un polbo nos pendellos, co ateneo atlántico

Aos Pendellos, en Chantada, vaise pola comida tradicional galega. Cun entorno moi agradábel, un servizo rápido e eficiente, e a fiabilidade da cociña clásica, os prezos semellan axustados. Moi recomendábel.

LU-Chantada-OsPendellos

Nesta ocasión tratábase dunha saída organizada polo Ateneo Atlántico de Vigo para coñecer unha parte da Ribeira Sacra Lucense, menos visitada que a ourensá, pero, polo que puidemos descubrir, e cando menos, cos mesmos méritos.

Os pendellos son as vellas construcións onde se colocaban os vendedores (e pulperías) nos tradicionais mercados galegos. A sona e as construcións veñen de moi lonxe no tempo; de feito, en A Golada, pódese visitar un ‘mercado medieval’, único en Galicia, que leva por nome, precisamente, Os Pendellos.

Os Pendellos de Chantada defínense como pulpería e restaurante, e o nome vénlle de que ocupan os antigos pendellos do mercado de Chantada, hoxe reconvertido a parque. Distribuído en L, o espazo é moi estreito, precisamente para adaptarse ao volume orixinal. A decoración é rústica e un tanto recargada, pero agradábel. Enormes vidreiras laterais que dan ao parque. Tres espazos diferentes, dous deles adaptados para grandes grupos como era o noso.
Chamoume a atención a dilixencia e a amabilidade do servizo; o restaurante estaba completo, con dous grupos numerosos (nós eramos case 50), e apenas houbo tempos de espera e todo o grupo estaba servido practicamente no mesmo momento.

20191019_165318

Iamos con menú pechado pero puiden botarlle unha ollada á carta. Sorprendeume. É moi, moi ampla, e, ademais dos pratos tradicionais para comer ou picotear (polbo á feira 13€, tortilla de pataca para dúas persoas 6€, zamburiñas á prancha 9€, luriñas rebozadas 8€, croquetas variadas 6€, carne ao caldeiro 8€, carne richada 8€, zorza con patacas fritidas e ovos 7€, croca de tenreira 9€, bacallau ao forno 12€, etc.), ademais do anterior, hai revoltos (6€), pizzas (para dúas persoas 13€), cazolas, tostas, ensaladas, arroces, etc. Por outra banda atopamos un chisco de ‘refinamento’ noutras ofertas: segredo de porco con crema de queixo Savel de Airas Moniz (8€), Solombo de vaca con pastel de patacas e boletus (12€), Faceiras de tenreira galega con redución de mencía Vía Romana e castañas Naiciña (10€), ou, tamén, a presenza de boi Angus na parrillada mixta de carnes (12€) ou en solitario, como entrecosto (14€) ou costela (11). Outro dato para facermonos unha idea de por onde van os tiros destes Pendellos: a hamburguesas son caseiras, de tenreira galega, de angus ou de porco celta Tres Fuciños, e todas van con queixo DO Arzúa Ulloa (7.5€); podemos probar, tamén, unha hamburguesa cen por cen vegana, de quinoa con leituga tomate e cebola (7.5€).
Por outra banda teñen menú do día de semana, un ‘Chegabén’, de 11€ e outro ‘Os Pendellos’, de 13; tamén un menú de ‘Feira’ de 16€ e o ‘Vou Cheo’, de 25 (a cuestión está na oferta de pratos entre os que elixir, todos eles pertencentes á carta). En tempada, e por encargo, o cocido, a 13 (sen bebida nin sobremesa), a 16 (con viño da casa) e a 22€ (viño de DO).

20191019_151819

Como dicía, o menú era pechado. Comezamos cun caldo galego; un caldo de verdade, tradicional, ben quentiño para compensar a humidade que levamos papando toda a mañá… Moi, moi rico.

20191019_153403

Despois do caldo, seica unha das especialidades da casa: o polbo, no noso caso, para facer prato, con patacas. A sona é merecida: o polbo está nun punto moi interesante de cocción, non duro pero si consistente, como mandan no Carballiño, e moi ben aderezado. Gustoume. Moito.

20191019_155213   20191019_155247

A carne richada presenta notábeis diferenzas co que estamos afeitos nos furanchos do Salnés. A carne, por suposto de tenreira, vén algo máis que frita; semella como se despois de fritida estivese un pouco pochada nun sofrito de cebola; pero está rica. As patacas fritas veñen separadas, pero non hai máis ciencia que mesturalas co mollo no prato; para os máis fans, non é o meu caso, faltaríalle o pemento vermello por riba. Para min, unha das claves da carne richada é que a carne veña por riba das patacas, desparramando os seus zumes para, co pemento, dar sabor as patacas. Despois de facer esta operación no meu prato, e malia as diferenzas, a está boa.

20191019_162343

O menos convincente do menú chega coa sobremesa, un flan con aires de café bastante frouxiño. Sobre todo cando Bea, a nosa guía de Máis que románico, vén de falarnos da docería típica da zona e das súas exquisiteces entre as que destaca a torta de améndoas, cunha textura máis grosa que a de Santiago. Café ou infusión.

A verde é que o prezo pactado, 17€ por persoa, non daba máis de si. As cantidades son máis que suficientes; coa pota de caldo pasan varias veces para repetir e no caso do polbo e a carne van substitíndo as bandexas baldeiras por outras ben cheíñas.

Gustáronme estes Penedos; non é doado cociñar e atender grupos que roldan as cincuenta persoas, pero fixérono magnificamente. Un restaurante-pulpería a ter en conta en Chantada.

DSC00699

A comida entraba na organización dunha saída á Ribeira Sacra lucense que preparou o Ateneo Atlántico. Mágoa de choiva! Pasámolo realmente ben, foi un día ben completiño de actividades e novos descubrimentos…, pero case poderiamos dicir que foi o día dos paraugas.

DSC00671 DSC00693 20191019_135642 2

Comezamos pola igrexa de san Paio de Diomondi (fachada e pórtico), san Estebo de Ribas de Miño (pórtico, rosetón e adecuación do espazo exterior de Santiago Catalán) e acabamos a mañá coa visita á adega Ribada gozando coa sabedoría de Manuel e coa bondade dos seus viños (probamos dous tintos, un novo, do ano e outro de colleita seleccionada e entre dous e catro meses en barrica).

DSC00827  DSC00881  DSC00962

Xa cos bandullos cheos, pequena camiñada até santa María de Pesqueiras (porta, ventás, frescos, cemiterio) e remate coa considerada unha das xoias da zona, os frescos de Nogueira (santa María de Nogueira do Miño), no corazón do Cabo do Mundo.

DSC00779  DSC00799  DSC00855

Polo medio houbo tempo para admirar paisaxes espectaculares, para apañar castañas, para atravesar o Miño por Belesar, para algo de arquitectura moderna e mesmo un graffiti, para rir, mollarnos, charlar, aprender, brindar… Mesmo houbo tempo para facer algún novo socio para o Ateneo…
En fin, unha magnífica xornada para gozar dunha organización exelente, dun grupo de amigas do mellor que che pode tocar e uns guías que o deron todo.
(Ah! e non esquezamos ao noso condutor, Montes, que houbo de loitar, saíndo sempre vencedor, cunhas estradiñas que para que vos vou contar).

Os Pendellos
r/ de Benigno Ledo
27518 Chantada (Lugo)
637 829 633
Facebook
GPS: 42.611156N  7.770210O
Cociña: tradicional galega
Prezo: desde 15€
Peche: de domingo a xoves pola noite; luns


Translate »