unha comida outonal en parada de sil

A Reitoral de Parada de Sil conxuga, xunto cun entorno natural privilexiado, un edificio histórico, unha rehabilitación espectacular e unha cociña galega tradicional de alta cualidade con prezos moi apetecíbeis.

Reitoral de Parada 02

A Ribeira Sacra está a medrar día a día como destino turístico,  e iso, porque reune nun só destino dous dos motivos que están máis de moda entre os viaxeiros de hoxe: o turismo de natureza e o viño. Así, e nos últimos tempos, a oferta de servizos ten medrado dun xeito espectacular.
Hoxe falamos dunha das últimas incorporacións: a Reitoral de Parada de Sil.

Reitoral de Parada 98  Reitoral de Parada 15  Reitoral de Parada 86

Situada na vella casa rectoral, a carón da igrexa, no centro de Parada do Sil, a rehabilitación dun edificio en pésimo estado de conservación para reconvertelo a casa rural e restaurante resultou realmente fantástica, moi esmerada, con sentido, respectando todo o que se podía respectar e pensando a fondo as incorporacións necesarias; rehabilitación na que se nota a man dun especialista na materia.
Por outra banda, cóntannos que a decoración tivo como eixo central pasar desapercibida, ceder todo o protagonismo á actuación arquitéctonica. O resultado pareceume unha pequena xoia. Os cuartos, as escaleiras, os corredores, os recunchos de tertulia, o restaurante…, resultan, dentro dun minimalismo rústico, enormemente atractivos.

Reitoral de Parada 21                Reitoral de Parada 24

Xa no comedor atopamos un espazo limpo, decorado case que exclusivamente con grandes fotografías, cómodo, moi agradábel.
O servizo é estupendo, unha rapaza moi dilixente que dá conta de todo o comedor con gran profesionalidade; coñece o oficio e sabe estar, próxima cando se lle pide que estea próxima e deixando respirar cando non. Sólida formación e moi ben levada á práctica.

A carta é curta pero cun deseño moi traballado e define á perfección as intencións do equipo do restaurante: redescubrimento do gusto pola cociña tradicional, traballando produtos de cercanía co máximo respecto e tempo, a través de elaboracións tradicionais reinterpretadas coas novas tendencias culinarias.
Así podemos atopar, entre os entrantes, unha Crema de cabaza asada e laranxa con tosta de requeixo e chips de castaña (9.5€), a Chacina de León curada con lascas de Touza vella vello e foie (15€) ou a Ensalada morna de brotes de outono, pan crocante, asadiño de pementos e troita escabechada con aliño de granada (11€).
Para os pratos principales, nesta tempada de outono, a oferta inclúe: Lombo de salmón, touciño ibérico e crema de chícharos (13.5€), o Robalo confeitado, salteado de allos porros, cachelos na brasa e allada de tomate (17€), Peixe do día ao estilo da Reitoral (S.M.), ou Bacallau ao forno, humus de garavanzo e cebola caramelizada (19€).

Reitoral de Parada 28

Abrimos boca cun aperitivo oferta da casa, unha tosta de salmón con herbas aromáticas. Rica.

Reitoral de Parada 33   Reitoral de Parada 34

Como entrante compartimos dúas de Caldo galego de nabizas e berzas co seu compango; xa vedes na foto: o compango, unha boa tallada dunha mestura de lacón, cabeza e chourizo prensados; o caldo, clásico, sen florituras, moi rico. O conxunto está de vicio e axuda a recuperarse do frío que pasamos polos altos de Meda.

Reitoral de Parada 35    Reitoral de Parada 45

Pedimos, tamén para compartir e probar entre todos, unha de Fabas de Lourenzá, grelos e polbo co seu caldo. Harmonía perfecta. O caldo, servido á parte, resume e da coherencia ao prato; caldo de cocer o polbo para dar substancia e logo as fabas para aportar consistencia. Pareceume un gran prato.
Por certo, a ración é moi abundante, norma que se repetirá ao longo de toda a comida.

Reitoral de Parada 46Reitoral de Parada 54Reitoral de Parada 56Reitoral de Parada 62

Somos catro e pedimos catro pratos principais. Por orde nas fotos, o Chuletón de porco celta criado en liberdade e salteado con castañas e chimichurri; a Carne ao caldeiro de tenreira de raza autóctona caldeá a baixa temperatura con escuma de pataca e allada de pemento; Lombo de tenreira de raza autóctona caldeá, gratinado de arzúa e revolcona de castañas; o Arroz cremoso de guiso de coello de monte con níscalos e mazá; este último era o meu, na carta estaba entre os entrantes, e, estando bo, foi o que menos gustou. A cuestión é que os outros tres estaban excepcionais; a destacar o chuletón de porco celta, na miña vida vira unha tallada de porco destas características; a parte do touciño estaba, simplemente xenial.

  Reitoral de Parada 68  Reitoral de Parada 64  Reitoral de Parada 77

De novo dificultades para decidirse por unha sobremesa. Atrás quedaron, por exemplo, as Filloas flambeadas de castaña con xeado de vainilla e chocolate quente (4.5€) ou o Lemón pie (4.5€). A Torrada de bica en crema de licor café e Icatú, o Coulant de chocolate negro e sorbete caseiro de froitos vermellos xerreado con chocolate branco, e unha Crema suave de castañas que non estaba na carta pero fixo as ledicias dos castañeiros, puxeron broche de ouro a unha magnífica comida.

Bebemos auga, cervexas e unha botella de Vel’Uveira, mencía de gama baixa da veciña adega Ronsel do Sil. Estaba moi bo. Seica é unha pequena produtora que está a facer as cousas moi, pero que moi ben; disque o seu merenzao, de nome Alpendre, é unha pequena xoíña máis propia doutras xeografías.
Pagamos 32€ por persoa. Tendo en conta todas as variables, o espazo, a decoración, o servizo, a cociña, o produto, a amplitude das racións…, coincidimos en que se trata dun prezo moi, moi razoábel, tirando a barato.
A Reitoral de Parada do Sil paga moitísimo a pena. Compénsanos, para os que imos de Vigo ou veñen de Madrid, con creces, o desprazamento.
En outono a cociña é especial e a paisaxe está que se sae, pero, por mor do tempo, non puidemos saborear ao cen por cen a Riberia Sacra.

Estrada de Chadrexa 01Estrada de Chadrexa 09Estrada de Chadrexa 38Estrada de Chadrexa 48

A estas alturas xa pouco queda por dicir sobre a Ribeira Sacra. Se falamos da vertente ourensá, recomendar encarecidamente a estrada OU-0605 entre Parada de Sil e a ponte de Doade-Abeleda.
E, unha vez que paseamos por ela, amodiño, sen présas, esquecendo os vaivéns do tempo, destacar media ducia de momentos estelares imprescindíbeis; como calquera dos miradoiros (e non necesariamente os de máis sona), ou Entrambosríos (e o seu castañeiro milenario), o paso polo río Mao (e a súa ruta das pasarelas), a fraga de Chandrexa, baixar a pé de río (poñamos por caso, na adega Ronsel do Sil) ou as vistas desde Cristosende.
Unha festa para os sentidos.

Reitoral de Parada
(Xunto á igrexa de Parada de Sil)
Rúa do Barrio 36
32740 Parada de Sil (Ourense)
34 660 209 233 / 34 988 208 232
reitoraldeparada.com
Facebook
GPS: 42.382918N,  7.569242O
Cociña: galega, estacional, chispas de autor
Prezo: 30€
Peche: luns, martes, mércores; domingo noite


Translate »