un tesouro agochado na illa de arousa

Desde que lemos a Illa do Tesouro, quen máis quen menos vivimos soñando coa nosa particular illa, co noso refuxio sobordado de tesouros agochados e mil e unha aventuras.
Lembro que foi un verán en O Pinto e asocio a lectura cunha gran rocha que había cerca da casa das tías, á sombra dun enorme castiñeiro, e á que ía ler polas mañás, antes de saír ao monte cos amigos, a pacer vacas.
A mesma rocha transformábase na illa na que descubrín unha chea de tesouros.

illa_do_tesouro

Nese tempo en que o materialismo quere substituír á imaxinación atopamos a nosa illa en Arousa.
E aquí descubrimos que si, que, como toda illa, Arousa pode fachendear de numerosos tesouros.
Moitos son coñecidos.  Una posta de sol desde o faro, un baño espido en calquera das praias de Carreirón, un bocata de calamares acompañado dunha caña na terraza da Meca, unha camiñada por todo o perímetro da illa, uns mexillóns…

 IllaArousa

Unha das xoias mellor gardadas da Illa de Arousa é o bar Museo.
O Museo ocupa un recuncho do edificio do auditorio multiusos, nese fantástico espazo que se está a crear arredor da casa do concello.
Ambos, concello e auditorio, levan a sinatura dunha lenda viva da arquitectura galega do século XX: Manuel Gallego Jorreto.
A praciña, cos dous edificios, co novo museo da conserva, coa man de Jorreto, co proxecto de urbanización vai camiño de converterse nun novo atractivo da Illa.

De primeira impresión o Museo semella un bar normal, un bar sen maior pretensión, poderiamos opinar sen moito temor a equivocarnos que de feitura que raia coa normalidade, por non dicir vulgaridade.

Cheminea Museo

Pero todo cambia no intre de entrares no segredo mellor gardado deste museo: un gin-tónic fóra, na terraza, nunha tardiña morna de verán.
Un espazo excepcional, cómodo, agradable, tranquilo, moi, moi acolledor, protexido, adozado coa vista das formas rectas e as cores brancas do auditorio, presidido pola maxestosidade dunha de tantas chemineas de conserveira que conserva a Illa…

 Dixestivo 2Dixestivo 1Gin-Tonic

Pero non só un gin-tónic. Tampouco á hora na que cantan os grilos.
Tamén están os cafés, unha variedade importante de infusións, a selección de viños, os licores…, en fin, propostas para calquera hora do día, non só da noite.
Agora si, nesas horas de noites de verán é cando organizan actuacións que disparan o valor deste Museo ata o infinito. Carlos Blanco, por exemplo, é un habitual co que xa botamos un par de risos.
E todo grazas a María e Dani. Co seu espírito emprendedor, con esa proximidade, coa calor e a cordialidade coa que acollen a todo o que entra no seu Museo son os responsables de boa parte das culpas.

Por certo, o proxecto do multiusos foi nominado para o premio Mies van der Rohe de arquitectura europea na edición de 2009.
Da páxina oficial do premio (Mies Arch European Union Prize) saco estas fotos de cando aínda era proxecto:

manuel_gallego3manuel_gallego1manuel_gallego2 

E outro valor engadido. Non perdades algunhas da imaxes que colgan das paredes e nas que Dani amosa a súa devoción pola Illa e pola fotografía.


Translate »