unha de chiringuitos

Chiringuito moi auténtico que cae sobre a area na Lanzada. Para tomarse unas necoriñas mentres se despide o sol nos seus bancos e mesas de madeira (Guía Respol, Solete).

SoletesRepsol

Onte tocaba o ritual anual das sete ondas da Lanzada.
Pero nin era o día, nin son sete.
E tampouco estamos nós xa para moito embarazo. Se tivésemos que contar todas as ondas que subiron e baixaron das dunas da Lanzada desde que cumprimos coa nosa cota, non nos chegarían os dedos das dúas mans; nin sequera se engadimos as dez dedas dos pés.
Pero gústanos ir unha vez ao ano e percorrela pola beira dun extremo a outro. Procuramos evitar os meses de xullo e agosto e onte confirmamos o por que. Masificada, ateigada de churfetas e aprendices de churfetas. O paseo rendeu, pero podería ter resultado moito mellor. Do baño, con boa parte da praia reservada para surfeiros, mellor nin falar.

bandera_surf_

A que si merece unha mención é a comida.
O Kiosco Moisés, na punta sur da praia, foi o elixido.
E foino porque aparece mencionado na guía Repsol nesa nova categoría bautizada como os ‘Soletes’.

SoleteREpsol

Segundo a propia descrición da guía, o Solete “pon o foco sobre todos eses locais que recomendarías a un amigo ou a un coñecido de paso pola túa cidade porque sabes que son un acerto seguro. Responden á demanda crecente por distinguir a tantos lugares desenfadados dos que saes cun sorriso e que se converten nun punto de referencia… Pola súa proximidade, pola súa proposta apetecible e o bo ambiente… Sitios auténticos, xa sexan modernos ou con avoengo, e accesibles… Chiringuitos e terrazas; cafetarías, xeaderías e pastelarías; bares, tascas e barras; viñotecas, bodegas e sidrerías; hamburgueserías, bocaterías ou pizzerías ‘good’; restaurantes de carta informal e menú do día en que se come de vicio…”

Comecei a escribir esta achega cunha reflexión arredor das guías gastronómicas, dos pasos que hai que dar para entrar nun primeiro cribado de calquera delas. Logo, e á vista que se me ía das mans, decidín reconducila e centrarme na comida de onte.
A reflexión, no seu miolo, viña a preguntarse o por que duns si e outros non.
Se no caso de restaurantes resulta difícil (atrévome a dicir que imposible) coñecelos todos para empezar a tratalos en igualdade de condicións, no caso destes Soletes (chiringuitos, terrazas, cafetarías, xeadarías, pastelarías, bares, tascas, barras, viñotecas, bodegas, bocaterías…) a cuestión vólvese sobrehumana.
Por que o Kiosco Moisés…, e non o Alegre, que está un pouco máis abaixo? Ou o Pé na praia, que está entre os dous? Ou calquera dos merendeiros da outra beira da estrada? E todos nun radio de douscentos metros. Con esta densidade, cantos chiringuitos e similares haberá nos 1.659 quilómetros de perímetro costeiro (fóra illas) de Galicia? (Cálculo rápido: 3 chiringuitos en 500m supoñen 6 en cada quilómetro, polos 1659 quilómetros de costa, estariamos ante a considerable cifra de 9954. E isto, como dicimos, sen contar illas nin marismas, que só aquí na Arousa (os de fóra especifican que Illa), a día de hoxe teño contabilizados quince chiringuitos).
Pero continuemos; se o número de días laborables para un traballador medio é de 217 ao ano, e supoñendo que un inspector, como máximo, pode visitar un local ao día, serían necesarios, redondeando, 45 inspectoras só para os chiringuitos da consta continental galega. O equipo de inspección da guía Repsol, segundo datos anunciados publicamente, está formado por un total de 50 expertos (profesionais dó mundo da restauración, cada un co seu traballo fóra da guía, sen soldo, unicamente co pago de dietas. No caso de Michelín, a empresa recoñece que ten en torno a unha ducia de inspectores propios para toda a península Ibérica, iso si, neste caso todos están en nómina: o seu traballo é a inspección gastronómica).
Intúo que en demasiados casos teñen que actuar, ou ben por inercia, ou ben por recomendacións externas.
No tocante á inercia, non hai máis que falar: para estar, hai que estar.
En caso contrario, que resortes hai que mover para poder estar por primeira vez?

Kiosco Moisés 2

En fin, seica neste caso, e sen que valla de confirmación, cando Moisés soa…, é que algo leva.
Non reservan de antemán; se chegas e non hai lugar, entras en lista de espera. Pequeno “comedor” cuberto e o resto con todo o sol de teito. Hoxe non vai calor excesiva (andaremos polos 25) e aguántase ben na mesa que nos toca, ao sol. Para min, persoalmente, un chisco máis de forza no sol tería servido para augar a comida.
O servizo un tanto regular; creo que se trata de falta de organización e de definición de tarefas; houbo momentos en que a falta de coordinación foi palpable. En todo caso a espera non foi suficiente para desmerecer a comida.
Vaian por diante as fotos do que tiñamos cada un diante durante a comida.

Kiosco Moisés 3     Kiosco Moisés 4

Espectacular. Lugar privilexiado.
(Pero que chiringuito de primeira liña de praia non está nun lugar privilexiado?
Carta ampla pero asumible e sen alardes. Entre os entrantes, as ensaladas, mexillóns ao vapor (6€), pementos de Padrón (5€), navallas á prancha (12€), tortilla enteira (12€), ou por ración, croquetas caseiras de xamón (6.5€), sardiñas na brasa con cachelos (a unidade 1.5€). Carnes: churrasco de porco (10€) ou de tenreira (12€), polo picantón, tamén na brasa (8.5€), xamón asado (9€), secreto ibérico (13€), etc. As paellas, estrelas en todo chiringuito do Levante que se prece, só por encargo e para dúas persoas: a de marisco (30€) e a de polbo con zamburiñas (35€). Ah!, e os bocatas, a 5€, de case todo o que dun xeito clásico se pode meter dentro de pan; vemos pasar un par deles de luriñas e outro de tortilla e, á parte do tamaño, familiar, invitan a meterlle o dente.

Kiosco Moisés 6

Pensamos nun menú furancheiro e axustado ao día de praia, –non convén encher moito o bandullo–, así que comezamos compartindo unha empanada; de atún, moi rica; a un nivel importante para abrir boca.

Kiosco Moisés 5   Kiosco Moisés 7

Logo, cada un a súa ración de xoubas; unha ducia por cabeza; …e souberon a pouco. Están fantásticas. Tesas, ben rebozadiñas, fritidas no punto, coa sal xusta…, en fin, un luxo.
Das patacas fritidas (cobradas á parte, as xoubas non levan acompañamento), e en contra de prognóstico, dicir que tamén se saen do normal; as présas, a calor, a carencia de espazo e medios… poderían facer pensar en patacas conxeladas; pero nada máis lonxe da realidade: acabadas de cortar e de fritir, e, ademais, dun xeito maxistral; son máis de cachelo para o peixe frito, pero hoxe non me arrepentín.

A iso das tres a insistencia do sol comezaba a apertar nos ánimos e marchamos a tomar o xeado e o café de camiño. Con dúas xerras de cervexa pagamos cada un 13€.

O Kiosco Moisés é un local moi recomendable. Por vistas, por cociña e por prezo. (Sempre e cando non esquezamos que estamos nun chiringuito, cos seus pros e unhas contras que con máis de 25 graos poden superar a aqueles).
Agora si, non poño na man no lume para negar que no Alegre non teriamos comido exactamente igual de ben.
Pero, que lle imos facer!
Á fin de contas, que somos senón animais gregarios e influenciables, que nos deixamos roubar a carteira pola primeira guía que nos sae ao encontro?

Kiosco Moisés
Praia de A Lanzada
Estrada PO-308, 123
36990 (Sanxenxo ou O Grove?) Pontevedra
GPS: 42.437151N,  8.870816O
Facebook
Solete Repsol