a casa pequena

Local rústico, típico herdeiro dos furanchos tradicionais, cun espazo moi agradable, oferta tradicional e prezos dentro da liña habitual dentro deste tipo de locais: para merendar sen perder a carteira.

A casa pequena Meanho 3

Descubrimos A casa pequena na reportaxe Dez restaurantes que quererás probar se visitas Meaño (apareceu na recomendable sección Vivir/GastroGalicia da páxina treintayseis).

A maioría, vellos coñecidos deste blog: O lar de Pereiras, Quinta de san Amaro, Muíño da Birta, O muíño da chanca, Taberna pazo de Lis…, e algunha novidade con feitura digna dunha visita: As sete campás (xa estaba na nosa axenda), o Asador Penaguda, Casa Rosal, ou esta Casa pequena que hoxe visitamos.

Sábado de mediados de xuño, ao mediodía, e a climatoloxía permite comer na terraza-xardín sen sobresaltos; o ambiente resulta perfecto.
Servizo atento e dilixente.
A carta non presenta demasiadas novidades respecto á media neste tipo de locais.
Divídese en Tapas da casa e Variedade de tortillas.
Entre as tapas da casa, Ovos escachados (8.50€), Chourizo ao inferno (6€), Zorza con patacas (10€), Raxo con patacas (10€), Raxo con queixo galego (12€), Orella (7.50€), Polbo á feira (12-22€), Croquetas (8€), Jarabullos de polo, Mexillóns en escabeche, Lacón á feira, Queixo frito, Patacas ali-oli, etc.
Tortilla española (8/11/14€), Tortilla con chourizo (9/12/15€) e Tortilla con queixo (9/12/15€).

A casa pequena Meanho 4

Comezamos coa empanada do día, hoxe de cocido (incluídos os grelos, e ademais de chourizo e diferentes bocados do porco). Ración moi abundante dunha empanada que nos gusta moito; moi ben a masa (fina e zumenta), e excepcional a zaragallada, unha amálgama de “sobras” do cocido que resulta variada, ben integrada e moi, moi saborosa.

A casa pequena Meanho 5

Os xureliños en escabeche manteñen o listón ao alto nivel da empanada; o escabeche está rico (suave, sen excesos) e os peixiños moi saborosos, ben integrados no mollo.

A casa pequena Meanho 6   A casa pequena Meanho 7

Os ovos con pan de millo están medio punto por debaixo dos outros dous pratos. Estando bos, non acadan a excepcionalidade, resultan un pouco secos, talvez porque o pan, esmigallado, apenas ten tratamento (tixola) ou aliño (algo de aceite da propia fritura do pan ou de fritir os ovos).

A oferta de sobremesas é moi apetecible (Pera limoeira, Flan de café ou queixo, Tarta da avoa, Tarta de queixo con arandos, Arroz con leite, queixo con marmelo…, todos eles a 5€.

Bebemos unha caña e unha cunca de mencía caseiro e, sen sobremesas nin cafés, pagamos 12 euros por cabeza.

Se o que se busca é un local modelo furancho por proposta e prezo, A casa pequena é unha boa alternativa en Meaño.

A casa pequena
Paradela-Lores 3
36969 Meaño (Pontevedra)
655 96 18 66
GPS: 42.436843N,  8.783906O
Facebook
Cociña: tapas, tradicional
Prezo: 15 euros
Peche: (durante o verán abre a diario)