vinoteca aldea, arousa

A Aldea, como vinoteca, podía ofertar un pouco máis de variedade nos viños; pero as tapas e pratos da carta, para empurrar polo viño, parecéronme moi destacábeis. Prezos bastante axustados.

Vinoteca Aldea 1

A verdade é que non teño moi claro o por que de non terlles feito unha visita antes. Leva aí moito tempo e nunca tirara por nós. Onte, co grupo da Arousa (insisto en que na propia illa e en moitas zonas do Salnés, a illa de Arousa é, simplemente a ‘Arousa’, nai e xermolo de toda a ría), dicía que eramos seis os que decidimos pasarnos por alí para unha merenda-cea.

A carta é completiña e os prezos semellan bastante normais (logo veremos que na práctica resultounos bastante ben de prezo). Os entrantes, ou tapas, pasan polas croquetas de marisco caseiras (8€), polos lagostinos ao allo (8.5€), pola zorza con patacas (7€), revoltos (de lagostinos 8€, de champiñóns 7.5€), de gambas e champiñóns 8.5€), os pementos de Padrón (4€), o polbo (á feira, á prancha, con lagostinos, á Illa ou con queixo, entre 15 e 17€) ou os mexillóns tigre (7.5€).
Entre os mariscos disque destacan os arroces, de lavagante ou o de centolo (calquera deles mínimo dúas persoas e prezo por persoa 27.5€). Ademais, as ameixas á mariñeira (15€), os camaróns da ría (12€ os 100 gr), as navallas (15€) ou a vieira á prancha (5€).
O peixes, basicamente, traballados na brasa, e todos eles a 18€ a ración. O linguado, o sargo, o peixe sapo… Tamén unha brocheta de vieira ou peixe sapo con lagostinos.
No tocante ás carnes só dúas apostas: o entecosto de vacún (18€) e o chuletón en trozos (25€ o quilogramo).

Vinoteca Aldea 4

Comezamos polas empanadillas. Hainas de bonito, de bacallau con pasas ou de berberchos; anúncianse como caseiras a 2.5€ a unidade. Hoxe tocan de bonito. Non están malas, pero trátase do prato máis frouxo dos que pedimos (unha para cada un dos seis que somos). Son caseiras… a medias: a masa é prefabricada, algo gramada, e o contido si que é caseiro. Ben, sen máis.

Vinoteca Aldea 5

A seguir, a tortilla de patacas (6.5€). Mellor; subida considerábel do nivel. A tortilla está moi rica, na liña das de Betanzos, co ovo sen acabar de callar, moi zumenta, as patacas no seu punto e ben de sal. Moi rica.

Vinoteca Aldea 7

A cousa segue a subir cos chocos da ría na súa tinta (16€ a ración e son dúas) con patacas fritidas. Realmente moi, moi ricos. O chocos están no seu punto e o mollo acariña o padal, moi meloso, moi saborosos.

Bebemos unha botella do albariño básico das bodegas Carballal (Barrantes), a 10€ a botella; é, por así dicir, o albariño da casa que poñen na vinoteca; normal, nada do outro mundo. Para rematar pedimos unha de queixo galego con marmelo con noces e dous cafés. Tiñamos un amigo que dicía que o mellor xeito de valorar e comparar os prezos dun local é polo que cobran por un café; pois ben, na Aldea cobran cada café a 1€, prezo máis que razoábel.

En conxunto pagamos 71.5€, o que supón uns céntimos menos dos 12€ por cabeza. Para o que tomamos, non está nada mal.
A viñoteca Aldea pasa a formar parte dos locais recomendábeis na Arousa para picotear. Haberá que probar como se defende nunha comida tradicional, pero os prezos apuntan algo máis altos.

Vinoteca Aldea
r/ do cruceiro nº 3
36626 Illa de Arousa (Pontevedra)
986 527 272
Facebook
GPS: 42.562118N,  8.870297O
Cociña: tradicional, tapas
Prezo: 15-35€
Peche: luns