un menú do día xaponés en vigo

O Nikko Espazo Gastronómico ofrece comida xaponesa e de fusión. Espazo moi luminoso e agradable, con decoración minimalista. Boa atención, prezos razoables e un magnífico menú do día por 12.5€.

Restaurante Nikko 01

O local que ocupa o Nikko, por historia, é, de por si, moi esixente no devir da gastronomía viguesa; por írmonos só ao pasado máis próximo, falamos do espazo onde trunfou o Ruxe.
Mantendo a estrutura, déronlle unha volta á decoración de xeito que lograron cambiar de raiz pero manter un ambiente especialmente cómodo e agradable. A barra funciona como típica barra-sushi, con elaboración á vista e, de esguello, á cociña. Zona de bar máis informal (pero necesaria nos momentos cume da comida), e restaurante, con pequena e apetecíbel terraza, ao fondo.
Defínense como cociña xaponesa e, por extensión, asiática, elaboradas a partir de produto galego de primeira calidade; ademais, guiños a algunhas recetas clásicas da terra, con xiros inesperados inspirados na fusión con técnicas orientais.

Restaurante Nikko 05

A carta ofrece moitas das preparacións clásicas da cociña xaponesa. Uramakis (8 pezas, 12.70€), Futomakis (6 pezas, 12.40€), Nigiris (2 pezas, entre 5 e 6.5€), Temakis (8.20€), Variado de Sushi (12 pezas, 20.75€), Sashimi Moriawase (16 cortes de peixe, 18.40€), variado de sushi e sashimi (20 pezas, 25.90€). Ademais, unha sección de ‘Cociña quente’ que inclúe, por exemplo, as Croquetas de chocos na súa tinta (8.90€), Pan Bao, costela coreana e zamburiñas (4.9€ unidade), Gyozas de polo e verduras (6€), Wok udon coco kimchie con ameixas (13.9€), Polbo de Cambados á prancha con patacas ana e a súa allada (19.9€), Faceiras de tenreira galega con cremoso de boniato (16€) ou Secreto de porco ibérico, barbacoa xaponesa e cremoso de pataca (15.50€).
O servizo, moi correcto; sen manifestacións excesivas e innecesarias, amósase atento e preocupado por completar a satisfacción da experiencia. Neste senso ocorre un feito curioso que voloro positivamente; Para beber? Viño, tinto, Algunha preferencia?, Ribera, E, non lle apetecería un Rioxa?, Mmm?, Onte cometemos un erro e abrimos unha botella de Rioxa de calidade sensiblemente superior á que corresponde ao menú diario, quere probalo? E así foi como comín cun Allende ( Rioxa moderno, intenso, saboroso, persistente, afroitado pero con evidencias dos nove meses en barrica, moi rico e, evidentemente, varios chanzos por riba dos viños de diario).

Restaurante Nikko 03

O menú do día actualizase semanalmente e ofrece un entrante, prato principal, pan, bebida e sobremesa ou café por 12.5 euros; tanto o entrante coma o prato, a elixir entre tres opcións diferentes; un punto a ter moi en conta no menú do día (está nesa filosofía de fusión do local) e cando menos, sempre hai unha opción de entrante e de prato máis conservadoras que o resto das propostas; por outra banda, o menú de hoxe (será sempre?) tamén conta cun variado de sushi (10 pezas).
Ademais, o Nikko entréganche unha especie de tarxeta de fidelización coa que, despois de doce menús do día, recibes un gratis.

Restaurante Nikko 07      Restaurante Nikko 08

Entrantes da semana Variado de croquetas, Temaki de peixe panko con maionesa de sésamo e Salteado de pak choi con seta shitake; pedimos unhas croquetas e o wok. As croquetas moi ricas; a que menos nos gustou (a verdade é que pouco) a de arroz de chocos. O salteado realmente delicioso; forte, sabrosón, variado, moi, moi rico.

Restaurante Nikko 10      Restaurante Nikko 11

Pratos principais: Tallaríns de polo ao curry, Pizza carbonara caseira e Variado de 10 pezas de sushi. Difícil elixir pero, pacatos, tiramos pola pizza e os tallaríns. A pizza caseira moi rica, mínima base moi torradiña e cobertura abundante e rica. Eu quedei, de novo, encantado co meu prato de tallaríns con polo e curry; estaban moi bos; o curry, non moi forte, ensamblaba á perfección o prato; gustáronme.

Restaurante Nikko 12

E cando xa estabamos máis que contentos coa comida, chegou o mellor momento: a sobremesa, unha crema de café absolutamente excepcional. Texturas, sabores, delicadeza, as migas de galleta por riba… Fantástica.

Restaurante Nikko 06

Un menú do día sen ningún lugar ás dúbidas moi, moi recomendábel. Pola selección de pratos, pola elaboración, pola presentación, polo trato recibido e o ‘exceso’ do viño…
Seguro que a cea á carta está ao mesmo nivel que o menú. Haberá que probala.

Nikko Espazo Gastronómico
Nico Pío

r/ México 10
362014 Vigo (Pontevedra)
886 130 576   /   604 028 466
GPS: 42.233629N,  8.715140O
Facebook
nikkoespaciogastronomico.es
Cociña: asiática, fusión
Prezo: Menú do día 12.5€; carta 15-35€
Peche: domingo; mércores noite


Translate »