unha experiencia inolvidable

Unha vez feitas as presentacións –Unha segunda vida para o Loxe mareiro-, hoxe toca lembrar o que foi a nosa comida no Loxe Mareiro.

Bar Loxe Mareiro 01Bar Loxe Mareiro 02

Finais de xullo, o día non está para praias, son arredor das dúas e trinta e o Loxe mareiro ten todas as mesas do comedor cubertas; hai xente na mesa da cociña e un par de grupos na explanada. No comedor, en total, non son moitos máis de vintecinco lugares, pero iso si, ben amplos; cabe a posibilidade de que en caso de necesidade ‘inviten’ a outra xente a sentar na túa mesa.

Bar Loxe Mareiro 16 Bar Loxe Mareiro 10

Como xa dixemos, o local resulta moi agradable, ambientación e vaixela orixinal e abertamente rústicas; desde a nosa mesa, se miro á fronte vexo a Iván Domínguez a trebellar nas súas cazolas, á dereita, e a través da porta, o mar parcelado de Carril, e por atrás, pola fiestra sempre aberta, a illa de Cortegada medio agochadas detrás dun barquiño.

Bar Loxe Mareiro 17

A carta do comedor presenta sete entradas, tres peixes e cinco sobremesas.
Entradas: Ensalada normal, Peixiños, Ensaladilla, Chinchos en escabeche, Ameixas from Carril e Salpicón de peixe sapo.
Tres peixes: Pescada á romana, Tallada do peixe do día e Peza enteira do peixe do día.
Sobremesas: Piña en almibre, Amorodos con nata, Flan, Arroz con leite e Xeados feitos na casa.

Bar Loxe Mareiro 12Bar Loxe Mareiro 14

O peixe do día normalmente non é un senón varios, tanto para servir por racións (talladas) como enteiro para toda unha mesa. Ademais, Iván, que é quen nos atende, ofrece algún marisquiño e, disque falando con el, pode atopar por aí algunha solución para os carnívoros.
Algúns dos peixes do día de hoxe son: lura (enteira), solla (enteira, para dúas persoas), xarda de ración, sanmartiño para talladas…

Bar Loxe Mareiro 20Ventura Mencia

Non hai dúbida de que os de 2.0 saben vender o produto. O servizo á amable e próximo, familiar e distendido, en permanente esforzo por manter vivo o ‘sentimento’ do Loxe mareiro.
O pan, marca da casa. Cocido en Compostela con receita propia baseada en tres grans diferentes e un chisco de auga de mar.
A selección de viños é limitada e centrada exclusivamente en galegos. Pedimos o único tinto, un Ventura (mencía), por copa.

Bar Loxe Mareiro 22Bar Loxe Mareiro 21

O saúdo do cociñeiro vén en forma dun excepcional gazpacho de amorodos. O toque que dá o amorodo, ademais de na cor, é dunha extrema sutileza que reforza o sabor do propio gazpacho.

Bar Loxe Mareiro 23Bar Loxe Mareiro 25

De entradas pedimos os chinchos en escabeche e os peixiños (xoubas). Os chinchos, para o meu gusto, demasiado comedidos co vinagre; as xoubas, pola contra, fóra de serie: con pementos de Padrón, rebozadas de xeito maxistral; o rebozado crocante, fino, saboroso, mantén intacto o sabor a mar dunas xoubas que semellan aínda vivas.

Bar Loxe Mareiro 27
Bar Loxe Mareiro 28

Cos peixes, xarda de ración e tallada de sanmartiño, volvemos ás andadas: mar en estado puro cun tratamento de auténtico mestre. A verdade é que non sei por cal dos dous decidirme, os dous, simplemente fantásticos. Quizá, de novo, o rebozado do sanmartiño, maxistral, mantén intactos todos os zumes do peixiño.

Bar Loxe Mareiro 32Bar Loxe Mareiro 31

Xeado caseiro de piña e amorodos con nata.
Pido café estilo portugués, o dedal de café negro, puro, intenso, ardente. Sensacional, tal como foi pedido, como moi poucas veces acertan a sacalo en España…

E agora vén o único ‘pero’ da comida. Polo anterior pagamos algo máis de 40 euros por persoa. Pareceume un pouco desproporcionado.
Os propios promotores falan do concepto ‘taberna mariñeira’ ou ‘chiringuito’, ou ‘casa de comidas’…, e, efectivamente, nas súas formas externas non se trata doutra cousa. Mesas de piñeiro corridas, ás veces para compartir, sen mantel, pratos esmaltados, vasos de vidro basto, paredes encaladas, sillas de formica, botellas de gasosa facendo as veces de floreiros…, en fin, todo estudado, medido, elixido adrede na procura dunha estética moi concreta, a anunciada na filosofía do local.
Falamos de xoubas, xarga, un par de bólas de xeado e un vaso de viño.
Certo, produto de primeira calidade; certo, a man dun gran cociñeiro que debe ser valorada economicamente… pero… falamos de media ducia de xoubas e dunha cabala pequena nun local intencionadamente rural, que apenas ten unha semana de vida, que non ten inversión en adega…

Gustoume o Loxe Mareiro, moito, ata diría que me encantou se non fose porque iso de ‘encantar’ non funciona demasiado ben en galego.
Gustaríame volver para esa marabilla que debe ser a Mesa da cociña (9 ‘pases’ ou pratos a partir de 45€), mesmo tiraría polo #Abastada, no que a maridaxe aínda subiría o prezo…
É posible que volvamos para tomar unha caña con media ducia de navallas, ou con un bocado do bonito ben bonito…
Pero sempre sabendo ao que imos.

Nos tempos que corren quen máis quen menos habemos de pensar ata cinco veces antes de pasar dos 40€ por comensal (e incluso dos 30…).
No Salnés hai moita e moi boa oferta e, non sabedes canto desexo equivocarme, a proposta do espazo ‘comedor’ do Loxe Mareiro (oferta-prezo) non teño nada claro que chegue a resultar competitiva.

Loxe Mareiro 2.0
Iván Domínguez
Aduana 56, Carril
15703 Vilagarcía de Arousa
Teléfono: 986510667
Móbil: 645053470
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google
GPS: 42° 36′ 46.92″N   8° 46′ 35.86″W