A Bastarda, no Paseo de Alfonso, e despois de catro anos, xa é un clásico de Vigo. Visitámolo o sábado para probar o seu brunch de fin de semana. Sensacional.
Brunch vén da unión de “breakfast” –almorzo– con “lunch” –xantar–, polo que ben podemos traducir brunch como xantorzo, ou mellor aínda, simplificando ao máximo e na orde correcta, un altar.
Nace como un almorzo tardío de fin de semana para reparar os efectos da noite, e, cada vez máis contundente, acaba por absorber o xantar.
Houbo un tempo, cando a moda aínda non chegara a Vigo, en que iamos algún que outro sábado a Porto só por regalarnos un brunch.
Foron varios. Le brunch parisien, Porto Palácio Hotel ou a Taberna do Bonjardin, por citar algúns. En todo caso eran brunchs-buffet, cun prezo pechado, variedade e cantidade de delicatessen para completar un xeito moi agradable de pasar un sábado na capital do Douro.
Unha das infinitas consecuencias do maldito bicho foi a desaparición dos buffets tal e como os entendiamos (agardamos impacientes a que volvan).
E nesta liña hai que entender o brunch de La Bastarda.
Varios momentos (zume, salgado, doce…) con diversas opcións a elixir.
Comeza cun zume natural a optar entre catro, e un prato salgado para elixir entre sete opcións. A maioría destas opcións son as mesas que vemos na pizarra dentro da oferta diaria de tapas e petiscos.
A continuación está a elección entre a froita ou o iogur, a bebida quente e o doce (sete opcións).
Agás o de laranxa, pedimos todos os zumes para probar entre os catro que somos. O Piurita (piña, remolacha, laranxa e lima), o Sunkissed (laranxa, cenoria e xenxibre), e o Ayer salí (mazá, espinaca, apio, xenxibre e lima).
Algo curioso é que a cada quen o que máis lle gustou foi o seu. O meu, o de laranxa, cenoria e xenxibre, pareceume moi completiño; moi rico; equilibrio entre a cenoria e a laranxa, e leve e agradable proído do xenxibre.
Salgados: o Sándwich de bacon, pera e gorgonzola, A Tosta de cherrys, crema de anacardios e lombarda, e o Croissant con chacina, marmelada de tomate e allo asado.
O croissant, delicioso; os brotes por riba e o toque da marmelada complementan con delicadeza a forza da chacina; o allo apenas perceptible. Gustoume, tamén, o sándwich, cunha combinación tan exótica como eficaz.
A piña acaramelada con xarope de ron, e o Iogur con granola, doce de leite e romeu.
E, xa por fin, as sobremesas.
Tarta de queixo con caramelo salgado
Roliño de canela clásico
A festa sae por 16 euros persoa, prezo que, para todo o recibido, antóllasenos moi comedido.
No servizo, Néstor, sumiller e propietario, amósase próximo e amable, sen excesos.
Nos fogóns, Anabel, cociñeira e propietaria, e polo que puidemos comprobar hoxe, goza dunhas formación e técnica máis que salientables.
O local é fermoso e acolledor; moderno, cun certo aire dos anos sesenta.
A carta de diario conta con propostas como as croquetas (8.5€), burrata (13.5€), albóndegas (16€), ensaladilla (9€), ou as migas manchegas (12.5€). Ademais están a maioría das propostas dos salgados e dos doces do brunch. O croissant con chacina (7.5€), sándwich de pastrami (7.5€) ou o sándwich de pera e gorgonzola (5.5€). O roliño de canela (4.5€), o brookie (5.5€) ou a tarta de queixo (4.5€).
E por certo, Néstor é sumiller e, como tal, ten especial meco cos viños que ofrece no seu local.
Ah!, e o de bastarda vén da uva orixinaria do este francés; coñecida como trousseau, é a nosa merenzao.
La bastarda
Anabel García-Barroso
Paseo de Alfonso XII, 33
36202, Vigo (Pontevedra)
649 736 044 / 699 783 703
GPS: 42.235890N, 8.728299O
Facebook
Instagram
Cociña: variada, tapas
Prezo: 15-30€. Brunch fin de semana: 16.
Peche: domingo e luns; martes noite