unha segunda vida para o loxe mareiro

Leo por aí –‘Loxe Mareiro, o terceiro tempo de Abastos 2.0’, por Marta Fernández en Gastroeconomy- que tralo falecemento de Nacho Salorio, foi desexo da súa dona Emilia que o sono dos dous, o Loxe Mareiro, pervivise máis alá deles e coa mesma filosofía, co mesmo sentido de acollemento e espírito vital.

Bar o Loxe Mareiro 022   
Bar o Loxe Mareiro 032

Foi así que un día Emilia Graña se presentou no Mercado de Abastos de Compostela para ofrecer a Iago Pazos e Marcos Cerqueiro a continuidade do seu local no paseo marítimo de Carril. Desexaba que a súa casa-bar mantivese a atmosfera ‘emocional’ que era o seu sinal de identidade, que o paso por aquel espazo paradigmático seguise a ser unha ‘experiencia inolvidable’.
E decidiu que 2.0 era a forma do seu zapato.
E foi así que o Loxe mareiro se transformou, despois do Abastos e o Ghalpón, no terceiro proxecto do universo 2.0.

Bar Loxe Mareiro 03Bar Loxe Mareiro 04
Bar Loxe Mareiro 11

Quixo a deusa Fortuna que nos tempos  nos que o novo Loxe aínda vivía só na imaxinación, se cruzase no seu camiño o cociñeiro Iván Domínguez, quen ata maio fora man dereita de Marcelo Tejedor (e, en moitos casos, mans dereita e esquerda).
Coa nova incorporación o Loxe matizou o deseño dos primeiros tempos de xestación.
Pasaba a formar parte do universo 2.0, polo tanto había de manter a filosofía de ‘espazo gastronómico’: produto, raíces, técnica, sinxeleza, meco…, e traballo.
A experiencia e valía recoñecida de Iván Domínguez como cociñeiro resultaron ser un valor engadido. Con el ao mando da cociña había que arriscar, pensar en novos retos, formularse aspiracións gastronómicas que non entraban no modelo 2.0, avanzar cara a unha cociña de ‘longo percorrido’ e maior proxección, falar, agora si, dun ‘restaurante gastronómico’.

Bar Loxe Mareiro 08

O cambio físico foi radical.
Nova distribución de espazos, encalado de muros interiores, máis luminosidade, madeiras claras -piñeiro ao vivo-, substitución do lila por un azulón máis neutro, sinxeleza, ausencia de elementos ornamentais, vaixela simple…
Xa non se trata do salón de casa de feitura tradicional no que recibir amigos. Nos tempos que corren os amigos acóllense mesmo na cociña, arredor dun vaso de viño, nun espazo diáfano ao que os novos anfitrións quixeron dotar dun ambiente de ‘casa de comidas’, de ‘ghalpón’, de ‘taberna mariñeira’ adaptada á estética do século XXI.

Bar Loxe Mareiro 19

A proposta gatronómica, en continuo movemento, toma como punto de partida a revisión dos pratos de Abastos. Logo, aos poucos, chegan as ‘creacións’, o sacar o máximo zume dos produtos locais propios de cada tempada, un concepto de ‘casa de comidas’ coas receitas da zona despois de darlles ‘unha volta’ na cabeza de Iván.
Sinxeleza e frescura, son os condimentos dunha cociña que se pretende directa e divertida e na que se tenta non abusar do ingrediente técnico.

Bar Loxe Mareiro 06

O modelo consta de tres propostas diferentes:
A Explanada: longas mesas compartidas na terraza a medio metro do mar para gozar da que bautizaron como ‘cociña miúda coas mans’, cantidades que se miden como ‘puños’, entre a tapa e a ración, de berberechos, percebes, xoubas…; tamén tortilla, empanadilla, cóctel de gambas… A un prezo medio de 5€ puño.
O Comedor: espazo tradicional como concepto pero innovador na liña do 2.0. Por primeira vez hai unha ‘carta’ máis ou menos ríxida; entrantes: ensalada ‘normal’, salpicón de peixe sapo, ameixas de Carril…; pratos: pescada á romana, unha ‘tallada’ de peixe, un peixe enteiro para compartir a mesa. Sobremesas.
A Mesa da cociña: sería a reconversión da ‘cociña a porta pechada’ de Compostela ao espazo Loxe Mareiro. Mesa comunitaria na cociña, para 8-14 persoas, e tres propostas de menú da casa. Un básico, con nove ‘pases’, por 45€; o ‘Déixate levar’, por 15€ máis, e o ‘Menú #Abastada’, a partir de 60€ e, como en Santiago, ‘a porta pechada’.
O noso paso polo ‘comedor’ podedes lelo na próxima entrada: Unha experiencia inolvidable

Posted in varios and tagged .