valor engadido

Lembro que cando Carmen estaba en estado semellaba que no mundo non había máis que mulleres embarazadas. Era cando acababas por pensar se na preñez non habería unha certa dose de mimetismo…
Logo, cando paseabas polas rúas tirando do carriño, seica todas as mulleres deran a luz ao tempo e non vías máis que coches de bebé. Entón xa te atopabas abertamente ante unha situación de contaxio, case de epidemia…

 mamaabordobebeabordo

Disque, agora, este fenómeno xa ten a súa etiqueta e, con ela, unha explicación racional, máis ou menos lóxica, seudocientífica, avalada pola garantía da ciencia: os entendidos falan de visibilidade e invisibilidade.
As persoas, as situacións, os obxectos… son máis visibles (para cada quen) na medida en que teñen un significado ou existencia real.

 lo esencial es invisible a los ojos

Desde hai uns meses vexo ‘celíaco’ por todas partes.
Hoxe, sen ir máis lonxe, o Faro de Vigo entrevista a unha nai celíaca con tres fillos tamén intolerantes ao gluten.
Na revista Eroski Consumer que collimos hoxe na compra (número de maio) o problema das alérgias e intolerancias alimentarias é tema tanto de portada como da sección ‘afondo’.
Antes que lle diagnosticasen a Alba a intolerancia ao gluten, apenas escoitara falar dela, nunca me parara a pensar sobre as consecuencias de que o teu corpo non asimile o gluten (ou a lactosa, a fructosa…), ou de que abertamente rexeite os froitos secos, ou o ovo, o leite e os seus derivados… desencadeando unha crise que che pode levar á morte.
Non te paras a pensar que, por exemplo, o carro da compra para unha persoa con intolerancia pode chegar a ser un 50% máis caro que a compra sen reservas.

 índice2_sen_leitesen_azucarsenovosen_froitossecos
sin_lactosa

As propias persoas con alerxias ou intolerancias alimentarias explicitan os seus medos cando se trata de comer fóra de casa. Senten, en todo momento, unha clara desconfianza por non teren a certeza absoluta de que  todos (absolutamente todos) os alimentos e condimentos que forman o prato que lles poñen diante están ausentes do obxecto da súa intolerancia; resultan dominados pola inseguridade que produce saber que a crise pode chegar mesmo dun prato totalmente ‘limpo’ de alerxíxenos que foi asado nun forno no que quedan trazas da cocción do prato anterior.
Ou pola limpeza dos utensilios, da meseta de traballo, dun leve e simple despiste…

 Restaurante_sen_gluten

Por iso, porque grazas a Alba o problema se fixo visible para min, procuro e atopo en internet que son poucos, moi poucos, os restaurantes galegos que poden lucir na súa porta a etiqueta ‘sen gluten’.
A Asociación de celíacos de Galicia (ACEGA), coa garantía da Federación Nacional (FACE) ten na súa páxina a relación completa e actualizada de establecementos que teñen convenio con eles e que, polo tanto, ofrecen absoluta garantía. Hai outra páxina web (Viajar con celíacos) que amplía levemente o listado diferenciando os restaurantes que sinxelamente ‘coñecen o tema’, os que poden estar preparados a través de reserva e aviso previos, e aqueles restaurantes que contan na súa carta habitual con pratos aptos para celíacos.
A maoioría de restaurantes son anónimos, dos que non teñen lugar nas guías gastronómicas e responden máis a unha cuestión de visibilidade (unha filla, o curmán, ese amigo, aquela veciña… a mesma cociñeira…) que de auténtica convicción.

índiceface

A clave está non en preparar pratos aptos para…, senón en cociñar para o gourmet máis esixente teña este as características indiviuais que teña (intolerancias, alerxias…).
Claro, non é doado… pero aí pode ser onde os grandes cociñeiros poñan en práctica os motivos da súa auténtica valía, aquilo que os fai realmente diferentes á mediocridade.
Que un restaurante poida acoller e satisfacer a todo tipo de clientes (celíacos, en silla de rodas, etc.) pode ser un valor engadido á hora de que as guías valoren os establecementos.
No meu caso, a partir de xa, é unha realidade.