un templo do viño

A Curva goza de sona polo meco co que MiguelAnxo Besada trata o viño. Ademais, a cociña esmerada, o trato amigable e o prezo contido alumean un local moi recomendable.

TabernaACurva

Estamos ante un cúmulo favorable de circunstancias.
Hai anos, dúas mulleres que vivían cara ao mar puxeron senllas tabernas mariñeiras nos portos de Portonovo e Sanxenxo. Co tempo, aquelas mulleres acabaron emparentando e hoxe os seus netos, os irmáns Besada, rescataron, para os amantes do comer e o beber, A Curva (Portonovo) e Casa Aurora (Sanxenxo).

A Taberna A Curva estaba en carteira desde que nun programa de Tele5 Pepe Solla acompañaba a Mario Sandoval para aprender a fritir as xoubas no seu programa Tapas y Barras (La receta de la taberna a Curva: Xoubas). Pouco despois, a Guía Respol dedicaba a súa reportaxe sobre Onde comen os cociñeiros a Pepe Solla (outubro de 2016); Solla comeza a entrevista preguntando “cantas direccións teño que darche?», porque para o seu criterio (locais con esencia, que usen a técnica sen maltratar o produto e nos que haxa bo viño), «só en Galicia hai millóns», e así, sen máis, asomaba na cabeceira  a taberna A Curva, en palabras de Solla, “bar sinxelo e honesto onde podes comer mexillóns ou pescadiños fritos con viños xeniais, ben por copas ou botellas«.

ACurva

Onte, durante a comida, chegáronnos retallos de conversas e imaxes, todas elas con tres elementos en común: todas falaban de viño, todas semellaban posuír moito fundamento, e todas xiraban arredor dun tipo de proxección amable e feitura falangueira.
Miguel Anxo Besada é un dos maiores coñecedores do viño galego (pero non só).
Vén de recibir o galardón de mellor sumiller de 2020 nos International Wine Challenge Merchant Awards Spain.
Ademais, a súa taberna e el mesmo recibiron diversas distincións de D.O.
A carta de viños de A Curva supera as 400 etiquetas.
Un pracer deixarse levar da man de Miguel Anxo e probar (de copa en copa) tres ou catro viños diferentes.

A Curva é un faro que alumea o porto no centro de todo un mar de locais pensados para turistas.
O nome vaille que nin pintado: taberna, Taberna A Curva, na liña das tabernas mariñeiras de toda a vida.
Pequena terraza, nos días que corren imprescindible, e tamén pequeno local interior con barra. Ambientación baseada na esencia tradicional dunha taberna (respectando a pedra e a madeira) e decoración centrada no omnipresente viño; espazo sen pretensións pero tamén sen disonancias, moi acolledor e agradable.
A carta é ampla e, se ben ofrece algún entrante máis elaborado, baséase no produto e no receitario tradicional galego. Frituras e guisos de peixe.

Taberna A Curva 06

Comezamos coa empanada do día, de millo e xoubas. Moi boa, tanto a masa (fina para ser de millo, ben amasada e cociñada) coma o compango (saboroso, zumarento, moi substancioso, rico).

Taberna A Curva 07Taberna A Curva 08

O fideo con ameixas. Excepcional. Un prato especialmente recomendable. No punto exacto e unha substancia intensa e melosa; un dos puntos clave, a gran cantidade de as ameixas que traen os fideos.

Taberna A Curva 10Taberna A Curva 11

Rematamos co Brownie con xeado de mazá verde e as Filloas recheas de nata con framboesa. Calquera das dúas sobremesas raian a unha gran altura.Difícil definirse, pero de ter que facelo, o contraste do bocado de chocolate do brownie co xeado: explosión de sabores, de texturas, de temperaturas…

Taberna A Curva 12

O café deixoume un delicioso, intenso e duradeiro sabor de boca.
Con dúas copas de viño (Guímaro) pagamos 27€ cada un. Coincidimos en que se trata dun prezo moi axustado, deses cos que case saes tan satisfeito coa comida coma polo que pagaches. Repetiremos. Sen dúbida.

Tanto Casa Aurora como A Curva contan cun encerado dedicado ao mundo do viño; en Aurora, máis colaborativo; en A Curva, van cambiando frases relativas á cultura do viño. Onte tocáballe falar a Ernest Hemingway: “El vino es la cosa más civilizada del mundo.”
Ademais, en fotos de Internet atopo outras anteriores: “Bibere humanum est. Ergo Bibamus”, “Vide, din, bebamos viño; e embriaguémonos ben, e o mesmo que hoxe faremos tamén mañá, e moito máis” (Isaías 12), ou “Beber ben non é un privilexio de xente con cartos. É un privilexio… de xente intelixente!” (Andoni Aduriz)
Logo, pola miña conta, atopo unha restra completa na web da adega Ponte da Boga. Vaian como despedida algunhas delas:
”O home debe ao viño ser o único animal que bebe sen sede”, Plinio.
“Hai máis filosofía e sabedoría nunha botella de vino que en todos os libros”, Louis Pasteur.
”El que al mundo vino y no toma vino ¿a qué vino?”, Bernardo Piuma (e galego perde algo da súa esencia).
“Ten coidado de confiar en alguén a quen no lle guste o viño”, Karl Marx.
“O mundo enteiro ten máis ou menos tres vasos de viño de retraso”, Humphrey Bogart.

Pois iso, mans á obra, non vai ser que quedemos demasiado atrás…

Taberna A Curva
Rafael Pico 56
36970, Portonovo, Sanxenxo (Pontevedra)
886 20 76 29 / 620 252 573
GPS: 42.394018N, 8.824103O
Facebook
Instagram
Cociña: galega, de mar
Prezo: 25-40€


Translate »