xenuínos petiscos portugueses

O Escondidinho de Ponte de Lima é outra desas tabernas da publicación Tascas e Petiscos que hoxe salientamos. Petiscos, pero tamén cociña da terra e, na semana, menú do día.

O Escondidinho Ponte de Lma 6

Dedicam-se ás receitas regionais e serven ou em sandes ou em pequenos pratos para dividir. Os mais pedidos são os fígados de cebolada (€1.5), as pataniscas(€1.5), o bacalhau frito (€3) e os rojões (€2)’ (Publicación Tascas e Petiscos do Expresso)

Xa levo un tempo pensando que isto das tascas clásicas de petiscos portugueses, seméllase, salvando as distancias, á reconversión (administrativa) dos nosos furanchos en locais de todo o ano. Viño da casa, tapas rexionais, ambiente familiar e distendido, prezos populares.
Claro que non podes ir a unha tasca portuguesa na procura da máis solicitada das tapas dos furanchos: a tortilla española. Pois por iso. Porque é española.
Aquí é onde entran os gustos e a tradición. E onde asoma o bacallau nalgunhas das súas múltiples preparacións, ou determinados produtos que na Galiza non son tan populares; e por poñer tres exemplos podemos falar das moelas (moegas), dos caracóis ou da alheira.
En Portugal, por  outra banda, faise notar moito a influenza culinaria (de ida e volta) das vellas colonias; os portugueses, poñamos por caso, presumen de ser eles quen levaron a tempura a oriente. As cociñas brasileira e indiana teñen unha enorme presenza (e aceptación) en todo Portugal. Tamén nos petiscos.
De locais coma este Escondidinho poden falar aqueles españois que afirman no ter comido nunca ben en Portugal. Cociña moi arraigada na terra, con xemerosas doses de picante nalgunhas preparacións, con moitas especias, con herbas (eses coentros!), sabores moi potentes e dominantes.

O Escondidinho Ponte de Lma 1

No que atingue ao Escondidinho de Ponte de Lima (‘escondidinhos’ hai a ducias por todo Portugal, de norte a sur), está no centro, nunha das ruelas que parten do largo de Camões, moi preto do río e da ponte; unha zona con –case– infinita oferta culinaria.
Trátase dun local en tubo, moi estreito, en dous pisos. No inferior, a barra e apenas unha ringleira de mesas adosadas á parede; no andel superior, todo mesas.

A carta ten a oferta do prato do día a 6.5€ (luns: feijoada à moda de Porto, rojões ou filetes de pescada; martes: esparguete com carne à jardineira ou con polo; mércores: arroz de feijão com frango, panados ou pataniscas, ou filetes de pescada; xoves: moelas, rojões, filetes de pescada; venres: jeijoada à trasmontana, costeletas de porco ou filetes de pescada).
Ademais na carta tamén hai algúns peixes (bacalhau à Escondidinho 11€ media dose e 21€ a dose completa, ou o polvo cozido, 12 e 21€ a media ou dose completa); e tamén carnes (arroz de sarrabulho a 11.5 e 15€, o cabrito estufado 10.5 e 15€, ou os rojões à minhota a 9.5 ou 13€).
Pero o groso da carta está nos petiscos (que poden ser tomados así, como tal, ou tamén, moitos deles en forma de sandes). Conto ata 27 variedades diferentes. Non faltan os panados (2.8€), as salsichas (1.6€), o pica-pau de bifana (2.8€) ou de prego (3.1€), a orelha (2.1€), o prato de presunto (3€), os caracóis (4€), a salda de fiejão frade (2.2€), alheira, bitoque, ovo cozido…

O Escondidinho Ponte de Lma 5

Comezamos por outra das iconas deste norte de Portugal, unha riquísima sopa de legumes (1.7€), e logo pasamos aos pratos de petiscos que vedes a continuación:

O Escondidinho Ponte de Lma 7
Pataniscas de bacalhau (dúas unidades, 1.5€ unidade)
O Escondidinho Ponte de Lma 9
Bacalhau frito (3.2€ a tapa)
O Escondidinho Ponte de Lma 12
Bolinhos de bacalhau (4 unidades a 0.8€ unidade)
O Escondidinho Ponte de Lma 13
Risois de carne (4 unidades a 0.8€ unidade)
O Escondidinho Ponte de Lma 15
Fígado de cebolada (2.1€ a tapa)

Erramos claramente á hora de pedir; o restaurante está mediado de ocupación e todo o mundo está co ‘prato económico’ do día.
Nós decidímonos polos petiscos (en parte é polo que estamos aquí) e, por unha banda, pedimos demasiada cantidade e, por outra, sabores e preparados excesivamente semellantes, un pouco monótonos de máis.
Un por un, e por separado, todos os petiscos estaban bos, pero logo era demasiada masa, demasiado bacallau, demasiado frito… O único que rompía a uniformidade era o fígado, por certo boísimo. Do resto cómpre destacar a destreza do seu paso pola tixola; todos fritidos no momento, moi ben fritidos e sen unha soa pinga de graxa.

Bebimos unha xerra pequena do tinto maduro da casa (3€ e cumpre a súa función á perfección), non tomamos sobremesa e si un café; pagamos 11€ por cabeza. Un pouco caro para o que son estes locais, pero por culpa nosa, por pedir con pouco sentidiño.

Tasca recomendable; para o menú económico pero, visto o visto, tamén para unha comida cos pratos tradicionais. No caso dos petiscos, medir moito o que se pide.

O Escondidinho
Rua do Rosário 5
4900-104 Ponte de Lima
258 942 828
GPS: 41.769050N,  8.583883O
Cociña: tradicional, petiscos
Prezo: menú do día 6.5€, entre 10 e 15€


Translate »