón gustoume moi especialmente.

A Faragulla 8

Presa de ibérico na brasa coas súas pataquiñas e verduras tamén na brasa. A carne, exquisita; no punto exacto para satisfacer todas as teimas;  especial valoración para o acompañamento e verduriñas na brasa: simplemente magníficas.

A Faragulla 10

Táboa de queixos galegos con froitos vermellos e froitos secos. Os queixos, unha variada e moi selecta proba dalgúns dos mellores queixos do panorama galego actual: Savel, Dajosefa, Galmesano, Terra e Touza Vella. Nin máis nin menos. A tallada de cada un deles é considerable e os acompañantes, para facer de sobremesa, perfecta. Estilos totalmente diversos imposibles de comparar; todos exquisitos; desde a saborosa cremosidade do queixo Dajosefa ata a forza e sonoridade do local Savel. Se acaso, un chisco pasado de vello o Galmesano.

Con auga, cervexa, copa de viño e café, os mencionados 26 euros.

A Faragulla antóllaseme como unha das mellores ofertas actuais da cociña galega de interior. A súa proposta tan particular e os prezos contidos fan del un local moito máis que recomendable.

A Faragulla
Toño Lorenzo
Praza da Paz 10
27500 Chantada (Lugo)
982 88 13 51
GPS:
afaragulla.com
Facebook
Instagram
Cociña: galega, toques actuais
Prezo: menú degustación 65€, Menú diario 20€
Peche: mércores; luns, martes, xoves e domingo noite