vittore carpaccio

Recibo correo de Alfonso desde Vicenza. Está a piques de rematar o seu curso trimestral en Italia e de regresar á rutina da universidade na Florida.
Onte, aproveitando un día morto e seguindo as recomendacións de Gombrich (Gombrich E.H. La Historia del Arte contada por EH Gombrich, Debate), pasou o día en Venecia tras os pasos de Vittore Carpaccio.
Carpaccio (Venecia, 1465-1525) é un dos moitos representantes da escola de pintura veneciá de finais do quattrocento e principios do cinquecento. Non é dos máis coñecidos a nivel popular, pero si que está entre os máis grandes. Claro que facerse unha sona propia entre os Tiziano, Giorgione, Tintoretto ou os Bellini, non debeu resultar nada fácil.

Vittore_Carpaccio_086cabaleiro_novo_nunha_paisaxeVittore_Carpaccio_-_Saint_Sebastian
Vittore Carpaccio
Retrato de muller, Galleria Borghese Roma
Retrato de cabaleiro novo nunha paisaxe Museo Thyssen-Bornemisza Madrid
San sebastián Academia Croata de Ciencias e Artes, Strossmayer  Zagreb
É esta unha lección que temos que repetir aos nosos alumnos en máis dunha ocasión: Vitorio Carpaccio non debe o seu nome ao carpaccio de carne, senón que é o carpaccio o que vén do pintor veneciano.
‘Igrexas pequenas con cadros luminosos’ descríbeme Alfonso (Igrexa de Santa María degli Albanesi). Claro que nós sempre temos máis a man o Retrato de cabaleiro novo nunha paisaxe, un dos iconos do Thyssen-Bornemisza.
512px-Vittore_carpaccio,_scuola_degli_albanesi,_annunciazione,_ca'_d'oro
Anunciación da Igrexa de Santa María degli Albanesi, Venecia

Aproveitando a conxuntura, Alfonso escribe mentres saborea un Bellini na tardiña do Harry’s Bar. Giuseppe Cipriani creou un dos coktailes máis coñecidos mesturando 2/3 de prosecco (viño seco espumante do Véneto) con 1/3 de puré de melocotón, todo moi, moi frío. Personaxes como Orson Wells, Chaplin, Capote ou Hemingway foron incondicionais do Bellini e colaboraron de xeito animoso a facelo popular. Unha variante caseira para achegarnos ao Bellini pode ser a través da mestura de 2/3 de cava seco e 1/3 de zume de melocotón.
cocktail_belliniE, se carecemos do prosecco e queremos ser fieis ás orixes,  utilicemos un cava ou outro espumante seco pero rosado. O de Bellini vén do tamén pintor veneciano Giussepe Bellini, que destacou pola utilización das cores rosas nos seus cadros.
E, se buscamos algunhas das variantes máis coñecidas, engadámoslle unhas pingas de limón para darlle un puntiño de acidez ou un cuarteirón de melocotón para facelo máis divertido.
O Bellini é un coktail moi suave, con pouco contido alcohólico, óptimo para achegarnos ao apaixonante mundo dos combinados.
Disque mediados os sesenta, o seu médico de cabeceira recetou a Amalia Nani Mocenigo, dama da sociedade veneciá, o consumo da carne crúa. Cipriani, tentando satisfacer á súa clienta, preparou a tenreira en finas láminas, aliñouna con aceite de oliva e unhas pingas de limón e decorouna cunha virutas de parmigiano Reggiano. A mestura dos tons vermellos e amarelos do prato restultante, combinación típica nos cadros de Carpaccio, fixo que o cociñeiro bautizase a preparación co nome do pintor veneciano.

Carpaccio
A partir da idea orixinal, a imaxinación é libre.
Etiquetado en: , ,

Translate »