vai de queixos

A principios deste mes fixemos a nosa última escapada a Madrid.
A nivel cultural a sorpresa estivo no centro cultural Matadero, ao que chegamos grazas á recomendación de Antonio.

No tocante ás cousas do comer, a novidade foi Platea, o macro-espazo gastronómico onde conviven diversas propostas para unha refección informal ou unha copa. Ocupa un vello cine. O protagonista de Platea, en realidade quen obrigou a nosa visita, é o espazo Sinergia, un proxecto de Pepe Solla, Paco Roncero e Marcos Morán para dar de comer, do seu cuño e prezos populares, desde un anaco de empanada a moitos dos pratos de culler da cociña popular.

Postos a facer memoria, hai uns meses, na penúltima, facíamos unha visita a unha queixería de deseño, moi de moda na capital (Poncelet, queixería pero moito máis).

 O certo é que se queres comer uns queixos non hai que percorrer seiscentos quilómetros nin quedar de papanatas coas marabillas da capital. Dende hai uns meses temos anotada na axenda a visita a La Queserí Testing Room, no Grove, disque chega pisando forte.
E, mentres, o mércores caemos por casualidade en Quesum, aquí en Vigo, en Camelias, un microespazo para a compra e degustación de queixo, pero non só: posúe unha concentración de delicatesen por metro cadrado difícil de igualar.
 Ofertan máis de 90 variedades de queixo, para comer alí ou levar, con promocións todos os meses, con catas e servizo de catering, con complementos do máis variado (desde embutidos a latas de conserva pasando por patés ou marmeladas para complementar algúns dos queixos).
O espazo é pequeno, dividido nunha zona de exposición e venda e outra con catro pequenas mesas; malia o movemento das vendas nestes días previos ao Nadal, resulta bonito (moi á francesa) e todo o cómodo que permiten as circunstancias.
 Picoteamos unha táboa de degustación pequena (catro variedades con cantidade suficiente de cada unha para o que é unha boa proba) acompañada dun viño (Ébano) e unha sidra galega artesanal en botella individual; de pincho, unha quiche de cogomelos moi saborosa e de prezo 10,5€.

Gustounos, moito. Queda rexistrada para calquera momento que pasemos por alí ou para eses días nos que o caixón dos antollos se centra no queixo.

Quesum
Avenida das Camelias 121
36211, Vigo
986 415 315
GPS: 42º 13.458′ N, 8º 43.795′ W