unha referencia rápida para unha gran sorpresa

Onte non entraba nos nosos plans comer fóra. De aí que non levaba cámara e teño que ‘roubar’ un par de imaxes do propio local.
Tiñamos un par de recados que facer polo mundo adiante e o tempo botóusenos enriba. Pillounos no centro comercial A Laxe e lembramos que hai un par de locais con credenciais para unha comida rápida.

napolitana

A Pizzería Napolitana naceu, alá por 2004, nun localiño nos arredores da Miñoca. Grazas á fantástica relación calidade-prezo comezou a coller moito pulo tanto para comer alí como para levar para casa (lembro que ademais das pizzas se falaba do polo asado con patacas para levar).
Pronto, 2007, o local foi insuficiente e houberon de cambiar a outro próximo pero máis adecuado ás necesidades (rúa do fotógrafo Ángel Llanos, 12).
Por fin, en 2012, e sen renunciar ao local do centro, colleron un espazo bastante xeitoso no centro comercial A Laxe.

napolitana_vistas

Hoxe sábado, 14.30, o local está a tope, pero atopamos a mesa que vedes, coas vistas que tamén tendes diante.
A carta é enorme. Sabemos que teñen unha sona especial as pizzas (á pedra) e as ensaladas; nun caso coma noutro, as variedades son case infinitas, suficientes para perderte e ter que facer verdadeiros esforzos para atoparte de novo. Pero, ademais, están as pastas, de elaboración propia, en variedades, tanto de pastas como de preparacións, que superan ás pizzas. As empanadillas de recheos case imposibles son outra das estrelas. Tamén teñen sona as sobremesas, sobre todo os xeados que eles mesmos elaboran.

pizzaxeados

Pedimos dúas cañas e mentres esperamos traen unhas cunquiñas cunha proba de ensalada de pastas variadas adozadas cunha maionesa de bonito moi lixeira. Rica, moi, moi rica.
Coincidimos na preparación (catro queixos) pero Carmen para unha lasagna e eu para uns espaguetis. Nos dous casos o resultado é espectacular. A racións son enormes e, con esta preparación tan contundente, corres o risco de que cheguen a empapuzar un pouco; hai que saber parar a tempo. En concreto a lasaña tería sido suficiente para comer os dous sen reparos, pero iso si, deixando un oco para a sobremesa.
Pagamos 12€ cada un. As pizzas son de tres tamaños a prezos moi asequibles; tamén por ración a 1,5€. As pastas andan entre os 9 e os 10€, pero xa vos digo, en racións familiares.
O beneficio, como está a universalizarse cada vez máis, está nas bebidas. As cañas saen por 2,4€ cada unha.
Claro que vamos agoniados pola carteira, sempre nos queda a auga…

Pizzerías Napolitana
Ángel Llanos, 12
Vigo. 36209
Tlfno: 986 247 245
Centro Comercial A Laxe
2º Andar, Local 5
Tlfno: 986 126 632
Vigo. 36208
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google


Translate »