a de rosa

A Pobra do Caramiñal. Tlf: 627 11 87 15. Díaz Rábago 34. Comida tradicional, mariñeira, un clásico no Barbanza que destaca polo produto e uns prezos moi razoables. P.P.P. 31€.

Estamos ante todo un clásico na Pobra. Cuarta xeración para unha boa cociña caseira acompañada de trato familiar.
O local é pequeno. Entrando polo bar hai que baixar unhas escaleiras para acceder a un comedor pequeno, quizá un chisco recargado de mesas, pero agradable; hoxe, venres de agosto, estaba ateigado; fixemos ben en reservar. Decoración clásica actualizada; os cadros nas paredes dan un inesperado toque de modernidade que axuda a definir o espazo.
A carta, mariñeira case na súa totalidade, ofrece entrantes como o polbo (16€), as xoubas (en tempada, 13€), a tortilla (12€), a empanada dos domingos (8€) ou, tamén os domingos, os callos (7€).
Entre os pratos principais destacán a pescada (galega ou romana, 15€), a raia e o bacallau á galega (15€).
Fóra do peixe, a carne asada (12€), o bisté (11€) ou os ovos con patacas (6.50€).
Servizo eficiente e amigable.

Levamos o menú practicamente decidido para probar tres das iconas da casa: as ameixas, os chopos e a raia.

As ameixas á mariñeira están moi, moi boas. Son boas e a preparación está a un nivel moi alto; paseime un pouco mollando pan nunha salsa espesiña e ben ligada que estaba deliciosa.

Os chopiños na súa tinta con patacas fritas tamén responden á sona que os precede. Como no caso das ameixas, a ración é xenerosa.

Pero, sen dúbida, o máximo protagonismo da comida recae na caldeirada de raia. A raia é dunha calidade excepcional; as patacas, cortadas en rodelas, están no punto de cocción; e, todo por riba, unha espléndida allada que dá unidade á preparación; perfectamente ligados, pero están presentes e destacan sen pelexar entre eles os catri ingredientes básicos, o aceite, o allo, o pemento e esa pinga de auga de cocer a raia.
A raia de A de Rosa é un deses platos que xustifican un desprazamento de media distancia só para saborealos.

Bebemos auga e unha botella do albariño da casa (bébese pero tampouco está para botar foguetes; todo o que se pode pedir por 9€); compartimos unha tarta xeada (para animar a dixestión que se presume traballosa) e eu tomo café; pagamos 31€ por cabeza.
Como ocorre en demasiadas ocasións, pedimos demasiado (as racións son contundentes); coas ameixas e a raia teriamos comido abondo e o prezo baixaría de xeito destacable. Aínda así, pola cantidade, calidade do produto e mestría nas elaboracións, coincidimos en que estamos ante un prezo axustado ao valor da comida.

A excursión tiña unha clara motivación arquitectónica.
Por unha banda, a visita a Corrubedo. Para achegármonos a Chiperfield, a casa, na primeira liña de mar, e o Bar do Porto, rehabilitado ultimamente polo mestre británico.

A segunda visita foi a Ribeira para coñecer a rehabilitación do espazo arredor do miradoiro da Pedra da Rá que fixo Carlos Seoane e que está a gañar todos os premios habidos e por haber de urbanismo de espazos naturais.
Con todos os respectos para David Chiperfield, e valorando moi especialmente o seu proxecto RIA, o traballo de Seoane na Pedra da Rá pareceume absolutamente engaiolante.

A de Rosa

Estrada Díaz Rábago, 34
15948 A Pobra do Caramiñal (A Coruña)
627 11 87 15  /  981 83 24 90
a-de-rosa@hotmail.com
GPS: 42.608830N, 8.936887O
Cociña: tradicional, mariñeira
Prezo: 20-30€
Peche: mércores