un paraíso sen glute

O Lar de Pereiras (Meaño) ofrece unha carta tradicional, moi ampla e variada, na que todos, absolutamente todos os pratos están elaborados sen a presenza de glute.
Unha grandísima noticia.

O lar de Pereiras 1

De entrada cómpre unha aclaración.
Non estamos ante un restaurante para celíacos.
Non. Trátase dun restaurante sen etiquetas, apto para todos os públicos.
Pero se o que queremos son adxectivos podemos elixir entre moitos. Restaurante familiar, tradicional, agradábel, atractivo…; e comida rica, caseira, variada, saborosa, abundante, sa, coidada, e un longo etcétera.
Iso si. Nesa cociña, con todos os seus valores engadidos, non entra ningún ingrediente que conteña glute.
A garantía e confianza de non contaminación  están aseguradas.
E a calidade, o sabor e a variedade para todos, tamén.

O lar de Pereiras 3

Se todos somos iguais, por que cando un celíaco come fóra de casa se sinte diferente?
O Lar de Pereiras será como a túa casa cando saias comer fóra!
  (Facebook)

Todo comeza cunha nai, Patricia, cociñeira, e un fillo, Álvaro, que quere seguir a estela da nai e decide estudar hostalaría. Con 17 aniños, a Álvaro diagnostícanlle intolerancia ao glute e, en lugar de achantar e dedicarse a outra cousa, decide seguir adiante coa súa ilusión e facerse cociñeiro.
Non o tivo doado. Comenta, por exemplo, as veces que houbo de botar man dun compañeiro de clase para que probase os pratos que el cociñaba nas prácticas da carreira e que necesariamente levaban glute…
Profundar e experimentar na cociña para celíacos converteuse en moito máis que unha obriga ou unha necesidade.
O resultado, un proxecto familiar no que todo o mundo colabora: O lar de Pereiras.

Sin título-1

O primeiro punto, a localización, un aspecto clave para o éxito dunha casa de comidas (ou de merendas): o lugar de Pereiras, en Meaño, está ao pé mesmo da vía rápida do Salnés, a tiro de pedra de todas partes. Disque desde que entrou nas páxinas dos celíacos galegos empezan a chegar desde todos os puntos de Galicia. Así pois, non está de máis facelo sempre, pero nas fins de semana é imprescindíbel reservar.

Segundo, o local. Mesas interiores nun espazo cunha interesante decoración industrial e moderna, adozada con madeiras claras, diáfano e agradábel; e a terraza posterior, con mesas baixo un porche, nesta tardiña de agosto, un estancia perfecta.

Terceiro, a atención. Aquí entra en xogo o pater familias. Resulta ser unha persoa extraordinariamente amábel e cálida, atenta aos pequenos detalles, faladora se queres que fale, respectuosa coa túa intimidade. Explica á perfección a filosofía do local e describe con rigor e paixón os pratos da carta.
Explicación pormenorizada sobre un dos aspectos claves da cociña sen glute: as diferentes técnicas e ingredientes que utilizan para empanar, rebozar e todas as súas variantes sen botar man das fariñas e pan relado con glute.
Para cada prato pregunta polas preferencias do grupo (a tortilla, máis callada ou zumenta?).

Carta

E logo, claro está, a carta.
Na sección de tapas atopamos táboas (de queixos ou de embutidos, as dúas 7.90€), as tortillas, ou os pementos de padrón (5.90€).
Carnes: Secreto ibérico á brasa (13.90€), crioulo á brasa con patacas (2.90€), cachopo de tenreira (14.90€).
Arroces: De vieiriñas e lagostinos (16.90€) ou de vieiras e xamón (17.90€).
Ensaladas: mixta (4.90€), caprese (5.90€), morna de lagostinos (7.90€).
Mariscos e peixes: polbo á feira (15.90€), mexillóns á brasa (7.90€), salpicón de polbo e lagostinos (11.90€), vieiriñas á prancha (10.90€), fritura de peixiños (8.90€), robalo á brasa (14.90€), bacallau á portuguesa (16.90€), etc.
E, perdón pola insistencia, TODO apto para persoas con celiaquía.

O lar de Pereiras 4 O lar de Pereiras 7

Nun concello como o de Meaño, rico en furanchos, O lar de Pereiras asume algúns dos seus bos costumes, neste caso, a cortesía da casa acompañando a bebida; para abrir boca… Un queixiño en porción empanado en pan relado e cun toque de marmelada por riba. Moi rico. Agradécese o detalle.
No tocante ao pan, a elixir entre un boliño normal e outro con noces e pasas, os dous caseiros e, por suposto, sen glute; e a única excepción da casa: para os máis escépticos, tamén pan ‘normal’.
A colección de viños é significativa. Desde os típicos branco treixadura e tinto país, a unha non moi extensa pero si coidada selección de viños locais, galegos e dalgunhas das principais DO españolas.
Bebemos cervexas e augas.

O lar de Pereiras 5   O lar de Pereiras 8

O lar de Pereiras 10   O lar de Pereiras 6

Somos catro e, para probar, cada un elixe unha tapa e compartimos.
Así, o menú queda formado polas croquetas (de carne e de xamón; delicadas, saborosas, cremosas; moi boas; cubertas de pan relado); tortilla de patacas (ben, pero sen máis cualificativos, para o meu gusto un pouco callada de máis); as luriñas, rebozadas en fariña, de novo espectaculares; as brochetas crunch de lagostinos (rebozados en panko), tamén moi, moi ricas.
As racións son tirando a abundantes.

O lar de Pereiras 11 O lar de Pereiras 12 O lar de Pereiras 13

A lista de sobremesas tamén e importante (e apetecíbel): arroz con leite, flan de ovo, tarta de tres chocolates, tarta de queixo con froitos vermellos, tarta artesá de améndoas… Todas as sobremesas andan arredor dos 3.5€.
Tiramos por unha tarta de cenoria, unha de tiramisú e un couland con xeado de vainilla. Os tres moi ricos.
Xunto cos cafés, pagamos 16 euros por persoa.

En resumo, o Lar de Pereiras pasa a ocupar un lugar de privilexio no meu listado de locais no Salnés. Pola comida, pola sensación de benestar, polo prezo…, e, en especial, polo seu concepto de comida para todas.
Moito máis que recomendábel.

O Lar de Pereiras
Álvaro

Pereiras 7A, Meaño
36968, Pontevedra
GPS: 42.445270 N, 8.792670 O
986 74 73 93
olardepereiras.com
Facebook
Carta completa en menuyvinos
Cociña: tradicional, sen glute
Prezo: 15-25€
Horario: Verán: 12.30-16.30 e 20.00 a 00.00h. Inverno: xoves: a partir das 20 horas, noite de hamburguesas e pizzas; venres, sábado e domingo o mesmo horario que en verán.


Translate »