Ademais de entrantes e sobremesas, que non desmerecen en nada a famosa carne, o restaurante asador O Pazo (Padrón) pasa por ser un dos grandes templos do vacún en Galicia.
O local é agradable, clásico e sinxelo, con decoración na que manda o revestimento das paredes con ladrillo visto, cun certo aire a asador castelán.
Servizo próximo e atento, moi agradable.
Na carta destacan as entradas, as carnes e as sobremesas; algo máis débil, mínimos imprescindibles, o peixe (tampouco pretenden outra cousa).
Importante carta de viños con digna representación da maioría das DO.
Esmerado interese por coidar todos os detalles para satisfacer aos máis esixentes.
Entre os entrantes podemos citar un Polbo asado (15€), o Foie con porro (16€), a Vieira con puré de pataca ao tuétano (14€) ou a Seta de cardo en espagueti á carbonara (18€).
Estamos na tempada do atún vermello, así que o presentan en Tartar (18€), ou na brasa (26€). Ademais, uns Carabineiros con arroz meloso e na brasa (29€) o bacallau ao pil-pil dos seus callos (22€) ou o peixe do día.
E, claro, as carnes. Agás o bacoriño (25€) todas son carnes de vacún sometidas a diferentes tempos de maduración a temperatura constante arredor dos cero graos; atopamos a Tenreira galega suprema (chuletón 35€/kg, entrecosto 19€ e solombo shot de mostaza 22€), o vacún maior galego (chuletón 52€/kg, entrecosto 55 €/kg e solombo con setas e boniato 25€) e, por último, o chuletón de boi galego de traballo (con certificado de nacemento e sacrificado) a 120€/kg.
A clave das carnes, un forno Josper (artiluxio entre forno e brasa que traballa a temperatura constante arredor dos 300 graos e, deste xeito, mestura as vantaxes do asado a alta temperatura cos dos braseado, selando a carne por fóra, mantendo a súa textura e zumes, e sumando o aroma do fume).
Comezamos cun vermut Petroni (relacionado co restaurante) e os aperitivos incluídos no servizo: olivas aliñadas, manteiga fumada, degustación de aceites, tartar de navalla e croqueta de lamprea. Posta en escea peculiar e fantástica.
Para os entrantes optamos por dúas racións de Alcachofa sobre guiso de pata de tenreira e outras dúas de Chícharos do Maresme con ovo fritido na brasa (e trufa por riba). División de opinións; entre os seis que estabamos, a metade destacamos as alcachofas e a outra metade os chícharos; en calquera caso, os dous a un alto nivel.
E de prato, loxicamente, catro racións de mestura de carnes (para cada un: un anaco de entrecosto e outro de solombo tanto de tenreira galega suprema como de vacún maior galego; un pouco de bacoriño e chourizos). Parto de dúas puntualizacións: non son ningún experto na degustación de carnes maduradas e cada vez me tiran menos os grandes trozos de carne magra; malia todo, esta mestura do Pazo axuda á miña reconciliación coas carnes. Sen diferenciar unhas doutras, dicir que todas elas destacan pola perfecta cocción (ben marcadas por fora e vermellas e zumentas por dentro), pola textura, polo macias que estaban, polo oloriño a fume… polo seu exquisito sabor; ao ser anacos variados e non moi grandes non chegaron a cansar o eu padal. Para os amantes das carnes, paga a pena unha visita ao Pazo.
De acompañamento, unha pataca e un pemento vermello ao forno que empurran ás mil marabillas pola carne.
O menú de sobremesas a altura do resto da carta: Arroz con leite caramelizado e trufa (10€), Ananás na brasa, Bomba de chocolate (7€) ou o carriño de queixos granxeiros (12€). Pedimos cada un o seu doce repartido entre o Cremosiño de queixo con framboesas, Milfollas, Torta de Santiago e as Fresas con nata. Tamén división de opinións no destaque da sobremesa mellor valorada; no meu caso si que non teño dúbidas: o meu milfollas de crema e merengue queimado é deses doces polos que es quen de ir á fin do mundo.
Cos cafés, unha aplaudida selección de catro bombóns caseiros.
Somos seis. Bebemos unha botella de Pago Florentino 2013 (Castela-Mancha) e un Vallegarcía 2012 (a partir de syrah, tamén viño de pago neste caso DO Terras de Castela). Mellor viño o segundo pero gustou máis o primeiro; en ambos casos viños bos e contundentes para acompañar o menú.
Pagamos 50€ cada un. Penso que está ben. Tendo en conta o nivel xeral da oferta (ambiente, atención…), a calidade e elaboración da comida e todas as ‘delicadezas’ que teñen para cos comensais, pareceume un prezo equilibrado.
Restaurante Asador O Pazo
Óscar Vidal
Lugar de Pazos s/n
15917 Padrón (A Coruña)
981 81 15 07
www.asadoropazo.com
GPS: 42.756453N 8.652410O
Cociña: mercado, carnes
Prezo: medio 55€. Menú degustación 60€; menú 20€
Peche: noites de domingo a xoves; segunda quincena xaneiro
TripAdvisor: número 1 en Padrón
Repsol: mencionado