unhas sardinhas assadas polo san xoán

O restaurante O Pescador, en Viana do Castelo, reúne todas as condicións para saborear a esencia da cociña máis tradicional do Minho, en especial a marítima, a un prezo económico.

Restaurante o Pescador 01

A cuestión era, case, un antollo.
Na véspera dun San Xoán sen fogueiras, había que probar as sardiñas asadas.
Pensamos en Viana e pensamos afastarnos un pouco das guías máis turísticas (Os tres potes, Maria da Perre, O Valentim…), dos destacados polas guías gastronómicas (A tasquinha da Linda, O camelo…), e tamén de vellos coñecidos, algúns deles, dentro dos grupos anteriores.
Estaba a opción de o Louro, que está aí na lista de desexos para unha visita próxima, pero hoxe non era o día.

Unha vez realizados os descartes, e escribindo en Google sardinhas assadas + viana do castelo, este Pescador asomaba a cabeza con intensidade.
A elección non foi nada, nada mala.

Trátase dun restaurante sinxelo, sen pretensións, que ofrece cociña tradicional a prezos algo máis que razoables.
Decoración mínima, sen alardes, sen tipismos baratos e innecesarios, centrada no mar e que resulta agradable.

A carta é bastante ampla e dominan os peixes.
Entre os entrantes, o caldo verde (2.2€), a sopa de peixe (3.5€), os rissóis de marisco (4.8€), as sardinhas en escabeche (4.5€), mexilhão con mollo verde (4.9€), ou as amêijoas à Bulhão Pato (18.5€).
Peixes: robalo escalado grelhado (1/2 dose, para unha persoa, 14.9€), polbo à lagareiro (11.9€), cataplana de marisco (39€ para dúas persoas), arroz de tamboril (28.9€ dúas persoas) ou a feijoada de marisco (35€, tamén para dúas persoas).
Un par de carnes: bife do vazio grelhado (12.9€) ou bifinhos de porco preto grelhados (13€).
E, xa por fin, as suxestións do día: badejo à moda do chefe (6€), o polbo à lagareiro (16€) ou o arroz de marisco con lavagante (50€ para dúas persoas).

Restaurante o Pescador 07

Vimos ao que vimos, pero iso non quita para probar os bolinhos de bacalhau.
Superan a proba amplamente. Están riquísimos. Acabados de fritir, suaves e saborosos, e nada graxentos.
Moi bo comezo.

Restaurante o Pescador 08Restaurante o Pescador 09

As sardiñas veñen en fonte, cunha cama de pataca cocida e cortada en rodelas por abaixo, e pemento verde e vermello asados, cebola e olivas negras por riba, todo ben regado cun bo chorro de aceite de oliva virxe. Ao lado, unha ensalada con tomate, leituga, pepino e cebola.
As sardiñas están de primeira. Non son grandes, están ben asadas e pingan no pan. Malia primeira impresión visual, non están nada contaminadas polo sabor de todo o que levan arredor. Saben cen por cen a sardiña asada, a sardiña asada rica, no punto do que deben ser unhas sardiñas de san Xoán.
Os acompañamentos, ricos. Isto do pemento (en especial o verde) e a pataca cocida con pel é algo típico das sardinhas assadas portuguesas.

Restaurante o Pescador 11

A tarta de galleta xeada é o bocado máis prescindible do día.

Con auga, unha botella pequena de Muralhas de Monçao (por certo, gustoume, máis que outras veces, fresquiño como viña era o acompañante perfecto das sardiñas) e café, a festa saíu por 16€ persoa.

Restaurante recomendable.
Hoxe, mércores laborable, acaba ocupando todas as mesas e mesmo dobrando algunha.
A maioría, agás nós e outra parella de turistas, son xentes locais e moitos deles habituais da casa.

Logo, breve paseo polo patrimonio arquitectónico moderno de Viana, un dos máis ricos da península, senón o máis, dunha vila do tamaño de Viana do Castelo.
A Praça da Liberdade (Fernando Távora) e todo o seu entorno: biblioteca (Álvaro Siza), centro multiusos (Souto de Moura), posto de turismo (Bernardo Távora).
O hotel Axis Viana (Jorge Albuquerque).
Pousada da xuventude (Carrilho da Graça),
Biblioteca Barbosa Romeu (Bernardo Távora).
Edificio da recepción da Citania de santa Luzia (Paula Santos).
Edificio de vivendas VianaPolis (Paula Santos).
O parque ecolóxico urbano (Ana Baroco).
Vivenda en Afife (Nuno Brandão).
Casa MIMA Light (MIMA Architects).

O pescador
Largo de S. Domingos 35
4900-330, Viana do Castelo
258 826 039 / 914 462 301
GPS: 41.691685N 8.834045O
www.opescadorviana.com
Facebook
Instagram
Cociña: tradicional
Prezo: 13-30€
Peche: domingo noite; luns


Translate »