a casa da emilia. o xeito de ser português

Para os máis escépticos que aínda seguen a ver aos veciños do sur por riba do ombreiro, para todos aqueles para os que a memoria histórica non é máis que unha anécdota que caeu no esquecemento –e que mellor así–, está, tamén, o xeito de ser e estar dos irmáns portugueses.

portadosol

Andabamos por Santarem, admirando as fantásticas vistas do Tejo desde as Portas do Sol, cando nos deron as dúas.
Entre a oferta da zona tiñamos pensada A casa da Emilia, en Alpiarça, con moitas e efusivas recomendacións; así que puxemos a traballar o TomTom e alá nos fomos, a facer unha ducia de quilómetros do Portugal máis rural, máis interior… sen contar con que estabamos a luns.
E, claro, o restaurante estaba fechado.
Co ruído do coche e o de tentar abrir a porta, asoma por alí un home en chandall que, amablemente nos explica que a segunda feira é o descanso do persoal. Daquela pedimos que nos recomende outro restaurante da zona no que comer coas mesmas garantías que nesta casa da Emilia. O home empeza a pensar e, despois dun bo pouco, di que a súa dona –Emilia, a cociñeira– non está na casa, pero que se a nós non nos importa comer da cociña da súa sogra, el está disposto a facer de camareiro.

 IMG_0218

Opuxémonos todo o que nos daba o corpo (non somos moito de ningún tipo de excepción no trato e menos, aínda, nas que vés interromper o descanso de calquera currante), pero cando xa nos vimos moi perto de ferir a hospitalidade do home, houbemos de acceder.
O home é o Mário en persoa, alma mater deste local que abriu alá por 1998 aproveitando a perda do posto de traballo (neste caso unha sorte), e o bo facer culinario da familia da súa dona (a Emilia).

IMG_0220   IMG_0222

O local, por fóra, é a típica casa ribatejana: porta, ventá, portón de acceso ao patio interior, nunha ruela longa e branca. O comedor, reducido, acolledor, cálido, a extensión do comedor da casa da familiar. Coa súa lareira, o chineiro, as madeiras nobres mesmo no teito, os manteis de pano, os recordos familiares colgados das paredes, na repisa da cheminea…
O comedor, o trato, a cociña… todo nesta Casa da Emilia é familiar. En especial a comida; para os entendidos da zona, trátase da cociña da túa nai ou da túa avoa.
En Alpiarça ou en Tombuctú non hai mellor afago.

O Mario, home falador, afable, cultísimo, amante do propio, recita de viva voz o menú con especial atención para os pratos reibatejanos, ou, máis ben, alpiarçianos.
Relata –con acaloramento–  a composición, orixe e tradición de cada un deles.

IMG_0227

Deste xeito deixámonos seducir polo guisado de borrego que era servido no almorzo dos días de casamento. O cordeiro pasou varios días por un adobo con diferentes herbas, antes de ser guisado a lume moi, moi lento. Vén con pataca cocida e o resultado é fantástico, a carne solta do óso, tenrísima, con moito sabor e ningún bravío; a pataca co mollo, boísima.

IMG_0234 De segundo, outra das especialidades da zona: os pasteis de masa tenra, especie de empanadillas recheadas de carne picada; o éxito do prato está, sen dubida, nunha masa perfecta, absolutamente marabillosa.
Pero neste caso a excepcionalidade estaba tanto na esencia do prato coma no acompañamento: a miga fervida, base que foi, da dieta diaria das xentes do campo alparçiano entre outubro e abril.
Os ingredientes, ‘couve braba’, pataca, broa de millo, dentes de allo, auga e aceite; todo a cocer, a esmagar e a remexer ata acadar o resultado que vedes na foto, un bocado diferente dos que compensan todos os quilómetros percorridos para degustalo.

IMG_0236

No tocante ao viño, o noso anfitrión trae directamente á mesa catro botellas de tinto da adega local: Pinhal da Torre. Son catro viños rexionais do Tejo que van desde os 10 aos 50 euros e que o Emilio describe polas súas cualidades. Decantámonos polo máis asequible de prezo (Vinha do Alqueve 2012) que resulta óptimo para a ocasión.

IMG_0232 

Como exemplo definitorio do estilo deste restaurante –tradición, acollemento, delicadeza, certo requinte– quero salientar o xeito de presentar a auga; sendo auga mineral normal, de botella aberta diante de nós, chega á mesa nunha xerra coberta por un pequeno pano bordado.

IMG_0241IMG_0245

A sobremesas non representan un punto e á parte, senón que dan continuidade á comida e ao concepto de tradición local. A proposta é ampla e variada e acabamos compartindo o Pão de ló de Alpiarça de chocolate e unha especie de pudim con mollo de xema de ovo por riba: dozaría portuguesa en esencia, raiando o empalagoso, pero moi adictivo.

IMG_0249IMG_0262

Xa co café, unha saborosa selección de doces tradicionais de Alpiarça: uns quadradinhos, uns eses e unhas ferraduras.

Comida excepcional, desas que paga a pena repetir, pola que pagamos apenas 20 euros cada un.

A casa da Emilia
Emilia Freilão 
R Manuel Nunes Ferreira 101
2090-115 Alpiarça
243556316-965440145
Horario: 12.30-15.00 e 19.30-22.00
Descanso semanal: luns
Localización en Mapas de Google
GPS: 39°15’31.1"N 8°34’50.3"W
Facebook
Michelín: BibGourmand
Repsol: Recomendado
BCBM
Lifecooler