un verán máis en arousa

Sen pretender entrar en polémicas, hoxe utilizo por primeira vez a opción ‘Arousa’ no lugar de ‘Illa de Arousa’, solución –seica que con consistentes avales histórico-xeográficos– que cada vez gaña máis adeptos.

Este verán de 2014, climatoloxicamente horroroso, foi de confirmacións.

TabernaRural

Onte, sen ir máis lonxe, despedimos a tempada con Luis e Flori na Taberna Rural de Meaño, local seguro e ‘resultón’ que sempre está aí tanto para un roto como para un descosido. O lendario polbo con queixo galego, unha magnífica empanada de millo de zamburiñas, as croquetas variadas… E iso si, diversidade de sobremesas caseiras en racións algo máis que xenerosas. A presenza de dous grupos numerosos provoca un incómodo balbordo pero tamén dá fe do éxito do local.

Taberna Rural 04

Por certo, antes de cear, e aproveitando que estaba aberto, entramos no pazo de Lis (do que, nos seus anexos, forma parte a propia Taberna), sede da Oficina municipal de Turismo e do Museo da muller labrega. Chapeu para o importante esforzo de rehabilitación do interior e para a moza que moi amablemente nos atende.

Entre os furanchos que xa non son furanchos hai tres que concentran as nosas preferencias: o de Maribel, o de Juan e a Rustibodega de Ángel.

Lourancho de Maribel 5

Lourancho de Maribel 8

O paso obrigado polo de Maribel, en realidade ‘O Lourancho’, sempre se converte nunha festa na que a noite pode irse a límites do pecaminoso. Son especiais a tortilla e, por riba dela, o lombo con pementos e patacas (para Carmen o mellor da bisbarra); e logo, claro, a parolada co café de pota, o excepcional licor café xeado e, como non, as atencións da propia Maribel.

Furancho de Juan 10Furancho de Juan 12

A Rustibodega de Ángel é un dos valores máis seguros na poboada zona de Covas; o polbo, as luras rebozadas, a zorza… e os doces para a sobremesa.
Persoalmente teño predilección polo Furancho de Juan. Foi o primeiro que visitamos no Salnés (xa vai para oito anos!), a súa tortilla e as luras rebozadas e fritidas animan a recuncar unha e outra vez.

Bar Pescador A Illa 03Bar Pescador A Illa 06

Unha mención especial merece o Pescador, aquí ao lado, en Cabodeiro. Estaba como pendente de confirmación -nunha ocasión, o ano pasado, faiounos un chisco- pero este verán superou con nota todas as inspeccións para converterse en centro de reunión cando vén toda a familia. Reservando mesa e prato principal aforras o ter que armarte dun pouco desa paciencia que ás veces, por excesiva, pode afear a comida. Os entrantes, en xeral, e ultimamente a fideuá. Nesta evolució e nun día inspirado pode chegar a plantar cara á mesmísima Meca.

Saratoga 09Saratoga 12

E outro caso á parte é o Saratoga; mestura de confirmación (o polbo!) e novidade (o bocata de polbo!!), e xa que non a levou antes como todos os anteriores, merece o protagonismo dunha entrada en exclusiva.

Gastromanía Palmeira 09Gastromanía Palmeira 03

Na ría de Arousa está tamén, aínda que lonxe e noutro nivel de discusión, o Gastromanía de Palmeira. Fomos dúas veces e xa se converteu no destino ideal para agasallar a visitantes especiais. Con reserva previa, o menú de degustación é un reto completo aos sentidos a un prezo máis que razoable.