un mundo machista

Recoñezo que levo tempo madurando esta reflexión.
Recoñezo que non foi doado. Que co paso do tempo fun evolucionando.
Recoñezo que nun primeiro momento pensei en bautizala como ‘un mundo masculino’, que logo pasei a ‘un mundo machista?’ e que, por fin, hoxe tendes o paso final da reflexión.
Recoñezo que un contido coma o presente non admite suavización, non quere imaxes que nos desvíen da atención principal.
Hai un par de semanas, e a raíz da nosa visita ao restaurante Alborada, resumía os catro grandes momentos da miña formación como tombacazolas. Eran, por orde cronolóxica, Toñi Vicente, Os Nove (mención especial a Marcelo Tejedor), Sergi Arola e, por fin, e como motivo do momento, Luis Veira.
Foi tal, que durante a maduración tiven o corazón algo así como ‘partío’. No ollo da controversia estaban dous dos nomes que máis me marcaron gastronomicamente: Toñi e Marcelo.
Sen entrar en matizacións ou detalles, os dous implicados en senllos expedientes xudiciais.
A miña intención sempre foi situarme nunha posición equidistante entre dúas situacións con notables diferenzas pero tamén con moitos puntos en común. A pretensión non é nin inculpar nin exculpar (para iso está o sistema xudicial), senón analizar os xeitos de reacción social desde unha perspectiva externa de quen nesta disputa non ten máis información que a dun soldadiño de a pé.
O punto máis relevante do tema pode estar en que ela, Toñi, resultou imputada por unha actuación que afectaba de xeito directo ao seu labor como profesional, como cociñeira (‘Delito contra a saúde pública’). A día de hoxe non teño información de xuízo nin condena.
Pola contra, el, Marcelo, érao por un acto que estaba dentro da súa vida persoal e privada e que nada tiña que ver como mundo da cociña (‘lesións contra a súa ex-muller’).
Tal vez sexa este o motivo polo que recibiron un trato tan desigual. Se mergullamos un pouco pola rede malo será que non tardemos en atopar manifestacións neste sentido…
E é que a miña impresión segue a ser que Toñi Vicente foi moito máis castigada polo seu erro do que foi Marcelo Tejedor.
E a min, persoalmente, paréceme unha situación inxustísima.
E dígovos por que.
Hai unhas semanas facía un exercicio moi revelador co meu alumnado de primeiro da ESO. Primeiro pedíalles que cada quen elaborase unha lista coas calidades que cada un nos pediría para ser un ‘bo profesor ou profesora’. Ao cabo dos días fixemos o mesmo exercicio pero para destacar as calidades que todos deberíamos ter para iso tan difícil de definir coma o de ‘ser persoa’.
A sorpresa foi que, con 12 ou 13 anos, e con mínimas matizacións, moitos souberon facer coincidir as dúas listaxes para deducir que a primeira condición irrenunciable para ser un ‘bo profesor’ é ‘ser persoa’, aínda máis, que as calidades da persoa están por riba das do profesor (en xeral das do profesional).
A cuestión ‘Toñi Vicente’ dirimiuse nos medios de comunicación, principalmente Internet, e alcanzou transcendencia mediática con interferencias políticas, nacionalistas e tamén diso que chaman do mundo dos ‘intelectuais’.
Todo o que quixo meteu o dente e así Toñi Vicente saiu publicamente xulgada, condenada e arroxada aos leóns.
Do caso ‘Marcelo Tejedor’ falouse moito menos. Lin, en demasiadas ocasións, que se evitaba (nas noticias, nos blogs, nos artigos de opinión, etc.) por tratarse dun asunto estritamente persoal, da súa vida privada.
O certo é que el si foi xulgado polo sistema, e resultou considerado culpable, e, a día de hoxe, ten unha pena que cumprir.
Agora ben. Se todos estamos expostos ao tropezo, a cometer un erro, son dos que pensa que perdoar é tan humano como equivocarse, (hai quen non pense coma min e o faga porque é de bos cristiáns, ou porque é un dos atributos do poder, quizá por disque é de sabios…) e unha vez pagadas as nosas culpas coa sociedade, todas temos dereito a unha segunda oportunidade.
A realidade a día de hoxe é que Toñi Vicente (imputada) houbo de pechar o seu restaurante en Compostela e desde entón anda dando tombos por Galicia adiante sen lograr recuperar o ritmo da súa carreira profesional.
No extremo contrario, Marcelo Tejedor (condenado), segue aí, co seu restaurante gozando de magnífica saúde, representando a gastronomía galega por medio mundo, metido en exitosas campañas de marqueting que laven ou fagan esquecer as súas pequenas equivocacións.
E isto a min paréceme inxustísimo.
Non desexo ningún mal a Marcelo, ao contrario, paréceme un grandísimo cociñeiro e espero para el unha carreira como a que merece.
Pero Toñi tamén é unha grandísima cociñeira e ela si que non ten o que merece.
Pero como as impresións son persoais e dependen da cor das lentes que levemos ese día, e como non me gusta ir nestes temas de falabarato, ideo un pequeno exercicio de comparación obxectiva.
No buscador avanzado de Google, no apartado de ‘frase exacta’ introduzo, primeiro, ‘Toñi Vicente’ e a continuación ‘Marcelo Tejedor’. En ambos casos marco ‘páxinas escritas en calquera lingua’ e ‘páxinas feitas en España’; o resto de opcións quedan por defecto.
Primeiro avance: Toñi Vicente, 108.000 resultados; Marcelo Tejedor, 52.000
Deixo para outro día (Un mundo machista 2) os resultados desta pequena investigación.
Por certo. Todas as liñas de reflexión (e a partir delas as actuacións das autoridades e as campañas publicitarias) apuntan a que o principal problema da violencia machista é que se pretenda limitar á súa vertente privada.
Non, non é unha cuestión da vida privada, é algo que nos afecta á toda a sociedade.
Claro que os círculos machistas non queren entendelo e seguen parapetados tralo escudo de que se trata unha cuestión de parella.
Ata que non existe parella…
Cos maltratadores, tolerancia cero.
Nacho Pérez. Vigo.