unhas xoubas en matosinhos

Mister Couto é o típico restaurante-snack de Matosinhos, cerca do mar e do mercado do peixe. Prato do día excepcional, xoubas con arroz de tomate, e un prezo, case, testemuñal.

POR-Matosinhos-MisterCouto

Chegamos a Mister Couto grazas á publicación Tascas e Petiscos do xornal Expresso. Animounos a reseña da revista: ‘Non é carne nin é peixe! Este tradicional espazo, da familia Couto desde hai 30 anos, é unha mistura de ambos, en versión caseira: berbigão à Bulhão Pato (7.90€), sertã de rojoes (6.90€) ou pica-pau especial (as carnes con mollo de francesinha), 13.5€, son algunhas das posibilidades da carta. Peche cunha deliciosa sobremesa da casa, servida en catro capas: chocolate negro e branco, froitos silvestres e galleta. Vai querer regresar!
Pola parte que nos toca, xa nos está tardando unha segunda visita, talvez aproveitando a exposición de Souto de Moura.

Localizado na rúa Roberto Ivens, tenta levantar a cabeza no corazón de todos os restaurantes e bares tipicamente mariñeiros que deron sona a Matosinhos. Cerca do mar, cerca do río, a tiro de pedra do mercado do peixe, da ponte levadiza…
O Mister Couto é deses locais nos que, se che fías das aparencias, non entras; claro que o nome tampouco axuda moito. Xa dentro é un local típico, con tres comedores non moi grandes, con feitura abigarrada, con manteis de cadros, con azulexos nas paredes, aparador inmenso con copas e botellas de viño, pequena barra máis para servizo dos camareiros que para servizo de bar, en fin, nada fóra do común e moito de portugués profundo.
É outubro, estamos a martes, chegamos tirando a tarde, e o local está ocupado, aproximadamente, en algo menos das tres cuartas partes (páreceme unha moi boa ocupación) por xentes que semellan locais.

20191022_150120_HDR

Antes de entrar, na porta, un encerado, que cambia a diario, coas propostas de prato do día (Feijoada à transmontana, Fêveras à salchicheiro ou Sardinhas fritas con arroz de tomate), a 4€ a media dose, e a 8 a ración completa (segundo sexa para unha ou para dúas persoas). Ademais, e como oferta do día, unha Sopa de legumes (1.75€), Papas de Sarrabulho (2€), Rojões à minhota (9.5/15€), Tripas à moda do Porto (8.5/12.5€), Posta mirandesa (11.5/19.5€), Costeletão de nouvilho (11.5/19.5€), Robalo ou Dourada na brasa (9/17.5€), Mílharas na brasa (9/17.5€), Choquinhos fritos com tinta (11.5/19.5€). Como vedes, un completo percorrido pola cociña de mar e pola tradición culinaria de todo o Douro para o norte.

Xa dentro, a carta que nos presentan é inmensa e resúltame imposíbel abarcala desde aquí. Desdicindo a localización e a sona de Matosinhos, e como ben anuncia o libro Tascas e Petiscos, a oferta distribúese equitativamente entre a carne e o peixe. Tamén escrito a man, e para o día de hoxe, Camarão da costa (20€/kg), Sapateira recheada (14.5€ unidade), Conquilhas (7.9€), Percebes (16€/kg), Lingueirão (8.5€), Salada de Mílharas (5.5€).
E a lista propiamente dita, case interminábel, e dividida en ‘Serviço em prato’ (exemplo: Filetes de pescada com molho de marisco –2 filetes de pescada, molho de marisco, batata frita à rodela e arroz-, 6€; exemplo: Panados –1 panado, ovo estrelado, batata frita à rodela e arroz- 5.5€).
Unha sección completa de ‘Ementa de snack’ (basicamente tapas e petiscos), e, como exemplo, as amêijoas do Algarve à Bulhão Pato, 11.5€, o Salpicão de Penafiel, 35€/kg ou Presunto tamén de Penafiel (icona da casa), 42.5€/kg, chouriço assado caseiro, 5.5€…
En fin, máis de vinte pratos de peixe (entre os 7 e os 16€ a media dose), e outros tantos de carne por un prezo semellante.
Xa por último, ata 5 propostas de menú para grupos de 10 ou máis persoas. Un exemplo, o máis barato, é o menú Executivo, de 17.5€ por persoa, que inclúe os entrantes (bola de carne, recheio de sapateira, chouriço no espeto, rissóis, croquetes, bolinhos de bacalhau, azeitonas, manteigas, patés e Querus), un prato principal a elixir (bife a francesinha, panados de frango, espetadinhas de camarão frito ou filetes de pescada com molho de marisco); a sobremesa (torta de noz/pudim francés), o café, dixestivos (bagaço ou bagaço com mel), e as bebidas (viño de caneca, refresco, sangría branca e tinta, sumos, água ou cerveja).

Como se pode ver, un inesgotábel percorrido pola cociña máis tradicional do norte de Portugal elaborada, pola parte que nos tocou, para chuchar nos dedos.

20191022_152657  20191022_152721

Como xa comentei, pedimos o prato do día consistente en sardiñas (que resultaron ser xoubas) e o arroz de tomate. Fantástico. Trátase da dose completa pois é para os dous, e o prezo é de 8€. A fonte trae, exactamente, tres ducias e media de xoubas (si, liches ben, 42 xoubiñas), e o barro de arroz en proporción á cantidade de xoubas. O arroz de tomate, e aínda que a calificación non sexa moi do gusto portugués, está exquisito, moi, moi sabroso, no seu punto de cocción, meloso…, en fin, bocatto di cardinale. E as xoubas, que dicir delas que nos faga esquecer a cantidade? Acabadas de fritir, ben pasadiñas, no punto de sal… Simplemente perfectas.

20191022_154858
De sobremesa compartimos unha torta de bolacha. Gustoume, moitísimo; en contra da receita habitual (con crema pasteleira ou semellante) esta leva unha crema moi suave de manteiga cun delicado aire de café. Moi rica.

A comida completouse con media botella do viño da casa (un viño tinto maduro, sen DO, sen pretensións, pero que agunta perfectamente o tipo), as olivas de entrante, o pan e un café, e custounos a frioleira de 7.5€ cada un.
Claro que tamén poderiamos ter pedido, antes das xoubas, cadansúa cunca da sopa de legumes (deliciosa, como todas) e equivocarnos e pedir a botella grande de viño, e neste caso o prezo sería de 10€ por cabeza.

Creo que a miña adxectivación fala ás claras deste Mister Couto, un local que, malia feitura, resulta totalmente recomendábel. Un éxito máis do Tascas e Petiscos.

20191022_152520   20191022_160321_HDR

Despois desta magnífica comida, hoxe tocounos seguir os pasos que deu Saramago por estas terras na súa Viagem a Portugal. E os pasos leváronnos, disque, a un dos mellores Nassoni, o de igrexa do Bom Jesus (o Senhor de Matosinhos, en palabras de Saramago, unha ‘perfeita obra de arquitectura… Nassoni era italianísimo, pero soubo entender os méritos do granito lusitano, darlle espazo para chegar mellor aos ollos, alternando o escuro da pedra coa cal dos rebozos…’), tamén á Quinta do Viso, igualmente en Matosinhos. Por último, e xa en Santa Cruz do Bispo, unha visita ao Homem da maça, con todas as súas incógnitas e tradicións (GPS: 41.219613N,  8.661888O).

SoutodeMouraCasaArquitectura

Por certo, Matosinhos está empapelada coa publicidade da exposición que vén de inaugurarse na Casa da Arquitectura sobre Eduardo Souto de Moura. Trátase da primeira gran retrospectiva do arquitecto portuense gañador do Pritzer en 2011. Estará aberta ao público durante case un ano (até o 22 de setembro de 2020) en horario de inverno de Terça a Sexta (10h00 – 18h00) e Sábado, Domingo e Feriados (10h00 – 19h00).
A Casa da Arquitectura está en Matosinhos, na Avenida Menéres, nº 456 (GPS: 41.178599N, 8.686049O).

Mister Couto
R/ Roberto Ivens, 393
4450-254 Matosinhos
22 938 47 65,  96 234 90 04
Facebook
GPS: 41.183750N,  8.692517O
Prezo: A partir de 10€
Cociña: rexional
Peche: domingo noite; luns


Translate »