unha de cachorrinhos e pregos no pão

Entre as moitas tradicións de Porto están os bocatas. Van desde as francesinhas ata o de pernil. Hoxe, en Tapas da Batalha, e con éxito, probei dous dos mitos locais.

Tapas da Batalha 1

A Praça da Batalha é unha das máis turísticas da cidade de Porto. Principio (e fin) da rúa de Santa Catarina, cos azulexos da igrexa de Santo Ildefonso como epicentro, con Dom Pedro V outeando desde as alturas, en fin, que dicir do Teatro Nacional São João? A visita é obrigada para propios e estraños. Talvez para continuar deixándose caer para o río, ou ruar sen rumbo por canellas deliciosas adornadas cos mellores artistas locais de street art, até a estación de São Bento.
Pero, ademais, e como centro neurálxico de todo un xeito de vida, é o corazón dun dos barrios máis castizos da Invicta: Santo Ildefonso.

E esa mestura entre o visitante e o local, entre o portuense de sempre e o turista de agora, está moi presente en dous dos bares máis carismáticos da zona e, se cadra, de toda a cidade. Falamos do Gazela e de Tapas da Batalha.
Tapas da Batalha e Gazela son veciñas, porta con porta, e loitan amigablemente cada día por un cliente que se é turista e despistado, pode caer no que non pretendía. Os dous cunha pequena terraza aberta á praza e embocando a rúa Entreparedes.
O estandarte do Gazela é o cachorrinho, o das Tapas, o prego no pão. Unha vez alí, só se trata de tirar a moeda ao aire.

Mércores de xuño, calor abafante, nalgúns puntos agradable brisiña, e a moeda cae do lado do prego.
As xentes que habitan na terraza do Tapas, semellan locais, falan devagar, len o xornal, ven a vida pasar pola praza. Hoxe, na terraza do Gazela, seica o que dominan, e sen ser excesivas, son as guías turísticas e os mapas da cidade.

Malia súa sinxeleza, foi unha comida opípara, excepcional, desas nas que gozas cada momento e acabas satisfeito, ateigado de sensacións positivas: un cachorrinho e un prego no pão, o mellor prego do Porto.
E, mentres esperas, coa mesa nunha sombriña, ti mesmo desexando ser do equipo local, un Imperial impecablemente tirado e unhas patacas acabadas de fritir. Non se pode pedir máis. Só que a vida pase un pouco máis amodo para gozala máis tempo e en toda a súa intensidade.

Tapas da Batalha 3

Calquera semellanza entre o cachorrinho e o Hot Dog americano é puramente circunstancial, limítase á versión libre da tradución dunha sona.
Falamos dun boliño, unha mini-baguette aberta pola metade e pasada pola prancha ata quedar mol, triscante e morniña; a salchicha é de carne de porco, fresca, vai rodeada de lingüiça e queixo, e, xa por fin, un mollo co típico picantiño portugués importado das colonias.
Cada bocado é unha inmersión no Porto máis auténtico. Unha verdadeira delicia. O grolo de cervexa, entre bocado e bocado, sabe a pura gloria.
Mágoa que a cervexa é demasiado grande e, coa calor que vai, acaba poñéndose choca; queda demostrado que para estas ocasións é mellor pedir dúas pequenas que non esta grande.
Non sei como estará o cachorro do Gazela pero, se promete ser mellor que este, imposible imaxinar ata onde pode chegar…

Tapas da Batalha 4

O pão bijou portugués son eses boliños que hai en todas as panaderías, supermercados e restaurantes.
Imaxinade ese pan cun filete de tenreira da parte da vacía, cunha boa tallada de queixo amanteigado, un par de laxas de xamón cocido, e todo quentiño, sen mollo, só co pan algo embebido nese mollo rosado dos zumes que vai soltando a carne  a cada bocado, e estades ante o prego no pão de Tapas da Batalha. O éxito, a mestura de todos os sabores e texturas; a carne brandiña e no seu punto, o queixo derretido, o pan morno adozado cos zumes… Mmmmm… Unha auténtica marabilla.

Ademais, os ovos rotos, a tosta de tomate e mozarella, táboa de embutidos ou mixta, prego no prato, etc.

E, claro, logo está o prezo. Polo cachorro, o prego, a cervexa e as patacas paguei sobre os 11€, céntimo arriba ou abaixo.

Confeitaria Imperial 1Confeitaria Imperial 2

O café, na terraza da Confeitaria Império, no centro da rúa Santa Catarina, case fronte por fronte ao Majestic, por certo, temporalmente pechado, afectado polo maldito bicho.
Café cun par de típicos doces (moi doces) portugueses.

Graffitis Santa Catarina 1Graffitis Santa Catarina 2

Pola tarde, breve sesión de graffitis sobre a pandemia, a ultradereita descontrolada e o consumismo…

World Of Wine 4World Of Wine 3

World Of Wine 2World Of Wine 5

… E visita ao novo espazo cultural e de lecer en Vila Nova de Gaia.
De nome World of Wine, e situado entre as numerosas bodegas de viño do Porto, ábrese este novo concepto formado por museos (do viño, do chocolate, da cortiza…), por tendas de cada unha destas especialidades, polo espazo de exposición temporal (hoxe dedicado á obra gráfica de Francis Bacon) e por establecementos de restauración para diferentes momentos do día e diversas sedes e fames…
Gustoume a rehabilitación, o respecto polas formas, a integración no espazo, o interiorismo, uns recunchos espectaculares.
Da obra encargouse o estudo de Broadway e Malyan, con sede en Londres e obra en todo o mundo.

Feito ao grande, sen reparar en espazos nin custos, o trunfo a medio prazo deste novo barrio sería a confirmación absoluta da modernidade, do cosmopolitismo, do europeísmo levantado sobre as propias raíces desta gran cidade que é Porto.

Tapas da Batalha
Praça da Batalha 63
4000-101 Porto
+351 910 220 680
GPS:
Facebook
Instagram
Cociña: tapas
Prezo: 6-12€
Peche: domingo

Cervejaria Gazela
Tv de Cimo de Vila 4
4000 Porto
+351 22 112 4981
www.cervejariagazela.pt/
Facebook
Cociña: tapas
Prezo: 6-12€
Peche: domingo